Vivimos en plena crise sanitaria e social xerada pola pandemia COVID 19. Non obstante, a diferencia do acontecido con outras epidemias que sufrimos (por exemplo, a do cólera de 1854 ou a da gripe do ano 1918), sabemos dos mecanismos de contaxio e coñecemos o microorganismo que a causa, coronavirus 2 da síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV-2), o que permite adoptar medidas preventivas e terapéuticas axeitadas.

Que causa os contaxios?

No século XIX a incerteza sobre a transmisión das enfermidades, a procedencia dos contaxios, era notable e dividía aos investigadores: uns partidarios da orixe inanimada e outros que remitían a causa a seres vivos moi pequenos. Inicialmente, a teoría de maior aceptación foi a miasmática, segundo ela as doenzas eran producidas por unha alteración ou corrupción da atmosfera, polo aire impregnado de emanacións de materia orgánica en descomposición, miasmas. Na metade do século foi gañando presenza a teoría que asignaba a algúns microorganismos a orixe dos contaxios. Porén esa proposta se enfrontaba ao sentido común (¿como uns individuos microscópicos podían causar esas enfermidades?) e ao escaso coñecemento deses seres vivos. Nas décadas seguintes identificáronse microbios relacionados con doenzas de notable impacto e demostrouse experimentalmente a transmisión microbiana das enfermidades, un proceso no que resultaron claves figuras como o químico Louis Pasteur (1822-1895) e o médico Robert Koch (1843-1910). A consecuencia inmediata desas novidades foi a crecente atención dos investigadores e médicos á nacente Microbioloxía e, por suposto, o abandono da teoría miasmática. Por outra banda, o azote das epidemias continuaba, na década final do século os xornais fixéronse eco de numerosos casos acontecidos en Galicia (sarampelo en 1886, varíola en 1888 ou lepra en 1889), xunto aos tradicionais brotes de cólera, tifo e rabia.

Mellora dos microscopios

No avance no coñecemento dos microbios xogaron un papel decisivo a creación de institucións científicas dedicadas ao seu estudo, por exemplo o Institut Pasteur, e unha mellora substancial dos microscopios. Eses instrumentos, que aumentan a imaxe dos obxectos, eran coñecidos desde había uns dous séculos porén as súas limitacións técnicas e un ambiente científico pouco propicio fixeran deles uns materiais de entretemento e lecer. Esa situación mudou na segunda parte do século XIX co incremento da actividade científica e a aparición da innovadora teoría celular (os seres vivos estamos formados por microunidades denominadas células); asemade, tiveron lugar relevantes melloras técnicas dos microscopios.

Varios fabricantes, sobre todo en Alemaña, Reino Unido e Francia, competiron por construír aparatos con lentes que ofrecían maior aumento e con superior calidade óptica. Así tiveron lugar descubrimentos como o do obxectivo apocromático (que corrixía a aberración cromática) por Ernst Abbe. Eses progresos ópticos estiveron acompañados de melloras nas técnicas de tinxir os obxectos a observar e dese xeito xurdiron ou colleron pulo diversas materias, como a Citoloxía (estudo das células) ou a Histoloxía (estudo das agrupacións celulares) e tivo lugar a formación dunha comunidade científica dedicada ao mundo dos seres vivos moi pequenos. En todo caso, a fins do século XIX o microscopio converteuse no instrumento paradigmático da investigación biolóxica, un aparato, que permitía, case de xeito misterioso, acceder a un “mundo invisible” que tanta importancia tiña nas enfermidades e nos procesos alimentarios. E xerou a lóxica curiosidade entre a xente e provocou unha demanda de información que levou a exhibicións públicas como a que hoxe comentaremos.

A atención ás novidades microbiolóxicas

A partir dos anos oitenta do século XIX os xornais prestaban reiterada atención ao microscopio, con variadas e breves notas nas que se informaba de descubrimentos reais ou supostos e sobre epidemias e sistemas de curación fronte os microbios patóxenos. Ademais, a novidade do tema levou a incluír textos nos que se mesturaban a preocupación social polos contaxios con algunhas curiosas explicacións. Nesa liña apareceron novas como a recollida polos xornais en xaneiro de 1888, atribuída ao Dr. Wallace C. Abbott (1857-1921), médico e propietario dunha farmacia que ese ano fundaría en Chicago a Abbott Alkaloidal Company, hoxe os Abbott Laboratories, unha potente empresa que opera en máis de cen países. Ese galeno facíase eco da opinión do viaxeiro George Catlin (1796-1872), pintor estadounidense que se especializou en retratos de nativos americanos, quen pensaba que estes sufrían poucas enfermidades respiratorias por ter a boca pecha. Un peculiar precedente, como vemos, das máscaras que utilizamos fronte a difusión do coronavirus.

Un verán coruñés ben “movido”

A Coruña viviu no ano 1885 un período estival con moitas novidades. A principal no terreo cultural foi a morte de Rosalía de Castro o 15 de xullo. Un feito que daría lugar na cidade herculina á celebración dunha velada na honra da escritora o 2 de setembro, organizada polo activo Circo de Artesáns no Teatro Principal (hoxe Rosalía de Castro). Acontecemento que sería presidido por Emilia Pardo Bazán, quen transformou a que fora concibida como unha homenaxe á poetisa morta nun acto de afirmación persoal, perfectamente completado coa intervención de Emilio Castelar (“¿me conocéis?”). Por outra banda, na escena política local, na primavera tiveran lugar as eleccións municipais e o novo Concello constituíuse o 1 de xullo. De cara á seguinte renovación parcial dos concelleiros xa se falaba de que polo distrito de Santa Lucía se presentaría o director de La Voz de Galicia, Juan Fernández de la Torre (quen escribía o segundo apelido como Latorre). Nese estío de 1885 aínda representaba ao Partido Republicano Progresista de Manuel Ruiz Zorrilla, grupo político partidario da insurrección fronte a monarquía borbónica e do que formaban parte os tres propietarios do xornal naquel momento: o propio Juan Fernández, Antonio Prieto Puga e José Manuel Martínez Pérez.

Un tema que espertaba grande atención na cidade foi o da epidemia de cólera, que, sobre todo, afectaba á zona valenciana. O lóxico interese xerado polos seus efectos viña agudizado por un feito que estimulaba a atención local, a participación voluntaria en Valencia do médico Xosé Rodríguez Martínez (o popular “médico Rodríguez”). Saíra o 10 de xuño cara a terras levantinas e se ben as súas crónicas eran reproducidas por La Voz de Galicia, os distintos xornais locais recolleron e eloxiaron durante os meses de verán o arriscado e xeneroso labor do sanitario. Informaban os medios da marcha da epidemia, causada pola bacteria Vibrio cholerae, que illara en 1884 Robert Koch (aínda que xa fora identificada con anterioridade). E, ademais, acadaba unha grande presenza mediática unha cuestión asociada que xerou unha enorme polémica naquel momento, a validez da vacina anticolérica creada polo médico catalán Jaume Ferrán, que Rodríguez respaldaba. Este galeno coruñés (de Monelos) volveu a fins de agosto, tivo un grande e merecido recibimento da cidade e axiña se puxo a redactar un libro no que contou a experiencia vivida. Non rematan aquí as novidades relacionadas cos microbios, o 6 de xullo Pasteur realizou con éxito a primeira inoculación da vacina da rabia na persoa do neno Joseph Meister. A nivel local, o sábado 18 dese mes tivo lugar unha reunión nos locais do Consulado sobre o lazareto que se construiría na zona de Oza e o 15 chegaron o Dr. Llops e Karman para actuar no Teatro de Variedades.

Un espectáculo co microscopio como protagonista

Os xornais informaron o 16 de xullo da chegada o día anterior á Coruña do “Dr Llops e Karman” para unha “exhibición de microscopio”. O doutor era presentado como un personaxe “célebre” por seren o suposto inventor dun “microscopio xigante eléctrico”, un artefacto que, dicía a prensa, “ha llamado la atención en las principales capitales de Europa donde lo ha presentado”, comentario con sabor a publirreportaxe. O microscopio de Llopps era presentado como un aparato que aumentaba “los objetos más insignificantes hasta un punto realmente maravilloso”, poñendo o exemplo de que amosaba unha pulga do tamaño dun elefante. A natureza de entretemento do espectáculo era subliñada polo feito de que Llopps estaba acompañado na sesión por un prestidixitador de suxestivo nome, “Sr. Karman”, de quen se anunciaba que presentaría unha serie de xogos completamente novos. Os cronistas locais animaban a asistir ao evento, que “instruía e deleitaba ao tempo”.

Actuacións no Teatro de Variedades

O espectáculo microscópico ofreceuse ao público coruñés no Teatro de Variedades, que estaba situado no número 22 da rúa da Franxa, nun edificio que foi substituído polo de Simeón que agora alberga os Servizos económicos do Concello. O teatro, activo desde 1823 a 1889, tamén recibía os nomes de Teatro Circo e Teatro Vello, porque foi anterior ao Teatro Principal. Xunto a actuacións teatrais e realización doutros eventos, o local serviu de sede, en 1859, do Ateneo Coruñés e, renovado nos anos oitenta, tamén foi utilizado por esas datas como local social do Liceo Brigantino.

As actuación de Llops e Karman iniciáronse o sábado 18 e semella que nelas o denominado Dr. Llopps proxectaba sobre unha pantalla as imaxes de seres vivos moi pequenos que eran ampliadas polo microscopio. De seguido explicaba ao entregado e sorprendido público as figuras aumentadas de triquinas (vermes nematodos que causan a triquinose ou triquinelose), filoxera (insectos parasitos das vides), infusorios da auga (microorganismos unicelulares), “parásitos del hombre y de los animales”, “ácaros del queso” e “todos los seres y animales que pueblan el mundo invisible”. Os coruñeses puideron acceder a ese mundo misterioso ata fins do mes de xullo. O xoves día 30 Llopps e Karman marcharon co “xigantesco” microscopio eléctrico cara Ferrol, para actuar no Teatro-Circo.