Asumir o goberno dunha cidade é de por si unha inxente responsabilidade que require de toda atención da alcaldía e do seu equipo en resolver os problemas das persoas. Mais nunha situación de pandemia coma a que estamos a vivir, cunha crise social e económica sen precedentes que condenou de maneira abrupta a milleiros de persoas a depender dos recursos e servizos públicos para saír adiante, a cidade non debe ser a maior prioridade dun goberno local, senón simplemente a única prioridade. A cidade precisa un goberno a tempo completo.

Pero os últimos acontecementos fan evidente que a alcaldesa está gobernando a tempo parcial, máis volcada en resolver problemas internos do seu partido, e de resolvelos na casa do pobo, que de facer fronte aos enormes retos que ten por diante. É evidente polo que di, polo que escoitamos e polo que lemos. Cuestións que non deberiamos ler nunca pois, son asuntos que nin nos importan nin se deben afrontar no ámbito público.

Pero é sobre todo evidente, por desgraza, polo que non escoitamos. Polo seu silencio. Polo que desaparece e se desatende no marasmo das leas internas dun equipo de goberno en permanente restruturación. Subíronse o salario, pero gobernan a tempo parcial. Silencio sobre os orzamentos municipais de 2021, unhas contas que deberían poñer o foco na emerxencia derivada da pandemia. Na emerxencia dos coidados, na emerxencia da vivenda, na emerxencia económica de persoas autónomas e pequenas empresas abocadas a pechar os seus negocios. Na emerxencia climática, que segue aí aínda que non se fale dela. Uns orzamentos de rescate e de cambio, acordes coa situación que vivimos. Silencio á hora de elevar ao Goberno central, con quen nos prometera liña directa a través do teléfono vermello, as demandas da cidade da Coruña, castigada no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado. Silencio á hora de denunciar o abandono e o agravio con outros territorios, que pretenden forzar A Coruña a vender os peiraos interiores ao sector inmobiliario ante a ausencia do Estado no Porto. Silencio á hora de pagar as axudas do famoso Presco, despois de moitos meses e moitos fondos públicos pagados en propaganda. Silencio ante a desesperación de amplos sectores que cumpren e cumpriron e que seguen pagando os seus impostos, pero que se sinten abandonados polas administracións.

A Coruña é a cidade galega na que máis aumentou o paro este ano en termos absolutos, e a segunda en termos relativos, tras Ourense. O grao de execución das contas de 2020 é baixísimo, e non só na xa célebre Concellería de Emprego, senón noutras áreas esenciais nestes tempos de crise social: a piques de rematar o ano, a Concellería de Benestar Social, con enormes listas de agarda, asume os recortes da Xunta en axuda a domicilio sen chistar. Ao fío do 25N, nin rastro dos compromisos coas políticas feministas. O único resultado que vemos é que hai vítimas de violencia machista agardando ata dous meses para ser atendidas no Centro de Información á Muller. É triste, pero teño que sinalalo. A situación actual, de crise e pandemia, esixe un goberno ao 100%. Na Coruña, por desgraza, temos unha alcaldesa a tempo parcial.