Episodios da cultura científica

O nome de vatio ou do seu múltiplo kilovatio resúltanos familiar, asociámolo ás bombillas, radiadores ou á potencia eléctrica contratada no fogar, porque, efectivamente, é unha unidade de potencia, que mide transferencia de enerxía. Os símbolos respectivos, W e kW, xa nos ofrecen unha pista do nome da persoa á que se pretende honrar coa denominación, James Watt. A este inventor, que viviu entre 1736-1819, dedicoulle un interesante artigo Concepción Arenal Ponte en 1855 no xornal La Iberia: Watt. Su vida y sus invenciones (entregas en 28 e 31 de xullo, 1, 2, 8, 10 e 11 de agosto). O extenso texto destaca polo axeitado ton divulgativo, mais tamén polo dominio do tema tratado, con comentarios propios. A pensadora ferrolá asignaba ao inventor escocés un papel mesiánico na Historia: “suprímase a Watt y no hay máquina de vapor, no hay navegación regular, no hay caminos de hierro, no hay prodigios de la industria, no hay trabajo honrado, el triunfo de la razón no se entrevé, el mundo se para”.

A importancia do camiño na viaxe

Arenal comezou o seu relato situando a Watt en clase do profesor Black na Universidade de Glasgow e destacou o impacto causado polo singular mozo: “Entre los numerosos discípulos había un joven pobre, oscuro, endeble, enfermo. Este mancebo pobremente vestido, llamó muy pronto la atención do sus condiscípulos y del profesor mismo. Aquel joven que con modestia y lucidez exponía su doctrina embelleciendo las materias mas áridas, y haciendo palpables y sencillas las verdades más complicadas; el que así comprendía, embellecía y explicaba, era Watt”. Cóntanos como aos dezaseis anos entrou de aprendiz nun obradoiro de instrumentos de física e aos vinte marchou a Londres para traballar cun construtor de artefactos náuticos; enfermou, recuperouse da doenza e volveu a Escocia. A escritora subliñou os atrancos que o seu Odiseo (Watt) debeu afrontar e como os venceu con talento, espírito de traballo e disposición moral. Unha superación —camiño— que para Arenal sería tan relevante como os magníficos resultados acadados polo personaxe, a súa Ítaca.

Coido que no tratamento da biografía de Watt hai unha notable proxección de experiencias e reflexións da propia Concepción. Sabemos que era moi consciente de estar dotada dun singular talento e que se sentía incomprendida e sometida a múltiples dificultades. Fortalecida cun elevado orgullo, afrontaba retos desde unha ética persoal por veces algo ríxida pero atenta ao ben público. Facíao con certa ambivalencia canto á humildade; como expresaría no poema escrito en 1860, Mi vida, onde, se ben afirmaba que a súa existencia carecía de importancia, era unha “hoja caída en el bosque, como muchas otras”, sentía que era alguén especial, “la voz que nadie escucha, que a un pueblo degradado quisiste relatar”, “la voz que clama en el desierto”. Por outra banda, na súa biografía de Watt aparece o sufrimento como elemento formativo do carácter. A dor forxa, pensaba Concepción, algo ao que atribuiría unha especial relevancia nas súas publicacións posteriores.

Crítica aos gremios

A ferrolá aproveitou os atrancos que as organizacións gremiais puxeron á actividade de Watt para incluír a súa visión persoal sobre o tema, criticando ese tipo de organizacións corporativas. Explicou como cando o escocés volveu a Glasgow quixo montar unha tenda de instrumentos científicos pero a normativa do gremio de artes e oficios impediuno, xa que esixía un exercicio previo de sete anos. Arenal queixase en varias ocasións desas regras que procedían do Antigo Réxime, normas que lle prohibían a Watt “ganar el sustento con el trabajo de sus manos” e congratulase de que estiveran xa abolidas naquel 1855 (hoxe aínda teñen algunha pegada, por exemplo en colexios profesionais e nalgúns ámbitos académicos).

Homes de mérito”

Concepción dinos que “Por fortuna había en la universidad de Glasgow hombres de mérito que tendieron á Watt una mano amiga”. Dous personaxes destacaron nesa axuda, sobre todo Joseph Black, a quen coñeceu en 1757. Este sobranceiro físico e químico foi o primeiro en identificar o magnesio como un novo elemento químico, describiu o dióxido de Carbono e favoreceu avances decisivos no coñecemento da calor específica, cantidade de calor que precisa unha substancia para aumentar nunha unidade a súa temperatura, e a calor latente, enerxía requirida por un material para cambiar de fase, por exemplo de sólido a líquido. Black non só axudou a Watt no terreo científico-técnico, tamén financiou as súas primeiras investigacións. Outro destacado científico que colaborou con el foi John Robison. Coñeceuno na mesma universidade e foi dos que ficou impresionado co mozo Watt: “Confieso que mi amor propio sufrió bastante viendo cuan inferior era al joven obrero (...) un hombre de una superioridad incontestable”. Robison sería profesor de química en Glasgow e o primeiro secretario xeral da Royal Society de Edimburgo (1783). Xunto escritos técnicos, salientou como un relevante divulgador, sobre todo coas contribucións entre 1793 e 1801 na terceira edición da Encyclopaedia Britannica (entre outras, escribiu as entradas “Vapor” e “Máquina de vapor”).

Na construción da nova máquina de vapor

Arenal detivo o relato das vicisitudes de Watt para explicar a historia das pescudas dos físicos sobre o vapor, unha cuestión que facilitaba aos lectores a comprensión dos retos que debeu afrontar o inventor escocés. Non se limitou a describir acontecementos, mesmo cuestionou opinións que sobre determinados casos formulara o grande científico François Aragó na extensa memoria que sobre Watt lera o 8 de decembro de 1834 na Academia de Ciencias francesa. Após a ferrolá retomou a biografía de Watt, dinos como no inverno de 1763 chegou ao seu obradoiro un modelo da máquina de Newcomen estragado. Non só arranxou a máquina senón que se decatou das súas limitacións; así o expresou unha admirada Concepción: “Watt había visto defectos mas esenciales en el aparato, y con su mirada de águila, su espíritu de análisis y su propensión á estudiar profundamente todo lo que una vez observaba, fijó bien estos defectos, y empezó á buscar los medios de evitarlos”. Se no modelo de Newcomen o vapor debía condensarse, arrefriarse, no cilindro para que baixara o pistón previamente elevado polo vapor, Watt construíu un condensador afastado do cilindro, de tal forma que este permanecía quente en todo o proceso, o que reducía moito o combustible necesario para o funcionamento.

Para Soho (Birminghman)

Watt traballou con John Roebuck, coñecido por desenvolver a produción a escala industrial do ácido sulfúrico, quen precisaba máquinas eficientes e chegou a un acordo co inventor. Chegou a un acordo co inventor, puxo os cartos precisos para construilas, reservándose o 2/3 dos dereitos da invención. En 1774 o empresario afincado en Soho (Birmingham), Mathew Boulton, mercou os dereitos a Roebuck e iso deu lugar a unha nova xeira. Cóntanos Arenal: “Construyéronse en Soho un gran número de máquinas que Watt y Boulton no vendían, sino que daban al que quisiera tomarlas con la condición de percibir ellos la tercera parte de la economía realizada en el combustible empleado en la máquina de Newcomen”. Watt seguiu realizando substanciais melloras no artefacto acadando un incremento da eficiencia, velocidade e regularidade, como a entrada de vapor polas dúas partes do cilindro (máquina de dobre acción), xunto coa creación da engrenaxe “sol e planeta”, que permitía converter o movemento lineal xerado pola máquina en xiratorio, cuestión, entre outras, na que interveu un singular empregado de Boulton, William Murdock. Eses cambios permitiron o uso da nova máquina en numerosas aplicacións industriais.

A Lunar Society e un tal Derwin

Concepción falou dos contactos de Watt: “Durante su permanencia en Soho o en Birminghan habia tenido siempre un circulo de amigos, hombres todos de mérito (...) los químicos Prietsley y Keir; el poeta Derwin, Edgeworth, etc”. Estaba a falar da relevante Lunar Society, na que participaban salientables científicos e emprendedores. Cita a Erasmus Darwin, que no xornal aparece como Derwin, o avó de Charles, célebre creador da teoría da Selección Natural; cualificao como “poeta” porque este médico e inventor escribía uns singulares poemas de tema científico. O toque persoal de Arenal aparece na atención que presta a dúas mulleres desa contorna, á escritora Mary Edgeworth e á segunda esposa de Watt, Ann Mac-Gregor, destacando a disposición activa de ambas, cultas e implicadas na vida social. E salienta a humildade de Watt, quen rexeitou o título nobiliario que se lle ofreceu. Só aceptou pertencer á masonería e a sociedades dedicadas ao coñecemento.

Fontes da biografía

Do artigo de Arenal sorprende, entre outras cousas, o coñecemento polo miúdo que demostra do tema exposto, que contrasta co feito de que non volvera a escribir sobre cuestións semellantes. Quizás iso ten que ver con que estaba nun período de busca intelectual e sabemos que o camiño escollido posteriormente foi outro. Canto a posibles fontes, xa indicamos que coñecía a biografía de Watt de François Aragó (traducida ao inglés en 1839 e publicada nas Obras completas de Aragó, en francés, en 1854), porque o indica no texto e porque se pode comprobar ao ler o orixinal. E podería ter consultado algún dos escritos de Robison, mais dubidámolo, as citas recollidas deste aparecen tamén no texto de Aragó e non teño constancia de que Arenal dominara o inglés. Sería moi útil coñecer quen foi o titular das clases de Física ás que acudiu na universidade.

A relevancia do fin moral

Xa explicamos en anteriores episodios que para a pensadora ferrolá o progreso material debía ir acompañado, e mesmo supeditado, á consecución dun fin moral. Viviu un tempo, o da posta en marcha da sociedade liberal, da participación das clases medias, que esixía novos valores e nese contexto, entendeu que personaxes como Watt eran un exemplo a imitar. Polo seu talento, esforzo épico, éxitos e humildade considerouno digno de amplo recoñecemento: “Watt nos parece asunto mas digno de lienzos y mármoles, que otros que en ellos se representan con más aplauso que justicia”. Coido que poñer iso de manifesto foi o principal obxectivo do artigo de Concepción Arenal Ponte.