O pazo de Meirás garda, mesmo nestes días nos que as súas portas permanecen abertas ao escrutinio dos expertos, innúmeros segredos entre as súas paredes. Unha estancia particular, das moitas que integran a estrutura, centra, nos últimos tempos, o interese da conversa pública. O despacho persoal de Emilia Pardo Bazán, situado na denominada Torre da Quimera, onde a condesa deu forma a algunhas das súas obras máis ilustres, representa hoxe un dos tesouros mellor gardados do inmoble: as visitas ao pazo, de por si escasas e reducidas; manteñen, dende a súa posta en marcha en 2011, esta estancia pechada ás olladas dos curiosos.

Vetada permanece, polo tanto, unha das pezas máis valiosas das que acubilla a devandita Torre: a biblioteca persoal da condesa, composta, en orixe por arredor de 11.000 volumes dos cales 3.200 continúan intramuros do pazo. Institucións como a Real Academia Galega, Xunta, Concello e Deputación, e diferentes activistas e asociacións en prol da recuperación da memoria pugnan, estes días, por protexer esta parte do patrimonio literario da condesa ao abeiro da petición da declarción de Ben de Interese Cultural. Un conxunto valioso, alén da súa egrexia propietaria orixinal, polos fondos que o compoñen: dende primeiras edicións de obras senlleiras da literatura tanto española como estranxeira; ata volumes cheos de anotacións do puño e letra da condesa, que revelan, máis aló dun elevadísimo nivel cultural, os seus propios gustos e intereses, e mesmo trazos relevantes para entender a súa obra e personalidade.

"Hai algúns que son moi antigos. Por exemplo, un de Saavedra Fajardo datado de 1648. Posiblemente, fóra mercado polo seu avó. Dona Emilia viña dunha familia fidalga e culta", argumenta Marilar Aleixandre, académica da RAG e representante da institución na Xunta pola Devolución do Pazo de Meirás. Primeiras edicións de volumes de Voltaire ás que mesmo se alude nalgún pasaxe de Los Pazos de Ulloa, libros dedicados por ilustres coetáneos como Juan Valera, Benito Pérez Galdós, Menéndez y Pelayo ou mesmo Émilie Zola conviven nas baldas dos andeis de Meirás. "Tamén hai libros en moitos idiomas. Emilia Pardo Bazán lía en inglés, francés e portugués. Hai un libro de Goethe que ten marcas e notas delas a carón dos poemas", lembra Aleixandre.

Dumas ou Shakespeare nas súas respectivas linguas; diversas edicións de Don Quijote de la Mancha, Soño dunha noite de verán ilustrado por Arthur Rackham, os Sonetos do portugués de Elizabeth Barret Browning e innúmeras pezas asinadas por grandes das letras como Flaubert, Concepción Arenal, Pereda ou científicos como Alexander von Humbold. "Emilia fala, nun artigo, dos libros que lle chegan por parte de novos escritores. Miguel de Unamuno, máis tarde asiduo ás tertulias de Meirás, sería un deles", asegura a académica.

Os números son precisos: a meirande parte dos 11.000 volumes totais están, a día de hoxe, a bo recaudo no número 11 da rúa Tabernas, actual sede da Real Academia Galega e que foi, no seu día, a casa familiar de Emilia Pardo Bazán. Hoxe é o epicentro da obra da autora, pois o arquivo relativo á escritora atópase, case na súa totalidade, centralizado entre as súas paredes. "Non hai arquivo máis consultado. É unha escritora sobre a que hai moitísima investigación fóra, en Francia, en Estados Unidos. É a mellor narradora do século XIX. Os seus libros teñen que estar a disposición dos investigadores", reclama Aleixandre. A Academia demanda, dos 3.200 de Meirás, un total de 2979, todos datados antes de 1.930, pois non hai dúbida de que pertenceron, en efecto, a Pardo Bazán.

Foi a filla da condesa, Blanca Quiroga, a responsable de que así chegase até os nosos días; pois decidiu doar a casa familiar, agora Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, con todos os bens e documentos que contiña, á institución académica. "Blanca Quiroga non tiña fillos, polo que decidiu doar a casa como sede da RAG, da que a súa nai fora nomeada Presidenta Honoraria, coa condición de que se coidase o seu legado e memoria", explica Marilar Aleixandre.

Aos 420 libros que alí se atopaban no momento da doazón, únense os preto de 8.000 que Carmen Polo de Franco cedeu a institución. Foi en 1978: o pazo de Meirás ardía en lapas a causa dun incendio cuxas circunstancias non chegaron nunca a ser esclarecidas, no que a Torre da Quimera levou unha das peores partes. É entón cando as miradas se dirixen cara o porvir dos fondos bibliográficos da condesa. "Non se queimaron os libros. Algúns quedaron en mal estado. O bibliotecario da RAG, Julio Naya, solicita eses fondos, e o Ministerio de Cultura do momento, con Pío Cabanillas, pide que se envíen", relata Aleixandre. A razón de que a inxente biblioteca da condesa rematase nas mans de ditador e dona xunto co pazo en si mesmo hai que apoñelos, aprecia a académica da RAG, ás circunstancias de guerra e represión do ano 1938.

"Isto é unha cousa rara e singular. Cando vendes unha casa, non vendes os teus libros persoais, tendo en conta, ademais, que moitos estaban dedicados. Cando se fala de Meirás esquécese un pouco o contexto. Non sabemos como de voluntaria foi esta cesión para a viúva do fillo de Pardo Bazán, con débedas e soa", estima Aleixandre.

Carmen Polo legará, finalmente, 7.423 libros á institución, dos cales 450 son irrecuperables pola acción do lume ou da humidade, xa que, na fervura das chamas do 78, moitos deles foron depositados na intemperie dos xardíns do pazo co fin de tentar salvalos. O criterio seguido por Carmen Polo de Franco para determinar que libros ficaban en Meirás e cales saían cara a biblioteca da Casa-Museo é descoñecido mesmo para os expertos que os investigan. "Ao mellor deixou os que consideraba máis interesantes, ou pode que empezara a metelos en caixas e dixese: ata aquí. Entón, Franco levaba morto só tres anos, a democracia era bastante noviña. Supoño que nin dende a propia RAG sabían os volumes que había", estima Aleixandre.

Porén, é doado facerse unha idea aproximada dos fondos que compoñen a colección da escritora a día de hoxe, xa que foi a propia condesa a que se encargou de documentala. Un detalle que incrementa, se cabe, o valor do conxunto. "Pardo Bazán tiña un ficheiro dos libros, composto por unhas tarxetiñas coa sinatura de cada libro, o título, os datos e o lugar no que se ubica da biblioteca. Aí pódese cotexar cos que se conservan hoxe", asegura a académica.

Non é a única ferramenta da que os expertos poden botar man para cotexar o inventario. No ano 2016, por iniciativa da conservadora da Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, a Academia puido acceder ás estancias vetadas do pazo para inventariar a colección, manobra que se estendeu en visitas periódicas ao longo de dous anos, nos que un grupo de investigadores, dirixidos pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela Cristina Patiño puido acceder aos volumes.

Un inventario cuxa publicación prepara a Academia e co que espera acadar a denominación de Ben de Interese Cultural para todo o conxunto: os 8.000 rescatados tralo incendio, os 420 de Tabernas e os 3.000 que aínda permanecen en Meirás.

O futuro dos fondos

Hai poucos días, o xulgado de primeira instancia da Coruña ordenou elaborar un inventario de todos os bens que queden de Emilia Pardo Bazán en Meirás. O Concello de Sada foi o primeiro en solicitar que o BIC do pazo se faga extensible ao seu contido referente á escritora. A Xunta, pola súa banda, anunciou a súa intención de protexer a biblioteca pola vía de urxencia, mais, con todo, e malia que as intencións de partidos e institucións parecen claras, non é fácil determinar onde se ubicará a colección unha vez reunida de novo.

A Real Academia Galega quere unificar o conxunto na rúa Tabernas, en A Coruña, mais xulgan necesario que fique en Meirás un espazo para dinamizar o legado e a memoria da escritora. Deputación e Concello de Sada, porén, demandan que o conxunto permaneza en Meirás co fin de contribuír a resignificar a estrutura como espazo de memoria.

Nada se sabe, polo momento, das intencións que a familia Franco poda ter sobre o porvir da biblioteca. O xuíz ordeou a execución provisional da sentenza que obriga aos Franco a entregar as chaves do pazo ao Estado o día 10 de decembro. Pola súa banda, un equipo de expertos traballa no inventario dos segredos interiores, tarefa que deberán rematar nun prazo de 20 días naturais dende o seu inicio.

Non é o único ben en disputa dos que atesoura a estrutura. As estatuas dos profetas de Abraham e Isaac, obra de mestre Mateo, procedentes do Pórtico da Gloria manteñen no aire a súa titularidade, pois, malia estaren protexidas, agardan recurso ante o Supremo por parte do Concello de Santiago, que xa perdeu a súa demanda de recuperación e instancias anteriores.