Da popular Casa das Tortillas na rúa do Orzán a unha leira en Vilaboa, a Chirileira. Un cambio de vida que Lucía López quería facer desde sempre, pero para o que “nunca tiña a posibilidade”. O confinamento valeulle para comezar a formarse na materia e, por casualidade, nunha das primeiras saídas permitidas, ao dar un paseo co seu amigo Marcos Méndez chegaron a unha leira en Vilaboa que a avoa deste xa non cultivaba.

Lembra que traspasara a Casa das Tortillas “dous meses antes” de que non se puidera saír da casa, así que, como autónoma, “non tiña paro nin nada”. Comezou a ler sobre a horta e de cultivos ecolóxicos por puro interese, sen sospeitar que este sería o primeiro paso de toda unha aventura que xa ten lista de espera.

Méndez é veciño de Castrolaxe, e a súa avoa pagaba para que lle limparan a parcela. Así que, co ruxerruxe na cabeza e unha finca como obxectivo, falaron coa propietaria, que lles deixou o terreo. E a partir de aí comezaron co método clásico de “ensaio e erro” para ir dando forma ao seu soño.

“Limpamos e montamos un invernadoiro e como vou a todo ou a nada propuxen facer unha asociación e cada vez medra máis”, explica López. A horta incluirase nesa asociación que están en proceso de crear para facer diversas actividades relacionadas co agro, pero, de momento co que están ao cen por cen é coa horta, un proxecto ao que tamén se sumou Mariela Goncalvez.

Unha das primeiras cousas que pensaron foi en vender directamente na leira. “Empecei coa broma de montar o chiringuito na leira e sumamos os dous e saíu a Chirileira”, nome do negocio.

E, aínda que están a empezar con toda esta “locura”, despois de saír na páxina de Facebook O Novo Normal, os pedidos medraron máis rápido ca produción da horta. “Temos lista de espera porque somos novos e non levan produtos químicos”, indica López.

Co éxito que están a colleitar, en todos os sentidos, xa están a pensar en ampliar o terreo de cultivo nunha nova leira. Sobre todo coa vista posta na sementa de xaneiro cos tomates ou cabaciñas, apunta López.

Non é o único proxecto a curto prazo que teñen en mente xa que “despois do Nadal” esperan ter galiñas —criadas en solo e non en gaiolas—. Así, comezarán coa venda de ovos ou botarannos nas tortillas que hai ben pouco comezaron a comercializar.

“Os ovos son fechados, pero de galiñas criadas en liberdade” e os produtos que acompañan a estes, e non teñen na súa horta, mércannos a “produtores de confianza e ecolóxicos”, subliña López.

Ao ser verduras e hortalizas de tempada, o que fan os tres socios e publicar na súa páxina de Facebook o que teñen dispoñible para que, quen queira, poida realizar a súa reserva e mercar así as Bolsiñas Chirileira cunha sorte de produtos ecolóxicos.

E coa leira funcionando así de ben, López ten claro que “oxalá” se consolide e poidan “vivir do campo”. “Sempre tirei para o monte”, afirma López e “cambiar de vida”, da hostalaría á leira, é o obxectivo.