Unha librería e moito máis. Unha rúa por riba do vello linde coa Coruña e a uns metros da sede da desaparecida e modesta casa consistorial, toma forma na rúa da Merced e coa vista posta na súa inauguración oficial en quince días A Tobeira, "un alpendre cultural" que nace como polo dinamizador de coñecemento, pero tamén veciñal e reivindicativo da memoria "dos barrios do antigo concello de Oza", según un dos membros da cooperativa que dá sustento xurídico ao recinto, Daniel Palleiro, nunha zona altamente envellecida e sen excesivas "infraestruturas" para o encontro da xente.

"Comercialmente parécenos un lugar interesante porque non hai moitas librerías", avanza e amplía Palleiro. "Pero queriamos apostar tamén polo barrio, por crear cultura alternativa más aló do centro da cidade ou do eixo con Monte Alto. Que a xente, na medida que queira, faga seu o espazo", conta un dos seus impulsores, que xa traballaba baixo as mesmas premisas, aínda que con matices, no Fiandón, na contorna do Campo da Leña.

Entre interminables estantes por montar nun espazo diáfano, A Tobeira ofrecerá "fundamentalmente librería de vello", pero tamén exemplares "de primeira man, máis de ciencias sociais, política e antropoloxía". En definitiva, un lugar "agradable onde poder coller un libro e sentarse con calma nun ambiente sonoro adecuado" e tamén un centro cultural no que terán cabida "teatro comunitario, cursos de música tradicional, obradoiros, presentacións, clubes de lectura...". Todo sen olvidar e como outro protagonista máis da actividade de recuperación da memoria do Concello de Oza, anexionado pola Coruña en 1912, que xa desenvolve a Asociación de Veciños Oza Gaiteira Os Castros nalgúns proxectos como Pantasmas de Oza ou investigadores como José Carlos Alonso. "Eu son do barrio, fago investigación e queremos crear máis formatos para seguir con todo ese traballo", apunta abrindo e adiantando novos camiños máis aló da documentación fotográfica e as conferencias impulsadas con forza nos últimos tempos.

Nesa amalgama de actividades e propostas que trasladarán a xente da zona dos Castros, polo de agora e aínda sen abrir ao público, xa notan boa acollida por unha razón moi particular. "É un barrio no que tampouco hai moitas infraestruturas, non é como noutros. Para toda a xente que hai... Xa contactamos con algunhas asociacións que nos dixeron que lles interesaba moito porque non tiñan donde ensaiar e facer as súas actividades", relata.

Mañá empezarán a súa actividade co aperitivo da conferencia de Amador Fernández-Savater, divulgador no campo da "filosofía política", unha das áreas que máis pretenden atender na Tobeira. O acto, con medidas de seguridade, hixiene e distanciamento, está aberto ao público e será ás 12 horas.

Unha vez finalizado ese coloquio e presentación anticipada, quedará traballo para empezar coa súa actividade diaria a partir do 10 de novembro. Será a culminación dun traballo de meses que debería terlles levado a estar xa en contacto directo cos veciños dende setembro, pero que pouco a pouco foise adiando. O coronavirus golpeoulles, como a todos, e tórnase nunha ameaza case perenne. Aínda así, nada lles arreda. "Atravesounos a pandemia, pero tiramos millas. É arriscado porque meterse en gastos nestes momentos nos que hai incertidume... Pero nós confiamos en saír cara adiante", sentenza quen se ilusiona coa axuda do barrio, co orgullo de Oza e cunha aposta diferente e descentralizada pola cultura.