20 de noviembre de 2020
20.11.2020
La Opinión de A Coruña
Antonio Valle Arias
Catedrático de Psicoloxía Educativa e Educación da UDC

"Se os deberes xeran ansiedade en pais e alumnos, non teñen ningún beneficio"

O catedrático, que presenta o método Mitca, recorda a regra dos "dez minutos por curso" para facer racional, humana e útil unha parte da aprendizaxe non sempre ben entendida

20.11.2020 | 00:38
Antonio Arias Valle posa no seu despacho.

O catedrático Antonio Valle Arias e o seu grupo de traballo da Universidade da Coruña levan dez anos fixando a súa mirada nos tan controvertidos deberes, un dos piares da educación. Primeiro diagnosticou as que, o seu xuízo, eran as eivas desta carga lectiva a facer na casa e, unha vez dado ese paso, centrou os seus esforzos en plantexar unha solución para melloralos e, sobre todo, facelos más útiles, racionais e humanos. O resultado foi o método Mitca

Antonio Valle Arias é catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade da Coruña e dirixe un grupo de investigación deste centro que vén de presentar e testar o seu método Mitca (Método de Implementación de Tarefas para a Casa). El e os seus colaboradores cren que son posibles uns deberes diferentes, desposuír a esa figura controvertida, denostada e mal entendida de todas as súas eivas e mala prensa. Apostan por un uso racional do tempo que se lles adica a estas tarefas, por un maior reforzo da súa utilidade para eliminar a ansiedade que xeran ao seu redor e por fomentar un proceso máis personalizado e persoal.

Cal é o tempo máximo recomendado para que os rapaces fagan deberes na casa?

Hai unha regra, estipulada dende hai anos por algúns investigadores a nivel internacional, que é a regra dos dez minutos por curso. Por exemplo, un rapaz de quinto de Primaria, como moito cincuenta minutos, o de sexto, sesenta. Non vaiamos a pensar que os rapaces, despois de horas e horas no colexio, teñen que dedicarlle máis e máis horas na casa. Hai que deseñar unha proposta que sexa o máis razoable posible. Non facer un horario estrito, pero si planificar o tempo do rapaz, cales son as prioridades.

Por que xeran tanto debate?

Nós levamos uns dez anos traballando e é un tema clásico dentro do campo educativo, que é certo que xerou moitos debates e controversias e cada certo tempo volve saír a luz. Eu coido que talvez é porque as posicións están moi polarizadas, ou moi a favor ou moi en contra.

O seu método Mitca procura promocionar a utilidade dos deberes, facelos diferentes, motivantes e adicarlles o tempo preciso, sen excesos, para conciliar. Deulles tempo a testar a súa fórmula?

Si, e os resultados foron positivos. A principio do curso 2018-19 empezamos con 15 ou 16 profesores e despois ampliouse ata trinta e algo de quinto e sexto de Primaria durante tres meses. Tiñamos un grupo que traballaba co noso método e outro co tradicional nas materias de lingua castelá, lingua galega e matemáticas. Nese tempo atopamos melloras no alumnado en compromiso escolar, en compromiso emocional. Os rapaces dicían que estaban máis contentos, que se divertían máis na aula, que estaban máis interesados polos deberes.

En que máis notaron o cambio?

Unha das deficiencias que se lle achaca os deberes é que son repetitivos, pouco motivantes, que non teñen utilidade. Todos os nenos do noso método mostraban menos ansiedade e estrés. Tamén había cambios nos profesores. No grupo que seguía unha modalidade convencional só o 20% deles consideraban bastante útiles os deberes que eles mesmos prescribían, pero co Mitca chegaba ao 85%.

A mellora chegaba os pais?

Con eles centrámonos en tentar en que o alumno fose capaz de mellorar a xestión do tempo dedicado os deberes, porque había certo caos e pouca coordinación. As veces, por inercia, o profesor prescribía demasiadas tarefas e iso os rapaces e os país o que lles procuraba era un alto grado de estrés e ansiedade. Víanse incapaces de atopar un oco ao longo da semana para que o seu fillo ou a súa filla os fixese. Incidimos en axudar a administrar mellor o tempo, por exemplo, establecendo franxas horarias para facelos ou indicándolle o propio profesor ao alumno o tempo estimado que lle pode levar terminalos.

E eliminouse esa ansiedade?

Creou un clima nas casas máis sosegado, así os pais non se ven sometidos a esa presión de facelos si ou si. Se sometes ao alumno a unha presión altísima e lle xera ansiedade, vai repercutir en que non teñan ningún beneficio para eles, o contrario. Igual están sentados moito tempo facéndoos pero non o xestionan ben e non o aproveitan. Non van dedicar todo o tempo libre que teñen fóra da aula a facelos. É unha tolemia. Con sentido común, os deberes poden acabar sendo unha ferramenta moi útil.

Por que custa percibilos así?

Teñen mala prensa porque a súa praxis non é a máis adecuada. Nós atopamos, cando deseñamos esta proposta, uns cantos problemas na súa prescripción tradicional, menos nalgúns casos, porque non cuestionamos a todos os profesores.

O traballo que se fai nas clases non pode substituír os deberes, nin viceversa, non?

As tarefas nas aulas son importantes, pero aí hai unha inmediatez na resolución, hai retroalimentación. É un traballo máis grupal, que ten outros beneficios. Pero está tamén o traballo individual, como o planificas, as reflexións que fas do que fas. A autonomía, a autorregulación e iso só se fai cando o alumno se enfrenta por si mesmo a resolución dunha tarefa, onde pode captar o que sabe ou non, cales son as dificultades que ten, que problemas tivo na resolución, canto tempo debeu adicarlle a esa tarefa para resolvela con éxito.

E se un día veñen sen facer?

Non pasa nada porque as veces alguen chegue a aulas e non os teña feitos, sempre e cando haxa unha xustificación. Igual foi porque non entendeu ben o que lle plantexaban. E iso moitas veces non se fai. Só se pregunta quen os trae feitos e ao que non os fixo se lle penaliza dunha maneira automática. Ese non é o mellor camiño para facer dos deberes unha ferramenta útil.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook


esquelasfunerarias.es