O actor e escritor Lino Braxe (Mugardos, 1962) faleceu aos 58 anos na súa casa da Coruña. Ligado ao mundo da cultura galega, destacou como poeta na chamada Xeración dos 80, e a súa traxectoria levouno tamén á interpretación, aos medios de comunicación, e á fotografía, como salientou onte a presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo. Foi a entidade coruñesa, coa que Lino Braxe colaboraba no seu grupo de teatro, a que informou “consternada” do seu pasamento.

“Foi moi importante, fundamental para a cultura deste país”, subliñou Bravo sobre a figura de Lino Braxe. Á súa consternación polo repentino pasamento do actor e escritor sumáronse numerosas voces da cultura galega.

Figura polifacética da cultura galega, Braxe tocou diferentes disciplinas desde que na década dos anos 80 se dera a coñecer na antoloxía poética De amor e desamor xunto a outros autores como Lois Pereiro, Miguel Anxo Fernán-Vello, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Francisco Salinas Portugal, Xavier Seoane, Miguel Anxo Mato Fondo, Xulio López Valcárcel e José María Monterroso Devesa. Foi, ademáis, actor, escritor, director, actor de dobraxe e tamén artista plástico, unha das súas facetas menos coñecidas pero que tocou na súa traxectoria, lembrou María Xosé Bravo.

Además das dúas antoloxías de De amor e desamor asinou outros títulos de poesía ao longo da súa carreira: Banquete, Entre ruínas, A caricia da serpe, O sangue dos árabes e O segredo namorado. A derradeira obra que publicou foi, en 2011, O botín da miseria.

Lino Braxe forxou unha carreira como actor e a súa presencia volveuse habitual en numerosos montaxes teatrais despois de arrancar coa Compañía Luís Seoane. Volveuse popular pola súa aparición en produccións tan coñecidas como Mareas Vivas, Pratos combinados, A vida por diante e Rías Baixas.

Tamén nos medios de comunicación tuvo unha salientable presencia. Articulista de LA OPINIÓN, exerceu como locutor en Radio Nacional de España (RNE) durante dez anos, nos que adaptou á radio a obra de Eduardo Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro.

Tras coñecerse o seu pasamento, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, escribiu en Twitter: “A súa perda é irreparable para tantas amizades e xente querida, e para a cultura galega. Con moita dor dicimos adeus ao poeta, ao home de teatro, ao activista xeneroso e vital, unha voz imprescindible á que hoxe choramos con tristeza”.

“Foise o meu amigo, o meu irmán”, escribiu Rómulo Sanjurjo, director da área de Cultura do Concello, en Twitter. Na mesma rede social, o editor Manuel Bragado deixou a súa lembranza: “Que perda grande a de Lino Braxe, escritor de xenerosidade desbordada, agarimoso e entusiasta. Lembro con saudades acompañalo na edición d A cor do ceo (1999), aquel libro de relatos e poemas, tamén caderno de bitácora dun escritor romántico sen ataduras. Ata sempre, Lino!”.

Na política, tamén o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o BNG amosaron a súa tristeza polo falecemento de Lino Braxe.