Imaxe promocional de ‘Lascas’. | // CEDIDA POR ESTRAPERLO

Un libro coma unha baralla de cartas do tarot para esquecer a pandemia. Un proxecto que se xestou antes de que se impuxesen a distancia social e a máscara polas ganas de colaborar de dous artistas que se seguían e se respectaban, Héctor Pose, cos seus textos, e Héctor Francesch coas súas ilustracións.

Conta Francesch que querían facer “algo máis ca un libro” e que foi o editor Enrique Lista, de Estraperlo, quen tivo a idea de que cada relato e que cada ilustración tivese a súa carta. A presentación deste libro empezou onte, no KiosKo Alfonso, pero tamén hoxe haberá un pase para poder cumprir coas restricións impostas para evitar contaxios de coronavirus. Será ás 12.30 horas no mesmo lugar.

Héctor Pose di que, nunha primeira lectura, é recomendable que se siga a orde establecida e numerada do libro pero que, despois, é case obrigado que cadaquén xogue a barallar as historias, “a facer solitarios, incluso”, a buscar un fío condutor que existe, pero que non se fai presente a primeira vista e que pode agromar collendo as cartas ao chou e deixando que, entre elas, conversen.

Para Francesch, un dos retos deste proxecto foi dialogar cos textos e, ademais, facelo en branco e negro, sen o soporte da paleta de cores, ilustrando cada narración cunha imaxe, desde un barco pirata até un tique dos que marcan o turno no supermercado co número trece.

A idea foi tomando forma antes da pandemia, en novembro do ano pasado, pero consolidouse durante o confinamento. “Foi excusa e ocasión para afianzar o libro”, confesan os autores. E, aínda que Pose tivo que crear uns poucos relatos máis cando decidiron converter o material nunha baralla de cartas, en ningún momento pensou en introducir esta variable do coronavirus.

“Eu penso que estes cambios teñen que fermentar, que se teñen que asentar en nós antes de expresalos”, relata, en conversa con Francesch, e confesa, entre risas, que seguramente os seus textos sobre o confinamento e a pandemia saian dentro dun ou de dous anos, cando xa teña toda esta realidade dixerida e sexa quen de integrala na súa prosa.

Ambos os dous falan de broma, pero tamén en serio, de que este Lascas é un libro para se esquecer do momento actual, para regresar, aínda que só sexa un minuto, o que dura a lectura dunha carta, ao mundo tal e como o coñeciamos, para volver a eses instantes nos que Pepe da Mexa se ri dun compañeiro que está a deixar de fumar ou a cando Auria de Lela, logo de pasar polo hospital, se atopa cunha veciña, ou a cando un sancristán confesa que moito do que se di do cura é certo, aínda que non todo.

“Os carpinteiros, cando fan unha peza, van deixando caír virutas, o que en galego chamamos lascas. Estes relatos son o que recollemos despois de facer outras obras”, comenta Pose, que asegura que todas estas personaxes tiñan moito máis que contar e que neste libro encontran o seu lugar. para falaren da soidade e das lembranzas, tamén, para rir e conversar coas ilustracións de Francesch que as complementan e as acompañan.