O profesor de Dereito da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich é un dos autores do informe xurídico encargado polo Concello que recolle as vías posibles para reclamar a titularidade da casa Cornide nos tribunais.

Co informe na man, existen posibilidades para o Concello de gañar o pleito?

Vemos posibilidades tanto para o Concello como a Administración do estado. Un dos vicios principais, que é o incumprimento do previsto na lei de 1931 da disposición de bens cunha antigüidade estimada de máis de 100 anos, que requiriría un informe previo da Dirección Xeral de Belas Artes, e que un notario fixese referencia expresa deste requisito nas escrituras, supón a nulidade de pleno dereito desas operacións, de venda e permuta. A propia permuta é nula. O Estado podería iniciar accións legais en base a este incumprimento.

A avogada xeral do Estado desmarcouse desa posibilidade na entrega de chaves de Meirás. Con este informe, a cousa cambia.

Si, eu penso que a avogada xeral, Consuelo Castro, non coñecía este informe. Agora, como mínimo, terán que estudalo. Creo que o lóxico é que se abra un diálogo entre a administración do Estado e a administración municipal de A Coruña, que son as dúas implicadas.

Hai argumentos que outorgan lexitimidade para concorrer xuntas ou por separadas. É lóxico que se decidan pola fronte común?

Si, que se coordinen. A nós o que se nos pide é que identifiquemos as vías xurídicas para que a casa Cornide retorne ao patrimonio público, e aí están. Agora, como se articule, se en solitario ou en conxunto non é decisión nosa.

Dentro das vías xurídicas que se poden seguir, civil e administrativa, cal é a que máis se sostén?

Eso terá que estudalo a asesoría xurídica do Concello da Coruña e a avogacía do Estado. Aí se lles dan todas esas vías, é dicir, na vía administrativa, a revisión de oficio instada polo Concello da Coruña nese caso o informe preceptivo sería Consello Consultivo de Galicia, ou pola revisión de oficio instado pola Avogacía do estado, na que o informe perceptivo tería que ser do Consello do Estado. Tamén está a acción civil.

Esta última foi a vía tomada na reclamación de Meirás.

Efectivamente, en Meirás non había ningún procedemento administrativo, aquí si. Existe un ben que orixinariamente é de dominio público hai unhas connotacións dende o punto de vista xurídico ben distintas.

Cabe unha posible indemnización aos Franco polos gastos que pagaron durante estes anos?

Eses gastos de mantemento van o comido polo servido. Eses gastos van porque foron os posuidoress deste ben. Estiveron, supostamente, aproveitándose dun ben que non era deles. A familia Franco non poden ser considerados posuidores de boa fe. O transcurso do tempo non impide, en absoluto, o exercicio das accións de nulidade.

Que determina ser ou non posuidores de boa fe?

Eles eran perfectamente sabedores das circunstancias nas que foi adquirida esa posesión. Eles non adquiren, pero xa en vida da súa avoa, despois súa nai, eran conscientes da situación na que se atopaba a casa Cornide, sabían que o Concello sufragou grande parte dos gastos de reforma.

A familia mantén o inmoble á venda. Poden desfacerse do edificio antes do inicio das accións?

Si, pero quen compre, sabe o risco que corre. Ese terceiro que compra podería dicir que é un terceiro hipotecario protexido pola boa fe rexistral. Agora non pode alegar iso, porque é perfectamente pública e notoria a situación que corre a casa Cornide.

Podían ter alegado isto hai un ano?

Podían alegalo, aínda que xa había movemento. Outra cousa é que se lles estimase.

Os bens interiores, que nunca se inventariaron, non entrarían na reclamación.

Unha vez que se declare BIC, terían que entrar aí os técnicos de patrimonio a inventariar e ver cal é a procedencia deses bens, como no caso de Meirás, onde se viu que había moitos bens públicos. Hai que facer o rastrexo.

Agora mesmo, teñen os Franco liberdade para baleirar a Cornide?

Si, pero cautelarmente a normativa patrimonial permite adoptar algunhas medidas. Habería que incoar a denominación BIC, e entón poderían adoptarse unha serie de medidas para impedir que se estrague o valor histórico do ben e do seu contido.