A reitoría da Universidade da Coruña presentou a semana pasada as liñas básicas do seu orzamento para 2021, despois de que o deste ano estivera prorrogado do anterior. A institución manexará 136,99 millóns, un 4% máis que este ano, aínda que os recursos que recibirá non medrarán o necesario segundo o reitor, Julio Abalde, quen explica as principais magnitudes das contas para o vindeiro ano.

É suficiente o aumento do orzamento que se prevé para 2021?

Os ingresos non se incrementarán ao ritmo que deberían facelo con respecto aos gastos. Estamos comparando os orzamentos do ano que vén cuns que estaban prorrogados do 2019, cando nese tempo se produciu unha subida salarial marcada polo Goberno central que temos que incorporar. Iso fai que suba o orzamento e que, porén, partidas como a dos gastos xerais teñan que descender para que poidamos equilibrar as contas, fundamentalmente nos gastos correntes e nos investimentos.

Como vai conseguir a Universidade reducir máis ese gasto corrente cando leva xa anos facéndoo?

Pois teremos que axustalo máis e reducilo onde se poida reducir, como nas subministracións e nos pequenos equipamentos que se mercan para substituír a outros. Aínda non están rematados os orzamentos, pero prevemos unha redución dun 2,5% nos gastos correntes.

Os recortes no investimento poden afectar a algún proxecto que estea en marcha?

Van afectar sobre todo á renovación de infraestruturas, xa que para renovación tecnolóxica se vai conseguir financiamento extra por outras vías. Temos que actuar sobre as partidas que podemos porque hai algunhas nas que practicamente non hai marxe para a redución.

Por que o maior investimento vai ser para accións de eficiencia enerxética?

Porque vai ser un investimento que vai supoñer un aforro no consumo enerxético en exercicios posteriores e polo tanto nos custos fixos.

A Xunta prorrogou o seu plan de financiamento das tres universidades galegas ata o ano que vén. Iso fará que o novo plan teña que discutirse no 2021?

Efectivamente, e é unha vantaxe porque por unha banda significa que temos un marco económico estable pero tamén que nunha situación de crise económica imos ter que discutir o marco orzamentario para os próximos catro ou cinco anos. Este ano, ao estar prorrogado o plan, teremos a mesma senda de financiamento que levamos dende 2016.

E como se presenta esa negociación? Porque a Universidade da Coruña sempre está a reclamar un mellor financiamento.

As tres universidades reclamámolo porque cremos que temos un financiamento deficitario. Pero, ademais, dentro do reparto interno, a da Coruña considera que está sendo prexudicada porque non se están recoñecendo as potencialidades que ten. Cremos que o reparto interno entre as tres universidades que se fai dentro do plan ten que facerse mantendo a súa estrutura pero con outro sistema. Non é lóxico que ano tras ano se estea reducindo o diñeiro que se aporta ás universidades para o seu fondo estrutural por mor do menor número de estudantes causado pola crise demográfica. Iso hai que corrixilo dalgunha maneira.

Pero avanzaron que na Coruña hai novas titulacións que atraen novos alumnos.

Efectivamente, pero o descenso afecta ás tres universidades e cada vez temos menos alumnos matriculados. Nós temos novas titulacións que son atractivas pero atraen estudantes que deixan outras da nosa Universidade ou doutras.

Como pode influír o crecemento da actividade investigadora na Coruña no financiamento?

Sempre hai un incremento, pero tamén hai que ter en conta que a actividade investigadora tamén é demandante de recursos. Ogallá duplicáramos ou triplicáramos a actividade investigadora, que está mellorando nos últimos anos dunha forma continuada, pero os fondos que consegue son finalistas, polo que teñen que investirse en novas investigacións e non poden dedicarse a gastos correntes, pagamento de nóminas ou de subministracións. Polo tanto, é moi bo que a Universidade aumente a súa investigación, pero iso non vai a solución do seu financiamento estrutural.

Vai haber algún investimento directo na Cidade das TIC?

Vai ser financiada exclusivamente por fondos externos á Universidade da Coruña porque non ten capacidade para abordar un proxecto desa magnitude. Polo tanto, temos que recabar financiamento autonómico, nacional e europeo e teremos tamén que contar co das empresas que estean interesadas en ocupar a Cidade das TIC. Creo que neste momento a situación é boa para intentar conseguir financiamento destinado á reactivación económica, sobre todo porque o sector das TIC vai xogar un papel fundamental na dixitalización de todas as empresas da nosa contorna.

Malia as dificultades económicas, as partidas das axudas para os alumnos medran.

Claro, porque nesta situación de crise temos que garantir que ningún estudante teña que deixar de estudar por razóns económicas e polo tanto temos que ser máis ambiciosos en aspectos como o bonobús, as residencias, bolsas, comedores e axudas para alumnos con dificultades económicas específicas. Unha universidade pública ten que garantir que todos accedan á educación en función das súas capacidades e non da súa situación económica.

Que balance fai deste ano con todas as dificultades que houbo para o ensino universitario?

Positivo, porque fomos capaces de manter a actividade, tanto académica como administrativa nun ritmo practicamente semellante ao da actividade presencial, xa que non paramos nunca. Mantivemos a docencia cunha metodoloxía diferente e fixemos as probas de avaliación nunha situación de confinamento total ao final do curso anterior. O primeiro cuadrimestre deste ano superámolo con moi boa nota, sobre todo desde o punto de vista sanitario, porque fomos capaces de facer que a Universidade fose un espazo seguro.

A maioría do ensino é presencial neste momento?

Estamos cun sistema híbrido, xa que hai titulacións nas que o cento por cento das actividades son presenciais e outras nas que se combinan con outras telemáticas, pero en todas o primeiro curso é practicamente presencial para protexer a estes alumnos e que vivan a Universidade na súa plenitude.