O ano 2021 nace con todos os visos de ser, en eidos que trascenden mesmo o terreo do literario, o ano Emilia Pardo Bazán. Dúas continxencias propician que o nome da condesa volva centrar o debate e resoar con forza en distintos foros: por unha banda, a celebración do centenario do seu falecemento, e por outra, a discusión da futura resignificación do pazo de Meirás trala súa recuperación por parte do Estado. O rexurdir da condesa literata na conversa pública por motivos extra literarios permitiu afondar, de rebote, na personalidade dunha das figuras fundamentais dos séculos XIX e XX.

Con Emilia Pardo Bazán, escritora, catedrática, ensaísta, crítica e feminista precoz, non caben reducionismos nin intentos de simplificación. Conservadora e feminista radical, burguesa e aristócrata, amiga de carlistas e progresistas, folclorista e españolista: vertentes contrarias que coexisten, porén, no seu legado. Unha personalidade única con luces e sombras, dúas facetas interdependentes dignas de estudo e mención se se fala da súa figura.

Unha feminista adiantada

O cualificativo que hoxe coñecemos como feminicidio, empregado para definir os asasinatos violentos por cuestión de xénero que as mulleres seguen a sufrir a día de hoxe, ten un devanceiro moito máis afastado no tempo do que cabe imaxinar. Foi Emilia Pardo Bazán a primeira que lle puxo ao maltrato nome de lacra: mullericidio. Non será este neoloxismo a súa única contribución á loita pola emancipación da muller, xesta na que amosou á súa implicación malia arriscarse a comprometer á súa posición como dona intelectual e creadora no mundo dos homes, senón que son varias as cuestións sobre as que a condesa amosou a súa posición belixerante.

“A modernidade do seu feminismo radica, por exemplo, en identificar as bases da discriminación. Ela propón, seguindo a John Stuart Mill e Harriet Mill, que todos os individuos, tamén as mulleres, son suxeitos de iguais dereitos e deberes. Isto era novidoso, porque cando se falaba de dereitos ‘universais’ entendíase que eran para todos os varóns, excluíndo as mulleres”, asegura a académica da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre. O concepto que hoxe coñecemos como carga mental, a abnegación, e a cultura do sacrificio que pesou sobre a muller ao longo dos séculos é outro dos campos que a condesa aborda nas súas reflexións. “Outro aspecto novidoso é que non considera as mulleres moralmente ‘mellores’ que os homes, como si defendeu Concepción Arenal, por exemplo; ao revés, considera que iso é unha escusa para esixir delas máis sacrificios, que poñan por diante as súas ‘obrigas naturais’ coidando da familia. Emilia di que iso é dar ‘á violencia e servidume cor de deber e virtude”, lembra Aleixandre.

Con isto, hai posturas contrapostas neste ámbito, e ollares que toman con matices o compromiso feminista de Emilia Pardo Bazán, que puido supor, para a escritora, unha ferramenta para reivindicar as súas achegas en campos tradicionalmente masculinizados e vedados ás mulleres, como era o da literatura ata o momento. “Foi una muller cunha férrea vontade de incidir como intelectual na esfera pública española, nun tempo no que isto non lles era dado ás mulleres. O seu xeito de desenvolver o seu proxecto intelectual, de amplísima envergadura e complexidade, implicaba, en efecto, reclamar o principio de igualdade entre os sexos. Ela practicou isto emulando o ideal masculino para poder penetrar a esfera intelectual totalmente homosocial e machista do seu tempo”, propón Helena Miguélez-Carballeira, catedrática de Estudios Hispánicos de la Universidad de Bangor, en Gales.

Emilia Pardo Bazán, que se adianta aos postulados que Virginia Woolf propón en A Room of One’s Own, reivindica o potencial creador da muller sempre que teña medios e recursos para exploralo.“É feminismo, pero é un feminismo burgués, que non ten en conta a todas as mulleres. Cando fala dun cuarto propio para as mulleres e de independencia económica, fala das da súa clase”, matiza a profesora de Teoría da Literatura e académica correspondente na Real Academia Galega, Olivia Rodríguez.

A cuestión da igualdade

Co rexurdir da condesa na conversa pública, agromaron tamén posicións enfrontadas no relativo ao seu posicionamento político. Fronte aos que xulgan que as ideas da condesa eran burguesas, reaccionarias e clasistas, mesmo se se miden estas posturas con criterios da época, están os que defenden o seu progresismo, condicionado, iso si, polas circunstancias nas que lle tocou nacer e vivir. No debate no que toma partido a esfera pública galega, é este o punto que suscita máis controversia, pois, se ben hai quen pensa que as luces da súa personalidade deben prevalecer sobre as sombras, moitos xulgan as súas posicións de clase como inaceptables segundo os preceptos democráticos da sociedade actual, e censuran a aqueles que buscan situar á condesa como símbolo do progresismo ou cidadá exemplar.

A frase que desata a controversia pronunciouna o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, no relativo aos posibles usos do pazo de Meirás, que o presidente avogaba por transformar nun “faro da igualdade” e potenciar, entre os seus muros, a figura e legado intelectual, histórico e cultural de Emilia Pardo Bazán. “Esta coruñesa, para min, foi moitas cousas, moitas delas moi relevantes, que merecen recoñecemento, pero en ningún caso foi un faro da igualdade. Foi unha grande novelista, fixo contribucións ao feminismo, foi favorable ao desenvolvemento científico, estivo en contra da pena de morte, pero estes aspectos relevantes non poden levar a unha consideración exhaustiva e total da súa figura como exemplar”, propón o historiador da ciencia e ex presidente do instituto Cornide, Xosé A. Fraga. Para Fraga, elementos controvertidos da personalidade da escritora como “o clasismo que defendeu, a súa falta de empatía cos necesitados, a ideoloxía política tóxica de tratar de reverter calquera forma de democracia na época” contradín de xeito frontal a súa afirmación da defensa dos dereitos das mulleres, que habería que circunscribir, como sinalan algunhas voces, aos dereitos das mulleres burguesas, aristócratas ou, en definitiva, pertencentes á súa clase.

A complexidade da figura de Emilia Pardo Bazán queda evidenciada, porén, no multiperspectivismo no relativo a esta cuestión, xa que hai quen mesmo reivindica, pola contra, posturas frontalmente opostas. “Emilia Pardo Bazán chega a meterse mesmo coa raíña Isabel nun artigo que se publica nunha revista londinense. Asegura que lle falta instrución e cultura. Para Pardo Bazán, o modelo de muller moderna eran as obreiras catalás, di que elas teñen conciencia laboral, de muller traballadora. En fronte, está a muller madrileña, castiza, á que sitúa como un modelo antigo”, explica o catedrático de Literatura Comparada da Universidade da Coruña, José María Paz Gago.

Emilia Pardo Bazán, á dereita, na voda da súa filla no Pazo de Meirás. | // REAL ACADEMIA GALEGA

Visibilidade e capital simbólico

En discusión polarizadas, convén pór empeño en analizar o terreo dos grises. O profesor de Literatura Contemporánea da City University de Nova York, Álex Alonso Nogueira, invita a explorar as contradicións e o enorme abano de intereses e posicionamentos de Emilia Pardo Bazán dende a perspectiva da propia condesa, unha muller que busca abrirse camiño nun mundo masculino no que abrazar unha postura conleva renunciar a outra, e, como consecuencia, á súa propia visibilidade e perspectivas como autora de relevancia.

“Emilia Pardo Bazán xogaba a moitas cousas. Ao principio era carlista, pero toma o café con Giner de los Ríos, e déitase con Galdós. Non vai renunciar a eles nin á súa conexión co grupo católico e co grupo carlista, nin vai renunciar a Zola e os franceses. A idea é estudar as súas contradicións, non facer un panexírico nin un ataque, senón explorar a Pardo Bazán en toda a súa complexidade”, invita Alonso. Un exemplo claro do seu xogo de intereses pódese vislumbrar na súa obra literaria: O texto La Tribuna, segundo cal sexa o ollo que o revise, pódese entender como unha defensa da clase traballadora, mais tamén como o radicalmente oposto. A pesar disto, sexa cal for a conclusión da lectura dos seus escritos, é arriscado tratar de identificar as inclinacións políticas da condesa en base ao contido, marco ou reivindicacións expostas nas súas novelas, pois detrás da súa creación literaria pode existir unha intencionalidade totalmente allea ao debate ideolóxico. “Saen unhas páxinas valiosísimas cando vai á Fábrica de Tabacos da Coruña. No fondo, non é que empatizase coa loita das cigarreiras, senón tería ido a manifestacións. O que quería era demostrar que ela era capaz de facer un estudo naturalista dun taller igual que o que facía Zola. Quere demostrar que domina a técnica do Naturalismo, que é o máis importante que hai en Europa no momento”, argumenta Alonso.

Pardo Bazán, persegue, antes ca nada, un obxectivo: ser a primeira, un fin que compartía cos seus coetáneos homes sobre os que, xulgan moitos, non pesan os rigorismos que si alcanzan á condesa cen anos despois do seu falecemento. “Tiña as mesmas contradicións que calquera ser humano, nin máis, nin menos. É unha muller do seu tempo. Non é aristócrata de nacemento, pertence á fidalguía. Reivindícase sempre como escritora, co dereito a gañar a vida co seu traballo. Tiña máis inquedanzas das que lle correspondían pola súa posición e estatus, pero non máis das que podía ter un cabaleiro ilustrado da súa época”, considera Eva Acosta, autora de Emilia Pardo Bazán: La luz en la Batalla. “Eu non podo estimar que haxa que facerlle un estatuto de limpeza de sangue a estas alturas para que Pardo Bazán teña dereito ou mérito para volver á súa casa, que é Meirás. Parece que hoxe todos temos que defender a ultranza a Emilia, malia que sexa forzándoa a entrar nun molde no que nunca estivo”, lamenta Acosta.

Instrumentalización no debate sobre os usos de Meirás

O repentino interese por afondar nas arestas da personalidade e legado da condesa de Pardo Bazán hai que buscalo, alén da conmemoración do seu centenario, na histórica sentenza que deixa, provisionalmente, o pazo de Meirás en mans do Estado e que abre, trala conquista democrática, un debate maior: o da resignificación do pazo, concibido por Emilia Pardo Bazán, mais ligado dende hai décadas á figura do ditador Franco e a súa familia, últimos propietarios do edificio e os predios que o arrodean.

Conflúen de novo, na discusión, varias posturas: fronte aos que reivindican que Meirás debe pasar a representar un lugar de paz, recuperación da memoria histórica e reparación das víctimas do franquismo, están os que sosteñen que é momento de que a condesa regrese a casa e as Torres se convirtan nun espazo de dinamización e conservación da súa vivenza e legado. “Meirás foi ideado por ela como unha casa de escritora. Alí está a Torre da Quimera. La Quimera é unha das súas mellores novelas, e Meirás un monumento á súa propia obra. Franco usurpa a casa, pasa alí trinta veráns. Está o Valle de los Caídos ou a Illa de San Simón, que se poden dedicar á memoria democrática, pero non Meirás, que está tan ligado á memoria de quen o edificou”, reclama Paz Gago.

“Meirás é fillo en pedra de Emilia Pardo Bazán. Paréceme abominable, e non concibo o pazo de Meirás sen a presenza de Emilia, do mesmo xeito que me parece abominable esquecer que en Meirás existiu unha ocupación que o transformou en emblema da ditadura. Penso que hai sitio para ambas cuestións alí”, propón Eva Acosta.

Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós. | // LA OPINIÓN

Con todo, hai quen ve na reivindicación de Emilia no proxecto de resignificación de Meirás unha manobra política para tapar a versión da historia máis incómoda para certos sectores da sociedade, na que a condesa só sería un instrumento cara esta fin. “Observamos que un goberno autonómico galegófobo, machista e cunha visión para o país certamente deficiente, anuncia a súa intención de promover e, obviamente, subsidiar con fondos públicos un novo espazo para celebrar o legado pardobazaniano, resaltando o feminismo da autora e o seu vencello coa Galiza. Habería que preguntarse por que é isto necesario, cando xa existe a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán”, invita Miguélez-Carballeira.

A catedrática defende que, para a Xunta, enxalzar a figura de Emilia Pardo Bazán é unha ferramenta coa que desprazar a conversa “da violencia histórica do franquismo na Galiza, ao tempo que segue a promover un proxecto cultural-identitario galego subsidiario do español”, no que o recoñecemento das achegas feministas e intelectuais de Emilia Pardo Bazán serían só un instrumento.

Non é a única que alerta da utilización do legado da condesa para tapar o relato da reparación e a memoria. “Ninguén, nin a mesma Xunta, agardaba que o proceso de Meirás se resolvera tan rápido. Ata o momento, non se acordaran moito dela. Antes, os estudosos de Emilia Pardo Bazán eran estranxeiros. De pronto, empezan a acordarse disto, de tapadeira á outra desmemoria, que é a do franquismo”, denuncia Olivia Rodríguez, que esgrime un argumento tanxible da súa sospeita. “Nós tiñamos un congreso preparado dende facía tempo, dirixido polo catedrático José Manuel González Herrán, no que ían participar varias institucións e especialistas. De pronto, enterámonos de que se está a preparar outro congreso internacional sobre Emilia Pardo Bazán, a raíz do de Meirás. Sexan benvidos todos os congresos, pero a sensación é que este está sendo utilizado pola Xunta para que un posible centro de estudos de Pardo Bazán se instale en Meirás”, aventura Rodríguez.

Neste sentido, o debate tamén é amplo, pois a visión dende outros sectores da cultura galega é contraria. Moitos sosteñen que o ostracismo académico ao que Emilia Pardo Bazán foi relegada durante décadas debeuse a un posicionamento político cara a vertente centralista da escritora. “Os que nunca se ocuparon de Emilia e sempre a odiaron foron os nacionalistas. Nunca lle fixeron caso, e agora ocúpanse dela para poñela a parir. Penso que o goberno da Xunta sempre colaborou, eu fundei a revista La Tribuna hai 20 anos e sempre tivemos apoio oficial”, sostén Paz Gago.