Ciencia, tecnoloxía e a lingua galega comparten un único espazo no proxecto Neón Crea, realizado polo grupo Ciencia Aberta da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC). As cabezas de Ignacio Delgado, Charlene Harriswangler, Miguel Carballa, Sara López e Antía Freire uníronse para levar a cabo charlas, obradoiros e vídeos cos que achegar a ciencia e a tecnoloxía á mocidade. "Buscamos a difusión de ambas dunha forma diferente", expón Delgado.

Neón Crea, enmarcado no programa Iniciativa Xove da Xunta, conta con tres tipos de actividades. "Os vídeos cos que facemos divulgación científica e contamos curiosidades ou reaccións", detalla, e engade que as pezas audiovisuais están dispoñibles en Instagram e YouTube. Por outro lado están os obradoiros de aprendizaxe e creación. "Como impresión 3D, ilustración dixital, introdución á electrónica ou edición de vídeo", enumera. Ademais, a iniciativa conta con obradoiros abertos para que "os participantes poidan crear proxectos relacionados coas cousas aprendidas".

Calquera persoa interesada nestes eidos pode unirse para formar parte dos obradoiros, aínda que o público obxectivo, indica Ignacio Delgado, é "a xente que xa ten algún tipo de coñecemento ou interese previo para explorar a conexión entre ciencia e tecnoloxía".

Sempre, por suposto, co galego como canle de comunicación. "Queremos promover a nosa lingua", explica o alumno da UDC, que recoñece que "a ciencia e a tecnoloxía están dominadas polo inglés". "Coñecer termos científicos no noso idioma é moi importante", sinala convencido. Delgado define Neón Crea como "un proxecto de unión". "Entendemos que ciencia e tecnoloxía van ben xuntas, sempre en contacto".

A Covid-19, coma en todos os sectores, tamén obrigou a este grupo a cambiar os seus plans. "A idea dos obradoiros era facelos presenciais. Tiñamos un aforo de 25 ou 30 persoas que tivemos que reducir a solo dez. Foi un fastío", recorda. Pero o seu espírito de loita, de ensinar, de aprender e de gozar da ciencia levou os obradoiros á rede. "Para todas aquelas persoas que non tiveron praza, fixemos unha trasmisión online. Así conseguimos o obxectivo orixinal de chegar a máis ou menos 30 persoas", conta Ignacio Delgado.

Non foi sinxelo. Tiveron que buscar cámaras, practicar e adaptarse a unha nova situación que nunca imaxinaron. "Pero estivo ben. É unha forma de adaptarse ao que vén, xa que durante un tempo haberá que combinar a formación presencial coa telemática", reflexiona.

O proxecto continúa, aínda que as subvencións de Iniciativa Xove non se convocan ata xaneiro. "Seguiremos traballando e xa a solicitaremos, pero non imos abandonar agora. Nós queremos seguir co proxecto e somos moi activos nas redes sociais", comenta o estudante, que recorda a todos os interesados que comparten "datas, vídeos, fotografías e novidades no Instagram, no Facebook e no Twitter de NeonCiencia".