O firmamento lese e escríbese en galego. Faino coa presentación do novo calendario astronómico, un documento que incorpora, como novidade, os nomes en galego de 88 constelacións, e que nace froito do traballo conxunto de expertos da Real Academia Galega, a través do Seminario de Terminoloxía, o equipo composto por Salvador Bará, profesor de óptica da Universidade de Santiago de Compostela; Óscar Fernández e Martín Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e o físico Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos.

Nomes como Augadeiro, Carneiro, Cangrexo, Xemelgos, Arqueiro ou Touro forman parte, dende agora, do rexistro oficial. Un fito relevante, segundo sinalou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, "a prol da incorporación da lingua galega ao ámbito científico", pois "a lingua é un patrimonio que enriquecemos entre todos". O director da área de Cultura do Concello, Rómulo Sanjurjo, presente no acto de presentación do catálogo, agradeceu a labor dos expertos e asesores que contribuíron na súa elaboración, e afirmou que a normalización lingüística na ciencia "é unha obriga das institucións".