Gañou o premio Jules Verne de de Literatura Juvenil que outorga Xerais pola súa novela Santoamaro, pero Antonio Manuel Fraga xa ten ideas novas nos seus cadernos, aínda que a paternidade puxo patas arriba o seu mundo.

Que supón este galardón?

Non quero dicir que é unha alegría para non caer no obvio, pero si ten algo especial. Con este libro, tratei de afastarme dos camiños que normalmente transitaba na miña obra,tanto no estilo como no contido. Cando saes do camiño que tes marcado, sempre tes a dúbida de se vai funcionar e gustar. O feito de recibir un premio significa que houbo un xurado que o leu, o valorou e lle gustou. Ademais, foi o primeiro libro dende que son pai. Teño unha nena pequena e os tempos de escrita e os horarios cambiaron completamente. Busquei horas onde non había e superei o cansanzo e as ganas de durmir eternas. Son azos para no futuro seguir escribindo e que mereza a pena ese esforzo extra que hai que facer.

Por que esa busca de novos camiños?

Depende un pouco de cada libro. Parto dunha idea xeral sobre a historia e hai historias que se adaptan máis ao que eu fago, pero neste me apetecía cambiar. Como estou nun momento de cambio importante na miña vida, quería incorporar eses cambios á forma de escribir e probar cousas novas. O outro xa sabía que o facía medianamente ben, pero tampouco me quería conformar. Quería probar cousas novas.

Que quere contar con Santoamaro?

Apetecíame subliñar o diálogo que fago co teatro na propia estrutura. Xoguei cun escenario físico, a praia de Santo Amaro, na Coruña, para crear atmosferas e darlle importancia aos diálogos, máis a liberdade que lle outorga a voz do narrador. Nos outros libros, adoitaba xogar co a atemporalidade. Que fosen historias que non tivesen unha época moi marcada. Esta historia, pola contra, está situada na contemporaneidade total. Está pasando agora mesmo.Protagonizada con rapaces de 16, 17 ou 18 anos.

No libro tamén se atopan conversas de WhatsApp, chama isto a atención do lector adolescente?

Si. Os protagonistas son unha cuadrilla de rapaces e rapazas, e sempre se sitúan os episodios pola noite na praia de Santo Amaro. Ao principio de cada episodio, hai unha conversa de WhatsApp na que quedan. Iso pode conectar moi ben co lectorado desa idade, pero tamén é unha ferramenta que me axuda para situar a historia. Tamén é unha aposta por situalo no presente. Sería case imposible que unha cuadrilla de rapaces de esa idade non tivese ese método para comunicarse e quedar. É un elemento máis, igual que a música, que está moi presente.

Como foi o proceso para familiarizarse cas verbas da xuventude?

Teño adolescentes ao lado porque traballo polas tardes nunha academia de apoio escolar con xente dende 14 a 18 anos. Fixen un traballo importante de observación para ver como falan, as cousas que lles preocupan, como se relacionan entre eles, que lles motiva, que música escoitan e que afeccións teñen. Compilei todo iso, aínda que non quería facer una retrato xeracional dunha xeración que a min non me pertence.

E por que situar a novela en Santo Amaro? Ten algo especial para vostede?

É a praia que me queda máis preto da casa. Vou moito a pasear polo entorno. A idea xurdiu por una representación teatral que Noite Bohemia fixo alí. Asistín como público e pareceume que esa praia era moi axeitada como escenario teatral. Tamén é unha praia que en verán atrae cuadrillas de adolescentes.

Como membro do panorama literario galego, que opina da súa evolución?

Non podo facer unha análise moi razoada. Como autor de literatura infantil e xuvenil, noto que están saíndo voces máis novas e potentes que son recoñecidas polo público, non só a nivel galego.Nese sentido, está viva. Dende o meu punto de vista, o gran reto é conectar directamente co lectorado sen ser a través da prescrición escolar. Sabemos a situación do idioma, que as rapazadas de zonas urbanas non fala galego, polo que é unha barreira máis a superar. Pero é un reto que temos que afrontar con ilusión e ser laiarnos continuamente da mala sorte. Creo que serviría tamén para a literatura de adultos.

Xa está preparando algo novo?

Sempre trato de ter algo na cabeza ou empezado, aínda que agora cun ritmo máis pausado. Comecei unha novela para adultos e un libro infantil de aventuras, tamén protagonizado por unha cuadrilla, pero totalmente distinto ao que é Santoamaro.