O ceo visto desde o obxectivo da cámara de tres fotógrafos da cidade. Un deles, Marcos Gestal, coa Torre de Hércules como protagonista, nunha imaxe tirada desde Oleiros. Sindo Novoa e Ángel Daniel Rodríguez Arós tomáronas desde A Veiga, en Ourense. Son imaxes para ilustrar o ano 2021. Catorce instantáneas do ceo galego, que, nesta cuarta edición, veñen acompañadas dos poemas da escritora Estíbaliz Espinosa e dos textos do físico Jorge Mira.

O solpor na Torre de Hércules, de Marcos Gestal. | // CEOS GALEGOS

Explica Dosi Veiga, editor do proxecto Ceos Galegos, que o ceo, así visto “é fermoso, pero que se se entende o que pasa nel é dobremente fermoso”, por iso nace esta iniciativa, para amosar o que se pode aprender mirando cara arriba. “

Foto desde A Veiga, de Daniel Rodríguez Arós. | // CEOS GALEGOS

Non é unha denuncia, pero si que chama a atención sobre todo o que nos estamos a perder pola contaminación lumínica”, explica o fotógrafo afincado na Coruña Sindo Novoa. A súa imaxe desde A Veiga, que ilustra o mes de marzo, é unha panorámica na que se pode ver “medio arco da Vía Láctea e a Saturno e Xúpiter en conxunción”, tomouna en xullo, cando ambos os dous planetas estaban máis separados do que o están agora mesmo. Para el, que é do Barco de Valdeorras, esta imaxe é especial, por estar preto da súa casa. “O ceo vermello na Torre é fermoso, pero é máis bonito se entendemos por que fai ese efecto no solpor”, relata Dosi Veiga, sobre a instantánea de Rodríguez Arós, que viaxou tamén a Pena Trevinca para capturar “un dos fenómenos do ano”, o paso do cometa Neowise. “Hai unha manchiña que se aprecia na edición impresa. É unha galaxia”, di Veiga, que reivindica este calendario como un integrante máis da cociña da casa.