O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, presentou onte na sede da institución o proxecto Conseguiremos, unha serie composta por cinco capítulos que garda o obxectivo de estimular o uso da lingua galega entre a xuventude. O proxecto, elaborado por un grupo de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, nace dun Traballo de Fin de Grao concibido ao abeiro da colaboración entre ambas institucións.

As xornalistas Paula Quiroga, Meritxell Álvarez e Lois Alcayde, son as responsables da primeira edición do proxecto, da que agroman cinco vídeos estruturados a xeito de conversa nas que unha serie de mozos e mozas intercambian impresións cos e coas súas referentes en diversos eidos.

No primeiro capítulo, Conseguiremos un camiño por correr, estreado onte durante a presentación, a futbolista Verónica Boquete conversa, no estadio compostelán que leva o seu nome, co atleta Víctor Pérez, corroborando o feito de que a lingua galega serve, tamén, para falar de fútbol. “Cada vez a xente recoñece máis o valor de falar unha lingua propia”, reflexiona Verónica Boquete neste primeiro capítulo.

O resto dos vídeos desta serie, que terá continuidade ao longo dos vindeiros cursos na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, están protagonizados polos músicos Alejandro Guillán, Baiuca e Laura Lamontagne, o director de cine Andrés Goteira, as actrices da Panadaría Teatro, a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga e o xenetista Ángel Carracedo.

Os capítulos estarán dispoñibles, de xeito progresivo nas vindeiras semanas, no espazo dedicado ao audiovisual da web da RAG. “Os autores e protagonistas da serie queren amosar a lingua que as novas xeracións escollen para crear, vivir a contemporaneidade e desempeñarse profesionalmente” , apuntou o presidente da Academia. Un proxecto que foxe das campañas mais publicitarias, no que a lingua non é o tema central senón o vehículo a través do cal falar de todas as realidades do mundo. “A lingua é a ferramenta que nos abre ao mundo, pero que tamén nos abre a nós mesmos”, xulga Lois Alcayde.