No verán de 1855 apareceu na Sección de Variedades do xornal madrileño La Iberia a colaboración de Concepción Arenal Watt. Su vida y sus invenciones. Unha contribución singular en moitos aspectos. Por exemplo, sorprende que o propio medio eloxiara o artigo pero a publicación tivera lugar nun período pouco propicio para a súa difusión, xa que a pesar de dispoñer do orixinal desde había tempo, o xornal ofreceuno en seis entregas a fins de xullo e no mes de agosto.

Chama máis a atención unha nota que acompaña de xeito previo á primeira entrega, a do 28 xullo. Referíase á autora, "doña Concha Arenal de Carrasco", indicando que o artigo era debido á "pluma de una señora que, durante muchos años, ha ocultado su sexo para asistir a las cátedras públicas, y en quien nadie sospecharía encontrar los profundos conocimientos que revela en las ciencias físico-matemáticas, y que han sido generalmente patrimonio de las inteligencias varoniles". O texto alude ás clases de Historia Natural, Física e Medicina Legal ás que Concepción acudira na Universidade de Madrid. Porén o comentario máis revelador da mentalidade misóxina dominante nese tempo é esa parte onde o redactor se amosa sorprendido de que unha muller fose quen de adquirir profundos coñecementos científicos. Dificilmente naquel tempo en España as mulleres podían amosar dominio de temas científicos se o seu acceso ao ensino superior estaba practicamente vedado, como recoñece o mesmo autor da nota ao comentar a necesidade de Arenal de "ocultar su sexo" para asistir ás clases. De feito, cómpre repetir unha vez máis que ata 1910 as mulleres precisaban dun permiso especial para realizar estudos universitarios. Foi o Goberno presidido por un ferrolán, o liberal progresista José Canalejas (promotor ese ano da edición das memorias de Juana de Vega), quen rematou coa discriminación.

No "Café del Iris"

O artigo sobre Watt foi a segunda publicación de Concepción Arenal, previamente dera a coñecer algo ben diferente, unhas Fábulas en verso. Textos xerados nun período relativamente feliz na difícil vida da pensadora. Vivía en Madrid, onde casara en abril de 1848 co avogado Fernando García Carrasco e tivera tres fillos, dos que morreu unha nena. O matrimonio asistía con regularidade aos faladoiros que se desenvolvían no céntrico "Café del Iris", situado nunha pasaxe que ía da rúa de Alcalá á Carrera de San Jerónimo, galería interior chea de tendas diversas. O Iris era dos cafés máis elegantes de Madrid, gozaba dun moderno alumeado de gas, atractivos faroles á entrada e era coñecido tamén por ser o primeiro en servir os famosos "suízos".

En pleno Bienio progresista

O matrimonio Arenal-García estaba esperanzado co Bienio progresista. Os liberais, coa bandeira inicial da Constitución de Cádiz de 1812, dividiríanse posteriormente entre un sector conservador, o Partido Moderado, e outro progresista, o Partido Progresista. Deste segundo escindirase en 1849 un grupo de militantes e formara o Partido Demócrata, partidario do sufraxio universal, o afastamento do Estado e da Igrexa e inclinado ao republicanismo. Durante todo o reinado de Isabel II a Coroa e os grupos que a sostiñan se resistiron a permitir o acceso dos progresistas ao Goberno, polo que estes só tiñan a opción da insurrección, como aconteceu en 1854.

'La Iberia'

A clientela do Iris era variada e entre ela non escaseaban xente do mundo da cultura e da política. Nas bonitas cadeiras douradas, tapizadas de veludo verde, a cor dos liberais, sentábase o matrimonio Arenal-García cos seus amigos. Alí estaban Lucas Tornos, Pilar Matamoros e Laureano Pérez Arcas, mais tamén Pedro Calvo Asensio, director e fundador de La Iberia en 1854. Este farmacéutico era unha figura salientable do Partido Progresista, co que o xornal se identificaba. De feito, no periódico colaboraban e colaborarían destacados membros desa organización, como o futuro líder do partido, Práxedes Mateo Sagasta. Tanto Calvo como Sagasta eran deputados nas ringleiras da formación progresista e estiveron moi vinculados coa masonería, como o propio James Watt e un destacado patrocinador do xornal, Salustiano de Olózaga.

"La res más brava del progresismo"

Olózaga, quen conta coa singularidade de que en distintos momentos lle dedicaron poemas Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e a propia Arenal, foi un personaxe clave nas relacións e proxectos de Concepción. Este líder, a quen Benito Pérez Galdós chamou "la res más brava del progresismo", favoreceu a decisiva relación desta con Juana de Vega, a quen Olózaga trataba de vello, pois xa en 1831 os Vega o acolleran na casa de San Pedro de Nós (hoxe sede da Fundación Juana de Vega) e o axudaran a fuxir polo porto coruñés. Posteriormente, despois da destitución en 1865 de Arenal como visitadora de prisións de mulleres, Olózaga visitouna a ela e a Juana de Vega na mesma casa de Nós. Cómpre subliñar que se ben Concepción nunca apareceu nun primeiro plano político, estivo moi relacionada co Partido Progresista, co que coincidía na concepción político-ideolóxica: defensa dunha monarquía plenamente constitucional e dun catolicismo non exento de crítica á Igrexa. A morte de Olózaga en setembro de 1873 afectoulle dobremente, no plano persoal e político.

Conversas no Iris

Calvo Asensio falaríalles aos Arenal-García doutro colaborador do xornal que tamén era cliente do Iris, Manuel Martínez Murguía. Un paisano de Concepción que adoitaba pechar nese local a rolda cotián de visitas que realizaba polos cafés da capital. Murguía acudía cos seus amigos, entre os que eran fixos Alejandro Chao, Federico Ruiz e os irmáns Teodomiro e Serafín Avendaño, o "comité borrasca", coma eles mesmos se autodenominaban. Víctor López Seoane, daquela estudante de Medicina, futuro profesor de Fernando García Arenal na Coruña, achegábase algunha vez; Rosalía de Castro chegaría en abril do ano seguinte. Murguía estaba matriculado en Farmacia pero se dedicaba a outras cousas, estaba na órbita dos progresistas e era colaborador de La Iberia, na que ese ano 1855 publicou diversas novelas curtas. Arenal mantería con el contacto nas décadas seguintes, así, por exemplo, nas paxinas da Ilustración Gallega y Asturiana baixo a dirección de Manuel, aparecerían diversas colaboracións de Concepción, a máis destacada un valioso poema inédito escrito en 1860: Mi vida (8 de novembro de 1880).

Nas charlas do matrimonio Arenal-García en El Iris ese 1855 estaban presentes os temas da vida política e dunha actualidade marcada polos esforzos do Goberno por modernizar a economía. O 3 de maio saíra publicada na Gaceta a relevante lei de desamortización impulsada polo ministro Pascual Madoz, un mes despois tocoulle á Ley de Ferrocarriles. Asemade, en maio inaugurarase a Exposición universal de París, mostra da industria do momento. Dous liberais históricos, correlixionarios do pai de Concepción no Trienio liberal, Ramón de la Sagra e Casiano de Prado, estaban ben informados desas cuestións. Mentores do enxeñeiro de minas compostelán, Ramón Rúa Figueroa, compartían naquel momento a mágoa pola morte o 22 de maio dun irmán maior deste, José, deputado progresista pola Coruña, quen fora director do outro xornal desa tendencia, La Nación. Das conversas no Iris xurdirían temas nos que o matrimonio Arenal-García estaban interesados e Calvo Asensio animounos a escribir sobre eles. Pouco despois finalizaría o período de certa felicidade para Concepción, en 1856 rematou o Bienio progresista e en xaneiro de 1857 morreu o marido. Deixou Madrid en xullo dese ano e marchou cara outros destinos e temas.

O símbolo da revolución industrial

Arenal escribiu sobre un artefacto que xogou un papel notable na Revolución industrial, porque Watt solucionou dous problemas básicos do modelo de Newcomen, o excesivo consumo de combustible e o da escasa eficiencia. A alianza co empresario Mathew Boulton para fabricar máquinas de vapor converteu á factoría deste en Soho (Birmingham) nun lugar de peregrinación de empresarios, enxeñeiros e, mesmo, espías de toda Europa. Cando Concepción Arenal redactaba o seu artigo, na prensa de Madrid se anunciaban máquinas de vapor do modelo Watt construídas no estranxeiro para uso en "Molinos harineros, bombas, prensas hidráulicas para aceite". Porén a introdución en España dese modelo fora ben lenta. Dispoñible desde 1782, non chegou ata inicios do século XIX; a primeira que entrou en funcionamento fíxoo sobre 1810 no muíño gaditano de San Carlos. O Museo da Conserva da Illa Arousa garda unha construída en Birmingham en 1879, que estivo operativa na fábrica de Manuel Goday.

As máquinas e os novos tempos

No artigo de 1855 a pensadora ferrolá expresaría de forma elocuente a súa admiración polo progreso xerado pola máquina de vapor creada polo escocés James Watt: "Donde quiera que con un poco de agua se produce una fuerza prodigiosa y dócil, allí se acata la memoria de Watt, y su nombre es llevado en triunfo por la locomotora que atraviesa el seno de las montañas y por el barco que triunfa de la tempestad del Océano". Proba das distintas sensibilidades e ideas da sociedade daquel tempo temos a testemuña que Miguel de Unamuno recollía en Paz en la guerra (1897) do sermón dun crego de aldea vasca nos anos setenta do XIX: «¡Mucho vapor, mucha electricidad! Y Dios, que es la electricidad y el vapor verdaderos... El ferrocarril lleva la corrupción a los más escondidos valles». O noso Manuel Curros Enríquez tiña outra perspectiva. No poema Na chegada a Ourense da primeira locomotora (1881), eloxiaba a conexión ferroviaria, e dicía: "Tras dela non veñen/abades nin cregos/mais ven a fartura/¡a luz e o progreso!". Algo similar pensaba Concepción Arenal.