A Xunta abrirá a próxima semana o procedemento administrativo para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca persoal íntegra de Emilia Pardo Bazán, composta polos case 8.000 volumes que se conservan na sede da Real Academia Galega (RAG) e os case 3.000 que permanecen no pazo de Meirás. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, anunciaron onte na Coruña a inminente incoación do expediente co que se garantizará a máxima protección patrimonial para esta parte do legado de Pardo Bazán.

O prazo máximo para obter a declaración definitiva como BIC é de 24 meses, mais Rodríguez, sen poder precisar, sinalou que o proceso remataría moito antes. "Queremos facer toda a tramitación o máis rápido posible", insistiu.

Desde o momento en que se incoe o expediente, nuns días, explicou que a proposta de declaración BIC será avaliada polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Universidade, institucións que emitirán os informes concluíntes que lle darían a protección patrimonial aos fondos bibliográficos da condesa de Pardo Bazán.

A incoación do expediente BIC, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, foi solicitada pola RAG e está apoiada no traballo que promoveu e permitiu inventariar os libros da escritora que ficaron nas Torres de Meirás. "A partir de agora o seu amparo está garantido, á espera da declaración BIC", dixo Víctor Freixanes.

"Estos libros forman parte do patrimonio intelectual da autora. Igual que se reivindica o edificio [o pazo de Meirás], a RAG reivindica os seus libros, que son parte da intrahistoria, a crónica intelectual de Emilia Pardo Bazán, coa memoria dos seus autores preferidos e, en moitos casos, dos amigos que lle dedicaron obras", destacou onte o presidente da Real Academia Galega.

O Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade lembrou que coa declaración como BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, que "garantiza a súa integridade", en ningún momento a colección "poderá ser modificada na súa localización"; para iso, engadiu, terá que ser consultada a Xunta.

A protección atinxe tanto aos case 8.000 libros que custodia a sede da RAG, que fora a residencia da escritora e intelectual na Coruña, como aos 2.979 anteriores a 1930 que están no pazo de Meirás, morada estival da familia Franco en Galicia, segundo se determinou na catalogación promovida pola RAG. Outra pequeña cantidade de libros ata chegar case aos 3.200 serían volumes posteriores a aquel ano que puideron ser doados ou adquiridos polos Franco, contou a académica Marilar Aleixandre.

O fondo bibliográfico ten obras en castelán, inglés, francés, portugués, alemán e italiano, e abrangue diversidade de xéneros, entre eles poesía, ciencia e teatro. "A valía destes volumes é sobre todo a información sobre as lecturas e os intereses de Emilia Pardo Bazán, autodidacta que loitou toda a súa vida para que as mulleres puidesen cursar estudos de secundia e universitarios, o que non ocorreu en España até 1910", apuntou Aleixandre.

"En breve poderemos presentar unha publicación que recollerá todos estes títulos, que deben estar a disposición dos investigadores interesados na súa obra", destacou o presidente da RAG.