O investigador Pablo García Martínez comisaría a exposición Modernidades Diverxentes, que inaugura hoxe a Fundación Luis Seoane. A mostra, froito da súa tese de doutoramento,analiza a relación entre a obra de Luis Seoane e a prestixiosa revista Ver y Estimar, dirixida polo crítico de arte arxentino Jorge Romero Brest entre 1948 e 1955, así como o distanciamento entre ambos amigos.

Pasados os anos, seguen aparecendo aristas do traballo de Seoane aínda descoñecidas. Como é isto posible?

Desde logo. Despois da tese, que trataba máis cousas, fixen un libro con algunhas partes novas, centrada xa solo en Luis Seoane. Segue habendo puntos escuros sobre el que non podemos ver, porque é moi difícil abarcar todo o que fixo e todos os espazos aos que el concorreu. Se escoitas entrevistas ou les textos escritos, da a sensación de que el, sendo nacido en Bos Aires, tiña antes a sensación de desarraigo que de arraigo. Parecía que estaba volvendo a Galicia, e en realidade estaba indo por primeira vez. Cando se exiliou, estaba volvendo á cidade onde nacera. Ti es, pero es parcialmente en canto es varias cousas. Seoane sempre utilizou ese concurrir a diferentes espazos para levar cousas dun sitio para outro. Nunca deixou de prestar atención á cultura galega, pero, como artista moderno arxentino notable, estaba en diálogo cos movementos máis alá. Sempre aparecen cousas novas, porque Seoane está sempre en mudanza.

Como un migrante de segunda xeración, non é nin de aquí nin de alá, senón de ambos sitios.

Si, é un pouco así. No verán do 63, escribe unha carta a un amigo seu en Bos Aires, na que di que “un galego emigrado é unha persoa á que lle amputaron algo”. Non sabía como explicalo, pero quería morrer en Galicia, e era a primeira vez que pasaba en Galicia un tempo largo.

Por que escolle centrar esta exposición na súa faceta como contrario e complementario a este crítico, Jorge Romero Brest?

É moi interesante. Paréceme que nos acordos e desacordos que se toman despois da final da Segunda Guerra Mundial están moitas liñas de pensamento que chegan ata hoxe. Agora todo cambiou moito, pero, durante moitas décadas, moitas das posibilidades de acción política, de imaxinarios políticos, de acción sociocultural, definíronse nese momento. O antifascismo, que ten un auxe entre o 35 e o 45 era un movemento frontista, a xente estaba máis unida pola negación dun inimigo común.

Máis que polos puntos en común.

Digámolo. Eses compañeiros de viaxe no antifascismo reconstruíron a súa traxectoria un pouco empatando co lugar de onde viñan. Abres esas liñas, e abres esas diverxencias. Manteñen unha lealdade ao ter sido compañeiros de viaxe no antifascismo, pero teñen liñas na interpretación na modernidade estética, nos modelos de sociedade, diverxentes.

Cal é a pegada artística que deixaron estas diverxencias na obra de Luis Seoane?

En Arxentina estaba habendo un momento de arte non figurativa. Desde os anos 40, no primeiro peronismo, estes movementos artísticos ven na non figuración unha posibilidade da arte que se abre. Hai unha retórica vencellada á escola de Nova York. O tipo de barbarismo ao que chegou o ser humano despois da bomba atómica non se pode representar. A brutalidade deste mundo non é representable, digamos. Nese momento, Romero Brest, sobre todo, que é un crítico moi audaz, empeza a buscar a universalidade: nalgún momento dado, no segundo ano da revista, el entende que esa universalidade é a arte abstracta. Hai unha corrente de arte vencellada a movementos comunistas e filocomunistas, na que estaba Seoane, que non renuncia á figuración do sufrimento. buscan experimentación formal na que non desaparece a figura humana. Iso é o que pasa con Seoane, que empeza a xogar con colores industriais, con liña e plano, coa xeración de movemento,a experimentar con solucións técnicas da arte abstracta, pero a figura non desaparece. Aí está o diálogo coa xente de Ver e Estimar, para quen Seoane é un artista incompletamente moderno, porque a modernidade que eles pensan é unha modernidade en relación co mundo irrepresentables.

O ser humano no centro.

Si, esa é a idea que el mantén. El di que sinte máis afinidade cos razoamentos humanísticos do figurativo, esa é unha boa definición de como el o entende.