Este peculiar ano 2020 celébrase o segundo centenario do nacemento dunha galega universal, Concepción Arenal Ponte, quen naceu en 1820 en Ferrol, residiu, entre outros lugares, en Miño, A Coruña, Oleiros e Pontevedra, e morreu en Vigo en 1893. Na cidade herculina e en San Pedro de Nós residiu en diversas ocasións e estableceu unha sólida e transcendente relación coa admirable Juana de Vega; ademais, o seu fillo, Fernando García Arenal, estudou o Bacharelato no instituto local. Pensadora relevante, referencia internacional na reflexión e posta en practica de mecanismos de atención aos desfavorecidos, pioneira no feminismo, tamén lle prestou algunha atención á actividade científica. Desta cuestión, especificamente do seu escrito de 1855 sobre a máquina de vapor de James Watt, o símbolo da Revolución Industrial, falaremos neste e noutros episodios.

Unha ferrolá

A profesora Anna Caballé, na biografía sobre Arenal que lle valeu o Premio Nacional de Historia, subliña unha cuestión que anteriormente recibira escasa atención entre os biógrafos, a conexión de Concepción coa súa cidade natal. A nosa protagonista naceu en Ferrol porque alí vivía a nai, Concepción Ponte Tenreiro, e a familia desta. O pai, o tenente coronel Ángel Arenal Cuesta, cántabro de Armuño-Potes, chegara destinado en 1815 a unha cidade única no Noroeste peninsular. Un núcleo urbano que en poucos anos, a raíz da construción do Arsenal na década de 1750, pasou de ser unha aldea de trescentos habitantes a converterse na primeira cidade de Galicia por 1797. Os problemas da Facenda Real a fins do século XVIII deterían o progreso ferrolán, que non se recuperou ata os anos corenta do XIX, aínda así a urbe mantivo unha actividade singular no territorio galego.

"Conchita", que viviu na rúa Real, naceu nun ano no que tivo lugar o acontecemento político importante para o conxunto da sociedade e de xeito particular para o liberal Ángel Arenal, o inicio do Trienio liberal. Ese ano a familia trasladouse á Coruña, onde o pai ocuparía a Secretaría Política do Goberno Superior de Galicia. Posteriormente sería gobernador de Lugo e acabaría ese período en Pontevedra como integrante do Estado Maior. A represión absolutista de 1823 obrigouno ao retiro da vida profesional e a familia pasou a vivir en Leiro, parroquia do Concello de Miño na que residiron ata a morte de Ángel en 1829. Obviamente, nese período a nena debeu acudir en diversas ocasións á súa cidade natal, situada a menos de 30 quilómetros, aínda que só fose para visitar á familia materna.

Contorna industrial singular

Aquela nena, que uns trinta anos despois escribiría sobre a máquina de vapor, tivo o privilexio de pasear por unha cidade pioneira na introdución dese artefacto. Por 1795 iniciouse a instalación no Arsenal, o complexo industrial máis relevante de Galicia durante séculos, da primeira máquina de vapor en funcionamento nestas latitudes. Realizouse baixo a dirección do enxeñeiro xefe Rafael Clavijo Socas (quen sería o contacto e valedor de Alexander von Humboldt no seu paso por A Coruña en 1799) e coa intervención do técnico Andrés Antelo Lamas, mestre maior das bombas de vapor desde 1797. O aparato era do modelo Newcomen, nome que procedía do inventor, o ferreiro Thomas Newcomen, quen co mecánico John Calley creou a máquina inicial en 1712. Nela quentábase a auga, o vapor producido pasaba a un cilindro, movía o pistón e este unha viga oscilante, dese xeito a enerxía térmica era transformada en enerxía mecánica, o calor en movemento. Esa máquina, con diversas modificacións, foi utilizada ao longo do século XVIII no Reino Unido para extraer auga das galerías das minas. As melloras de James Watt permitirían, desde 1776, dispoñer dun aparato moito máis eficiente, porén, como síntoma do atraso industrial español, non chegou aquí ata o inicio do século XIX. A principios desa centuria aínda se seguía a utilizar o obsoleto modelo Newcomen e, de feito, o enxeñeiro Josef Muller deseñou unha desas máquinas en 1813 para o Arsenal ferrolán.

O uso inicial das primeiras máquinas de vapor en España foi diferente ao asignado no seu país de orixe, o Reino Unido. Viñeron aos arsenais da Mariña para achicar auga dos diques de carenar en seco. A reparación e limpeza dos cascos dos buques precisaba dun tratamento periódico, carenar, que se realizaba mellor se o barco era introducido nun dique e despois se retiraba a auga. O traballo de extracción desta era ben duro, esixía o esforzo de moitas persoas, xeralmente os denominados "traballadores forzados" (escravos, desterrados, vagos, xitanos ou presos). En Ferrol máis de 500 presidiarios traballaban unhas 50 horas, case unha semana, para rematar o labor. A instalación de dúas grandes máquinas de vapor, que podían funcionar por xunto ou por separado, permitiría o baleirado do dique en seis ou sete horas, unha xornada. Antelo, ademais, realizou diversas melloras, perfeccionou as máquinas e colocou tres subalternas que, movidas pola principal, servían para labores complementarios. A principios dos anos 50 do século XIX a recuperación da actividade permitiu a creación no Arsenal dun moderno obradoiro destinado á construción de máquinas de vapor, a Factoría de Máquinas. Iniciou a súa actividade en 1855, o mesmo ano da publicación do artigo de Concepción Arenal sobre a máquina de vapor.

Nas aulas científicas universitarias

Arenal Ponte, no proceso previo á súa definición vital arredor da atención aos marxinados e interese polo mundo do Dereito, explorou outros territorios do coñecemento. E un deles foi o das Ciencias. De feito asistiu na universidade madrileña a clases de Ciencias Naturais, Medicina e Física. Mantiña amizade con dous catedráticos de Zooloxía, Laureano Pérez Arcas e Lucas Tornos. Pérez Arcas, autor dun manual de éxito sobre a súa materia, era coñecido do naturalista Víctor López Seoane (daquela estudante en Madrid), con quen compartiu excursións científicas en 1854 e ao que visitou en Ferrol en 1856. Lucas Tornos estaba casado con Pilar Matamoros, íntima amiga de Concepción Arenal, quen escribiría en 1883 unha nota necrolóxica sobre o científico, publicada nas Actas de la Sociedad Española de Historia Natural. A ferrolá, ademais, acudiu ás clases de Pedro Mata Fontanet, catedrático de Medicina Legal e Toxicoloxía. Este innovador profesor redactara en 1843 un plan de estudos, o Mataplan, e, en 1859, sería protagonista dun momento singular cando, no discurso pronunciado o 26 de xaneiro na Academia de Medicina de Madrid cuestionou o carácter científico das anacrónicas posicións hipocráticas que dominaban nas cátedras das facultades de Medicina españolas.

A prol do progreso científico-técnico

Na contorna familiar de Concepción Arenal existía un salientable interese polas novidades científico-técnicas. O seu fillo Fernando sería enxeñeiro de Camiños e o marido, Fernando García Carrasco, era decidido partidario. No verán de 1855, a continuación da aparición do artigo da ferrolá sobre a máquina de vapor en La Iberia, o marido publicaría no mesmo xornal madrileño outro sobre a industria e as exposicións universais, no que se aprecia unha contribución substancial de Concepción. Por certo, os textos coincidiron nese periódico coas sucesivas entregas da novela Desde el cielo, obra dun mozo que nese tempo estaba a destacar como escritor de ficción, Manuel Martínez Murguía, con quen Concepción mantería contacto.

Nos dous artigos do matrimonio Arenal-García estaban presentes a ilusión polo progreso material. Están escritos nun momento de esperanza política e persoal dos autores, en pleno Bienio progresista, no que unha parte dos liberais que defenderan a Constitución de Cádiz de 1812 e unha nova xeración confiaban en reformas que modernizarían o tecido produtivo e superaran os atrancos procedentes do Antigo Réxime. Eses anos 50 foron os dun certo despegue industrial en España, momento de arranque do ferrocarril coa aprobación da Ley de Ferrocarriles o propio ano 1855.

Diversas persoas próximas ao matrimonio compartían ideario e interese polos temas tratados neses artigos. Entre eles o coruñés Ramón de la Sagra, deputado nas Cortes do Bienio. Sagra participara en diversas empresas e era un experto no tema industrial, acudira a numerosas exposicións (en maio dese ano 1855 estivera na de París), presentara diversos informes sobre a industria europea e acababa de publicar, en 1853, o relativo á exposición universal de Londres de 1851.

A matización de Arenal á súa posición inicial

O entusiasmo inicial de Concepción Arenal co progreso científico-técnico, coa irrupción da máquina de vapor, do ferrocarril e a industrialización, plasmado nos artigos de 1855, mudou algo nos anos posteriores. Ela, e algúns pensadores liberais, por exemplo o devandito Sagra, mantiveron a fe na extensión do libre mercado e nas novidades técnicas porén observaron a parte escura daquel progreso e as súas limitacións. Conmovidos polos efectos da nova economía capitalista sobre amplas capas da poboación e a ausencia dun tecido asistencial axeitado, reclamaron do nacente Estado liberal estruturas e actuacións a prol dos máis desfavorecidos. Desde un enfoque metafísico, máis con honradez intelectual, buscaron alternativas para socorrer aos damnificados. Sagra demandou medidas que fixeran "compatible el progreso material con la felicidad del pueblo". E Concepción Arenal Ponte explicou en 1877, coa precisión que a caracterizaba, que non abondaba co progreso técnico e económico: "El gran problema no es construir observatorios astronómicos, ni palacios ni museos, ni perforar montañas, ni abrir istmos; todas estas cosas son buenas y se reciben con gratitud, pero el objeto principal de la sociedad, su verdadero fin, es la perfección de los que la componen". A ferrolá entendía que a fin moral, seren mellores persoas e cidadáns, debía pasar ao primeiro plano.