A pandemia xuntou en case dez meses as inquedanzas e temores dos sectores máis danados e a hostalería, sobre a que caen moitas das restricións das autoridades sanitarias que castigan a súa actividade, vive ao límite e sen paracaídas seguros cos que soportar os seus golpes. Shostalería, unha plataforma de hostaleiros da cidade que suma case sesenta membros en un mes, loita por dignificar o sector e, coma os demáis colectivos, esixe o cobro sen máis demoras das axudas anunciadas polas administracións. Xabier Barral, un dos seus voceiros e socio do local La Barbería, na rúa do Orzán, critica que as novas limitacións ao seu traballo polos contaxios de coronavirus volvan a “criminalizar” á hostalería.

Como encaixa a hostalería as novas restricións?

(Tarda en respostar) Non atopo o adxectivo. Esperabámolo. Salvar o Nadal ía ter consecuencias. Se cadra agardábamolo para o día 20, mais chegan antes. Son preocupantes e somos conscientes dunha situación moi dura. Tratar de vivir só de terrazas e con servizo a domilicio en pleno mes de xaneiro e cunha ola de frío é un exercicio para valentes. E agora un mes máis case pechados ou pechados. Unha vez máis a hostalería volve a quedar sinalada.

E sen as axudas que o sector volve reclamar.

Estamos sometidos ao desamparo. Agora xa non podemos falar de axudas, nós estamos falando xa de indemnizacións. As axudas son un empurrón para arrancar e manterse, pero é que levamos dez meses cunhas axudas, sexan do Estado, da Xunta ou do Concello, que son cartos que van circular cara as mesmas administracións. Economía circular: o que vas recibir vai ser para pagar impostos ou seguros sociais, o que chega a ti voltará ás arcas do Estado, da Xunta, do Concello. Non sei se a mellor forma de axudarnos é paralizar todo o que ten que ver con autónomos, gastos e seguros sociais mentres a actividade está parada e non hai ningún tipo de compensación. Non somos un país tan rico como Alemania que se poida permitir aboar o 70%, 60% ou 50% do facturado.

En que falla cada administración que non entregas as axudas?

Quero pensar que cada unha ten cartos suficientes para pagar as axudas que publicitan. Non sei se deberían ter contratado máis persoal para xestionalas, ou ter traballado con declaracións responsables para axilizar a tramitación e o cobro. O que está claro é que non están chegando ou son aínda poucas, un 10% das axudas Presco, por exemplo. Moitos temos esa axuda preconcedida desde hai tempo pero aínda non ingresada na conta da empresa. E agora haberá otra liña Presco en 2021 sen corrixir os erros da de 2020 e cos pagos pendentes. Isto nos obriga a subsistir ata febreiro, marzo ou abril adiantando cartos. Pero máis aló para salvar o negocio, non o sei.

Din os hostaleiros que eles cumpren coas medidas de seguridade, pero medran os contaxios. Os clientes cumpren?

No noso caso temos a sorte de ter unha clientela que si cumpre. E nos, e moitos hostaleiros, temos feito unha labor de protección civil, con todo o meu respecto para os voluntarios de Protección Civil. Pero pode haber un 5% de despistados e tamén é probable que haxa algúns locais que non sexan tan severos e que non cumpran como deberían. Para iso supoño que tamén están as administracións ou quen teña que exercer unha labor de control. Sabemos que nos nosos locais a xente socializa, pero fixemos todo o que se nos pediu desde o inicio en canto a distancias, reduccións de aforo, máscaras, zonas de atención… e volver a culpabilizarnos non me parece o correcto. En todo caso, creo que non se pode apelar á responsabilidade individual ou colectiva para cubrir o que consideramos que é unha mala xestión, como está a facer a Xunta. E unha vez máis nós, que non pedimos o que se permitiu facer en Nadal, somos os que o pagamos.

O SOS que lanza o sector semella que non se escoita ou non se quere escoitar?

Igual do que non son conscientes as administracións é de que somos un sector de moitísimas pequenas empresas que, sumadas todas xuntas, xeramos moitos postos de traballo directos e indirectos, uns números que se cadra non pensan que son tan elevados. Ou si son conscientes diso, pero non temos a unidade que pode ter unha gran empresa.

Ve o futuro máis negro segundo pasan os días?

Creo que nos conformariamos con ver un pequeno raio de luz ao final dun túnel que queremos que pase canto antes. Coa deriva que levamos desde marzo, un intenta erguerse todos os días e ir co maior ánimo posible ao traballo e remontar o que unha vez montou con tanto esforzo. Eu non son a persoa máis optimista do mundo, son pragmático, e a cousa a verdade é que non pinta ben.

Neste momento duro a hostalería da cidade está unida?

Ese é obxecto da nosa plataforma, que esta a sumar firmas e a falar con colectivos doutras cidades galegas e quere dignificar o a hostalería cando peor o está a pasar: unirnos para reclamar a nosa supervivencia. Se os hostaleiros non estamos unidos agora, non o estaremos nunca.