“A historia da cidade non se entende sen o Circo de Artesáns”, asegura Manuel Miragaia, guía das visitas gratuitas organizadas pola entidade onte e hoxe pola tarde. Como socio, entende o que este espazo significa e significou para a cidade. Un legado que quere compartir con todo aquel que pasee por San Andrés, preto do número 36, e non saiba que se agocha tras esas portas. “Esta institución sempre está aberta á Coruña, pero é a primeira vez que facemos as visitas”, conta o seu presidente, Roberto Parga.

Todo comezou en 1847 baixo o nome Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns. O fundador foi Jorge José Yáñez, e os seus retratos aínda poden verse polo edificio. “O Circo naceu en Pescaría, unindo as partes vella e nova da cidade, como punto de encontro dos comerciantes da zona”, explica Miragaia, que non pode crer que no 1975 derrubasen a sede, un fermoso edificio con balcóns que se atopaba no mesmo lugar que o actual.

Por alí pasaron personaxes históricos como Emilia Pardo Bazán, Miguel de Unamuno, Curros Enríquez, Juan Jacobo Durán Loriga, Manuel Murgía, Ortega y Gasset, Gabriela Mistral ou Paulina Luisi. O seu selo permanece intacto. “Hai un libro de firmas e na primeira páxina atopamos unha dedicatoria de Wenceslao Fernández Flórez”, revelan. Non é a única xoia. A biblioteca, con 173 anos de historia, ten “exemplares únicos”. “Aquí foron bibliotecarios Antón Vilar Ponte e Eladio Rodríguez González”, informa Manuel Miragaia, mentres o presidente sinala que o Circo é só “o gardián” dos libros. “Segundo os estatutos, non se poden vender. Só custodiamos o tesouro”, engade.

Unha das salas ten nas súas paredes as fotografías de tódolos presidentes da entidade. ¿O curioso? Que moitos deles foron alcaldes da cidade, como Canuto Berea Rodríguez, José Soto González, Maximiliano Asúnsolo Linares-Rivas, Luis Argudín Bolívar e Manuel Casás Fernández. “Aí vemos a importancia do Circo de Artesáns. Ver estas imaxes é como pasear polo rueiro da Coruña”, reflexiona o guía.

Para Parga e Miragaia, esta entidade foi tamén “unha dos berces do feminismo en Galicia”. Recordan que os discursos de Pardo Bazán e Concepción Arenal tiveron un oco importante na historia. “Tamén estivo aquí María Vinyals, coñecida como a Marquesa Vermella, pioneira na introdución do feminismo”, contan.

Historias e segredos que serán desvelados nas visitas guiadas, que terán aforo reducido, polo que se pode reservar no teléfono 981 222 976. O Circo de Artesáns foi tamén protagonista dos Entroidos da cidade. “O Enterro da Sardiña partía de aquí”, aseguran, e sinalan que aínda teñen o obxectivo de recuperar “as procesións cívicas”. “Non eran relixiosas nin políticas. Os veciños camiñaban ata Santo Amaro unha vez ao ano para depositar flores nas tumbas dos personaxes máis ilustres”, detalla Miragaia, como facendo unha viaxe a un pasado que agora recuperan.