No BNG sempre fomos partidarios dos acordos amplos —en coordenadas progresistas e nacionalistas— no seo da Corporación coruñesa e moito máis agora, en plena pandemia, cando a situación social adquire carácteres de enorme gravidade, nomeadamente nos sectores (a hostalaría, o comercio, a cultura) máis golpeados pola crise. E sempre concibimos o noso labor en María Pita como a terminal do noso diálogo coas veciñas e veciños desta cidade. Sen as súas achegas non nos sería posíbel facer o noso traballo.

Pois ben, o pasado xoves, 10 de decembro, presentamos no Pazo de María Pita o acordo sobre as ordenanzas fiscais que alcanzamos co PSdeG-PSOE e a Marea Atlántica. No encontro cos medios cualifiqueino de bon acordo. Éo porque prefigura un ambicioso paquete de axudas. Exencións fiscais, por un lado, mais tamén previsións para o pleno desenvolvemento do Presco 2020 e compromiso para a elaboración do Presco 2021. Eses son os eixos do acordo. E non podo menos que me congratular do feito de que o texto selado polas tres forzas políticas incorpora as nosas propostas e, sobre todo, dá cabida ás achegas dos colectivos cos que nos reunimos ao longo das últimas semanas.

En virtude do acordo, haberá unha exención fiscal total nunha serie de taxas para os locais que se vexan obrigados a fechar se a evolución da pandemia así o demandar durante o próximo ano. Haberá tamén unha significativa redución do 50% das taxas que soportan se se visen afectados por restricións de horarios ou capacidade. Iso polo lado do apoio fiscal. Canto ás axudas directas, o compromiso é o da axilización do Presco —temos denunciado a lentitude na súa tramitación— e o inicio de inmediato dos traballos de elaboración dunha nova edición deste plano de reactivación económica e social para 2021.

Este acordo érguese como alternativa necesaria perante a demagoxia fiscal enarborada pola dereita. O PP pedíalle ao Concello que fixese algo que el non fai á fronte da Xunta. Basta ollar os orzamentos galegos para vermos que neles apenas hai exencións fiscais. Ese dobre xogo do PP xa está moi visto. E resulta particularmente irresponsábel coa que está caendo, cando é máis necesario que nunca que as administracións fagan un uso virtuoso das políticas fiscais: si ás exencións (que deben ser progresivas, nunca lineais), mais si tamén á suficiencia de recursos para atender as necesidades sociais e para o sector público contribuír á reactivación da economía e á creación de emprego.