Era o ano 2015. O saxofonista Richi Casás levaba xa 10 anos sen ver ou escoitar á súa avoa, Rosa, falecida en 2005. De súpeto, a súa voz emerxía a xeito de ondas sonoras gardadas nun caixón do Arquivo Sonoro de Galicia dende había máis de 30 anos. "Atopei preto de dúas horas de gravacións da miña avoa cantando, lúcida, nos anos 80. Nós nunca tiveramos a precaución de gravala", comenta Casás.

Quen si o fixera, moitos anos antes, fóra a musicóloga suiza Dorothe Schubart, que chegara a Galicia pescudando as orixes máis arcaicas da música europea. A avoa Rosa era unha desas pezas fundamentais que tecen e conforman ese patrimonio inmaterial galego que é a música tradicional. "A miña avoa non cantaba profesionalmente. Facíao coa pandeireta, para o baile, como tantas avoas", comenta Casás. Nace así o proxecto Fuliada na Vila, unha proposta musical singular na que música tradicional, jazz e ritmos latinos poden atopar acubillo. "A partir de aí fago un repertorio moi variado. Non podo calidicalo como disco de jazz, pois ten elementos da música popular. As letras son tal e como as cantaba a miña avoa", explica.

Un disco que se compón de dez temas inéditos que conxugan propostas compositivas de Richi Casás con arranxos do autor sobre as melodías recollidas por Schubarth na Vila da Igrexa tantos anos atrás. Acompañan ao saxofonista outras nove mans expertas, cada unhas no seu: Branca Villares, Carolina Vázquez e Pepa Yáñez á voz e pandeireta, Fran Gª Galán á guitarra, Carlos Santos ao baixo, José Ares Panete á batería, Javi GDJazz Pereiro á trompeta, José Luís Miranda ao trombón, Gueorgui Oganesian a saxo tenor e Fran Barcia ao acordeón. A voz de Belém Tajes en dous temas e o violín de Antía Ameixeiras nun deles completan o plantel.

No disco non remata a cousa. A outra gran pata do proxecto é o libro- CD editado por CentralFolque, no que o autor debulla os pormenores do proceso compositivo, a simbiose entre as melodías tradicionais e a actual e reflexiona sobre o seu propio camiño e vivencia, dende que cantaba de pequeno coa súa avoa, o seu primeiro contacto coa gaita e o folk e o desenvolvemento da súa carreira profesional no mundo do bravú.

O libro deixa espazo, ademais, para unha reflexión sobre a xestión e coidado do patrimonio inmaterial de Galicia e a necesidade que existe en torno á súa conservación e difusión. "O noso patrimonio inmaterial é riquísimo. A última xeracón de xente que cantou deste xeito xa non está ou está a piques de desaparecer", comenta Casás. Para el, dar con esas gravacións da súa avoa foi todo un camiño de burocracia surcado de obstáculos, cuxo final só acadou grazas ao empeño que puxo na empresa. "Pedíanme ata a firma da autora para conseguir o arquivo MP3 das gravacións, nun organismo público como é o Consello da Cultura Galega. Costoume moito, douse a casualidade de que a señora era xenerosa, pero podía non selo", asevera.

A súa demanda, como músico, como galego, é clara; que as administracións faciliten o acceso a estas pezas senlleiras do patrimonio que agardan a que haxa quen as rescate. "Reclamo que os arquivos públicos se abran á rede, que as administracións axudan a quen teña patrimonio privado a poñelo en común. A rede é a solución para que chegue a todo o mundo".