É habitual ver como moitas novelas e obras narrativas dan o salto á pantalla grande e adaptan a súa historia á linguaxe do cine. O que é menos habitual é que as novelas se atrevan a transitar cara outros medios de expresión, como pode ser a radio. O escritor e xornalista coruñés Antonio Tizón atrévese coa linguaxe radiofónica, e busca adaptar a súa última novela negra, Os Incurábeis, que comeza cun asasinato no barrio dos Castros, ao formato das ondas. “Non é a primeira vez que o fago. Xa fixemos algo parecido coas dúas anteriores novelas, que adaptamos en forma de podcast, pero desta vez queremos que sexa dun xeito máis profesional”, aclara o escritor.

Con esta premisa, o escritor e a emisora Radiofusión comezaron unha campaña de micromecenazgo na rede para tratar de reunir os fondos necesarios para facelo posible. A través da plataforma Teaming, quen así o desexe pode subscribirse ao proxecto e aportar un euro ao mes durante un ano. Preto de 40 persoas xa se teñen sumado á iniciativa.

“É unha cantidade simbólica, pero non só iso. Temos a intención de pedir unha subvención á Deputación, e cantos máis sexamos, máis posibilidades temos”, asegura Tizón. Á idea, de se acadar os fondos, é contratar actores, actrices e un equipo técnico profesional para facer realidade o proxecto. Unha iniciativa orixinal que, asegura o escritor, non ten precedentes en Galicia. “Hai audiolibros, pero non hai novelas adaptadas ao formato radiofónico ou radionovela, interpretadas por actores profesionais”, xulga o autor.

Non ten queixa dos precedentes: para a adaptación oral da segunda obra da serie, Un home extraño,para a que chegaron a un acordo de difusión con emisoras radiofónicas do Brasil e de Portugal, mais non coas galegas, un obxectivo que o autor busca conseguir desta vez. “Tamén é un xeito de dar impulso ao sector do teatro, e da cultura, que o está a pasar mal con todo o tema da pandemia. Parece que o virus é o monotema, pero hai máis cousas. Non entendo o criterio dos medios á hora de tratar os contidos culturais”, considera Tizón.