Alfonso Zarauza dirixe a cinta Ons, filmada integramente na illa e que xa pode visionarse en cines. Un drama profundo na que a paisaxe ten un rol protagónico.

Ons revela moito da ubicación. Por que escoller este paraxe para asentar a acción do filme?

A illa ten moitísima importancia. A idea da película é que as illas son espazos que teñen unha parte somerxida baixo o mar. A psicoloxía das personaxes é un pouco así, teñen unha parte que amosan e outra que ocultan. Hai unha parte que se conta explicitamente, pero hai outra que está oculta na propia narrativa da película. A illa ten moita importancia tanto a nivel paisaxístico como climatolóxico.

Actúa como protagonista?

Si, o clima afecta moito aos personaxes. Ata a propia illa, atmosfericamente, aféctalles moitísimos.

Como foron os meses de rodaxe en Ons, nos que entran en contacto cos habitantes da illa?

Foi unha convivencia moi bonita. Todos ou saen na película ou traballaron nela, están vinculados dun ou outro xeito. Sae o cabalo da illa, sae Cesáreo, sae Pepe, os personaxes que viven alí na illa. Manexaban os tractores para que puideramos chegar aos sitios remotos, axudaban. Estaban moi vinculados, hai unha unión moi bonita entre eles e nós. Viñeron todos á presentación da película en Bueu.

Na película, denúncianse certas realidades da veciñanza da illa que están a ocorrer.

Si. Eu levo cinco anos indo á illa varias veces, pero xusto cando estabamos preparando a película, aconteceu a disputa entre a Xunta e os que viven na illa, que lles puñan restricións para viaxar e levar invitados no verán. Tratábanos un pouco como turistas, pero eles non se senten turistas. Isto incorporámolo dunha maneira tanxencial á peli, sae reflectido nalgún personaxe.

Unha das críticas recorrentes no cine filmado en Galicia é de que o interese na comunidade se limita á paisaxe. Neste caso, o elenco é eminentemente galego.

Non, esta é unha película 100% galega, salvo unha actriz belga. Todo está rodado en galego, na illa de Ons, cun equipo integramente galego, salvo dous sonidistas portugueses, porque esta é unha coprodución internacional entre España e Portugal. Un 30% da financiación vén de fóra, pero a película é galega, que é algo moi difícil de conseguir, e algo que estamos logrando grazas á calidade dos filmes galegos, que comezan a ter prestixio na Europa enteira. Hai outro xeito de facelo, que é ese que dis: facer películas non galegas e facelas pasar por galegas para levar subvencións. Esa é outra cousa lícita, todo é interesante.

Mesturan caras novas con figuras máis coñecidas. Como se integra este reparto?

Si, a protagonista é Melania Cruz, unha actriz nova pero cun poderío impresionante, penso que ten un futuro inmenso porque ten unha calidade incrible. Hai actores moi consolidados como Antonio Durán Morris, Miguel de Lira ou Xulio Abonjo, e actores cun potencial boísimo como Marta Lado ou esta actriz belga, Anaël Snoek, que é unha actriz de culto do cine francés. Hai unha mistura bonita, penso que está moi ben, houbo unha harmonía moi chula na rodaxe.

Trata Ons de fuxir dos tópicos no cinema, afondando nas relacións humanas?

Si, a min o que me interesaba era falar de cousas das que non se fala habitualmente, ou das que se fala noutras películas pero cun enfoque distinto. Quería falar do amor, pero non desde unha perspectiva tópica ou banal ou dende lugares comúns, como se ten feito en miles de películas; senón o amor dende o punto de vista da necesidade e da escaseza. Hai un simbolismo na peli que di a fareira da illa, que somos como illas emocionais que estamos á deriva na noite oceánica buscando un faro que nos guíe, que é o amor; un compañeiro, unha compañeira que nos guíe. Falar un pouco desa necesidade de afecto, do amor máis alá do desexo sexual: instinto maternal, seguridade emocional... moitos aspectos, pero sobre todo da escaseza de todo isto.

O telúrico está presente a través da náufraga estranxeira que recala na illa.

Si, a náufraga é un personaxe fantasmagórico, pero dunha maneira sutil. Existe un pouco dun xeito irreal, pero o que precipita son cousas que lles pasan aos personaxes protagonistas. É un personaxe que sirve de espello onde se reflicten as pantasmas dos outros.

A atmosfera da illa é tal que contan que mesmo unha das protagonistas, Melania Cruz, desenvolveu certo episodio depresivo.

Si, ao final a rodaxe absorbeuna de tal xeito, entregouse tanto, viviuno de tal forma, que acabou un pouco tocada lixeiramente. Estivo un mes algo decaída, preocupeime moito, falaba moito con ela. Agora está perfectamente, pero acabou bastante afectada. Ela agora enténdeo así, realmente a illa absorbeuna bastante. É moi bestial, o da todo pola personaxe, tiña que estar moi metida para dentro.

A dirección artística esconde algúns elementos narrativos importantes. Que nos di o código de cores?

Efectivamente, fixemos un traballo de cores tanto de vestiario como de decorado, todo eran cores frías. Hai un momento no que sae a cor vermella, que é cando aparece o personaxe da estranxeira, que leva un abrigo desta cor. É un efecto visible para o espectador, que se percibe de xeito intuitivo, pero que queda moi bonito.