A investigadora da Universidade da Coruña Belén Fernández Suárez, experta en migracións, vén de recibir financiación do Ministerio de Ciencia e Innovación para súa investigación sobre a integración e retorno da nova emigración española no Reino Unido e Francia.

Que caracteriza esta nova vaga de migracións con respecto aos migrantes do século pasado?

O que caracteriza esta nova migración é que saen a partir da crise do ano 2008, aunque existía antes. Son migracións de persoas cualificadas, con título universitario, nun 70% dos casos, e que se dirixen a zonas centrais de Europa: Londres, París, Berlín, son os destinos preferentes. Nun primeiro momento de chegada van cara estas cidades, que atraen e demandan man de obra cualificada.

Malia tratarse de migrantes cualificados, a oferta de emprego preponderante localízase no sector servizos.

Nun primeiro momento. É certo que son sectores porta de entrada, hai varios perfís. Hai un perfil investigador-científico, un perfil fisioterapeuta, enfermeiro, perfís con titulacións moi demandadas, os enxeñeiros, en Francia e Alemaña. Hai algunha titulación que non ten tanta demanda no mercado laboral, nin no noso nin no europeo, que entran con empregos menos cualificados. Son mercados laborais moi dinámicos, unha vez aprendes o idioma, nun período de tres ou catro anos van mellorando o tipo de postos nos que están ou van entrando no seu sector.

Cales son as motivacións que levan a marchar a estes novos migrantes?

Hai varios motivos. Para algúns, é pola falta de expectativas que teñen aquí, non poder desenvolver unha carreira profesional e non poder acceder a unhas condicións laborais. É unha xeración que non se resignan a ser teleoperadores ou quedarse en postos que non lles permitan desenvolver un benestar ou a súa propia carreira. Isto é o que está detrás. Non son unhas necesidades económicas básicas.

Mais que necesidade, a causa é a precarización do mercado aquí

Si, eles non se consideran emigrantes, como a xeración dos anos 70. Considéranse europeos que se moven. O caso de Estados Unidos é mais complicado, polo tema da Visa, que é máis complexo. O que se percibe é un cambio de chip, unha sensación por parte dos pais e avós de intentar convencelos para que se queden, para que non se movan, porque se segue percibindo socialmente esa migración como un fracaso familiar: fíxose unha inversión na súa educación, que non levou aos fillos nin aos netos a ter unha posición cómoda. Estes procesos tamén se están dando, conviven estas cuestións.

¿Existe un cambio xeracional na connotación da migración?

Si, porque hai que entender que as xeracións anteriores fixeron unha aposta moi decidida por mellorar as credenciais, o capital cultural, da seguinte xeración. A propia idea de ter que marchar se vive como un fracaso. Agora, distáncianse moito dunha migración dos anos 70 por fame,por necesidade, malia que había moitos matices dentro desa migración.

Na investigación afonda no retorno destes novos migrantes. Ao partiren en 2008, pódese falar da existencia dun retorno?

Si, creo que si. Hai xente que marchou con outras motivacións: estudar un mestrado, coñecer o idioma, ter unha experiencia que lles posibilite independizarse do fogar familiar, porque non ter traballo implicaría esa volta ao fogar. Hai xente que marcha coa opción de volver, saben que o retorno será en peores condicións, porque esa volta ao círculo familiar e dos amigos compensa esa peor situación laboral. Antes da pandemia había unha parte desta ola de despois da crise que regresou, que intentou con esas novas credenciais ubicarse mellor no mercado laboral aquí.

Cústalles integrarse de novo, como aos migrantes do século pasado?

Depende do seu proxecto migratorio: se é temporal, aprenderán o idioma, pero o grupo de amizades vai a ser encapsulado na comunidade de españois residente nestes países. É habitual que se agrupen en grupos de Facebook e Whatsapp, que facilitan moito a información e comunicación. Se o teu proxecto é a longo prazo, que tes unha parella do teu país, hai un concepto de vida en común, hai un esforzo maior de conexión coa sociedade de destino, de facer amigos nesa sociedade. Aí temos os dous extremos, polo medio vemos persoas que evitarán a toda costa ter parella alí porque a súa idea é volver.

De que xeito transformou o auxe das redes sociais e as tecnoloxías as perspectivas da migración e o mantemento dos lazos familiares no país de orixe?

En moitos sentidos. Digamos que os migrantes desta nova xeración xa teñen coñecemento da realidade destas comunidades asentadas alí, intégranse en moitos destes grupos e preguntan sobre onde atopar vivenda, para buscar traballo... actívase todo ese coñecemento e información, que é moi importante na aterraxe nesta sociedade de destino. E funciona. O factor das novas tecnoloxías é o estar aquí e alí, a comunicación constante, a inmediatez, que te permite vivir esa cercanía. Pero, á vez, non estás aquí, é unha sensacion de cercanía pero non participas deses encontros. Estás pero non estás, ten en común coa vella migración esa sensacion de estar conxelada no tempo.