“Eu feliz entre acacias e piñeiros e castiñeiros e cardos e ortigas, en Meirás, podando e cavando” escribe Emilia Pardo Bazán á súa amiga Carmen Miranda. En castelán, como a meirande parte dos autores do XIX, incluíndo Murguía e a prosa de Rosalía. Foi unha extraordinaria narradora, ensaísta que se apropiou de ámbitos reservados aos homes, aguda xornalista, muller complexa e contraditoria. Identificada coa nación española, Galicia está na cerna do seu imaxinario, das súas emocións. Sobre todo foi, nas súas propias palabras, unha “radical feminista” adiantada en moitos aspectos ao feminismo do seu tempo, defendendo que as mulleres teñen destino propio, non suxeito á familia nin aos fillos que poderán concibir ou non, dereito á educación, a vivir do seu traballo, e a experimentar praceres como o sexo, fumar ou tomar un baño turco. Malia non escribir en galego, debe ser considerada patrimonio da cultura galega, como entenderon as feministas desde 1989 no monográfico da Festa da Palabra Silenciada. Con certeza Emilia debe compartir espazo en Meirás cun Centro de Memoria Histórica ou Lugar de Memoria, do mesmo modo que comparte amigablemente espazo a súa Casa Museo coa sede da Real Academia Galega na Coruña. O falar non ten cancelas e escóitanse desatinos, como a ocorrencia de trasladar a Meirás a Casa Museo e os 8.000 volumes da biblioteca de Emilia Pardo Bazán custodiados na RAG. Afortunadamente estamos en tempos nos que a incautación pola forza non é posible.

Cómpre un Centro de memoria positiva que restaure a dignidade das persoas asasinadas —en Galicia, onde non houbo guerra, unicamente represión, 4.699 segundo Nomes e Voces— e represaliadas, un centro que articule un discurso identificando mortes e represalias seren debidas á súa fidelidade ao goberno constitucional, non “inimigos do país”, relato imposto polos autores do golpe de estado. Tras a morte do ditador, os seus herdeiros intelectuais mudárono cara a un de equidistancia: houbera un conflito no que todos se comportaran mal. Un Centro que identifique os mecanismos de violencia e coerción, e tamén os discursos que pretendían a lexitimación do franquismo. Violencia cun obxectivo, en palabras de Mola, en xullo do 36 “Es necesario crear una atmósfera de terror (...) eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todo el que no piense como nosotros.” Morte, cadáveres amoreados en foxas comúns que só agora están comezando a ser abertas, mulleres aldraxadas, mestras e mestres depurados, intelectuais que deberon exiliarse, empresarios como Pepe Miñones, do que, logo de asasinalo, foron incautadas as empresas... Mais tamén un relato lexitimador, xustificando o golpe de estado, consagrando unha única lingua, unha cultura a medida.

O asombroso non é que se proxecte un Centro de Memoria en Meirás, o inaudito é que oitenta anos despois non exista un como hai noutros países, Arxentina, Chile, Alemaña, Francia. Emilia, que tanto amou Meirás, non debería ser utilizada como escusa para negar a creación dun centro así, co que a súa obra e o seu feminismo —quen fala de “protofeminismo” é que non a leu—, tan moderno, poden compartir espazo.

*Autora con María López-Sández do libro de próxima publicación Movendo os marcos do patriarcado: O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán