O humorista coruñés Xosé Antonio Touriñán porá o toque humorístico na oitava edición de A Radio Conta, que se emite hoxe de 17.00 á 20.00 horas e que estará centrada nas persoas e entidades que loitaron contra o virus en primeira liña durante a pandemia. Oito emisoras de radio da Coruña volven unir as súas voces nunha emisión conxunta, esta vez desde os estudios e non ante o público polas restriccións da pandemia. Profesionais da Radio Galega, Radio Nacional de España, Radio Coruña, Onda Cero, Radio Marca, Cope, RadioVoz e Intereconomía traballan desde hai meses na producción do programa, polo que pasarán, ademáis de Touriñán, os humoristas David Perdomo, Fede Pérez, Marcos Pereiro, Pedro Brandariz e Oswaldo Digón, a gaiteira Susana Seivane, o actor Tamar Novas, e no que haberá un radioteatro con guion de Óscar Cruz e as voces de Paco Lodeiro, Carlos Jiménez, Suso Martínez e xornalistas de diferentes emisoras.

Cal é a súa función, como humorista, nesta oitava edición da Radio Conta?

A nosa función como humoristas é intentar facer que a xente se ría. Dentro dun programa como este, o que se pretende é que sexa unha tarde entretida, contando coa colaboración das ONG e entidades sociais, intentar que sexa ameno. Esa é a nosa labor, está Marcos, Perdomo, será unha edición un pouco especial porque non é presencial, non poderemos estar no teatro este ano. Graváronse as pezas, hai entrevistas, sketches, o que antes se facía no teatro en directo.

Volve facer dupla en A Radio Conta con David Perdomo, co que publicaba, durante o confinamento, unha serie de monólogos que foron unha auténtica revelación.

Coñecémonos dende hai vinte anos, cando empezabamos nisto. Coincidimos traballando xa algunha vez, pero así como amigos intentando pasalo ben, que foi o que fixemos durante a corentena, para disfrutalo nós. Vímonos sorprendidos por esa avalancha de xente, de seguidores, nun formato novo como é Instagram que non sabiamos case nin utilizalo. So foron boas novas, tanto para nós, que nos fixo moito ben como profesionais, de volver a sentir por que nos dedicamos a isto, e tamén polo contrario, tivo moito éxito. Teño a sorte de vivir disto.

Había netos instalándolles o Instagram aos seus avós para seguiren os directos. Como percibiron este feedback?

Era unha vía que chegou a moita xente como novidade, gracias a que querían vernos, iso é fantástico. A nós subíronnos os seguidores 50.000 máis a cada un. Dentro do malo que foi, divertímonos moito.

Despois de todo o que pasamos, chega a xente á fin do ano con ganas de rir, ou todo o contrario?

Si, xa en calquera ano normal, a risa é necesaria. Imaxínate despois dun ano complicado coma este que levamos, que case é unha necesidade básica. Fai falta para levar todo isto mais aló do físico, que calquera pode coller o bicho, tamén para a cabeciña. A risa é unha das mellores medicinas que hai para poder levar as cousas.

O do ano complicado dirao tamén polo fútbol, polo descenso do Deportivo...

Por todo en xeral. (risas) O primeiro é o do coronavirus, non imos banalizar as cousas, pero tamén, o Dépor, vaia ano, vaia ano... Aínda o falabamos hoxe: dentro do malo deste ano, o de non poder ir ao estadio e desfrutar do fútbol coma antes, case é mellor que sexa como un pesadelo.

Falando de banalizar. Como humoristas, a súa posición ás veces é complicada. Estamos preparados para facer humor co COVID?

Eu estou preparado. Sempre digo que vai no consumidor. O que pon os límites é o que consume, non o que fai o humor. Levamos moitos anos xa con estas polémicas, estas discusión, se hai límites ou non os hai. O que ten que poñer os límites é o receptor. Eu creo que se pode facer humor con todo. Faltar ao respecto, insultar, non é facer humor. Podes falar da morte, da enfermidade, dun atropelo; ou podes falar de que estás gordo como un cebolo e che pode dar un infarto. Claro que se pode, pero o que está enfronte é o que ten que escoller. Se non fai gracia non é humor, aí está a diferencia. Dis, ‘é comedia porque a min faime gracia’, pero si o que tes diante non se ri... non é comedia, amigo. Quen ten o poder de cambiar de canle de televisión, de non acudir ao espectáculo no teatro, de mudar de emisora, de non mercar un periódico, é o consumidor.

Facer humor coa traxedia é un xeito, quizais, de lle quitarlle ferro ao asunto.

Eu dígoche que o humor só ten que valer para sandar, para curar, para esquecerte das cousas. Nós podemos falar e facer chistes de coronavirus, pero non dicimos cousas que teñan que ser serias. Temos que facer rir. O que ten que falar en serio é o epidemiólogo, Fernando Simón ou Salvador Illa, que oxalá fixesen chistes tamén, pero son os que teñen que falar serio. A nós non se nos pode pedir isto, eu fago humor. Non me estou rindo da xente que morre,senón das situacións que provocan comedia dentro das situacións dramáticas. A liña entre comedia e drama é moi fina, e quizais a mellor comedia está máis preto do drama. É certo que, nos últimos anos, esa liña ímola movendo a sociedade. Non é difícil facer humor sen pasarse, sen insultar, sen ofender.

O gremio cultural foi o que tivo menos atención. Foi a sociedade ingrata co mundo do entretemento despois de todo o que se nos deu durante o confinamento?

Un ten que dar o que queira dar, sen agardar a que veña de volta. De volta vén, e ás veces é marabilloso, outras veces é menos do que cres. Eu non me podo queixar, porque seguín traballando en proxectos audiovisuais e esas cousas. Se vivise de facer teatro en Galicia, este ano non tería para comer. O ano pasado facturamos, o ano anterior tamén. Este ano coa cultura non houbo unha liña lóxica nin estable. Levamos desde marzo sen facer unha actuación. Temos o 26 e o 27 en Palexco, con Carlos Blanco, Somos Criminais. Iso se non cambia nada, poden entrar 400 persoas. Dende marzo tivemos cero axuda, nin se fala nin se espera. Estamos en contacto directo coa consellería, tratando de buscar vías, que son difíciles, que é un momento complicado. Temos que buscar liñas para poder funcionar.