O conflito de Alcoa traspasa fronteiras e chega a México, á xornada de clausura do Foro Social Mundial, que se celebrará mañá, e faino da man de dúas fotoxornalistas da cidade, Vanessa Casteleiro e Sandra García Rey, que a finais do ano 2018, retrataron as protestas dos traballadores nunha semana na que as familias non sabían que había de ser delas sen a factoría.

Mans en alto, lume, rabia e moita dignidade. Poderían ser imaxes tomadas en calquera outro lugar do mundo, pero son de aquí, os protagonistas non son traballadores do coltán, son os veciños do edificio do lado, os que loitan por manter os seus postos de traballo. “É que o expolio é así”, resume Vanessa Casteleiro, porque estas imaxes forman parte da mostra Expolio, de Acampa, que se puido visitar nos Xardíns de Méndez Núñez, e que reflexaba a realidade de sociedades ás que se lles arrebatan os seus recursos. Esta escolma viaxa agora México para ser proxectada na clausura do Foro Social Mundial, xa que, polas restricións sanitarias, non poderán ser expostas e visitadas presencialmente. “É o foro da disidencia, que fala da globalización desde o punto de vista do expolio dos recursos e que nace en contraposición ao de Davos”, explica Casteleiro.

Daqueles días ambas as dúas lembran ben a desesperación dos traballadores, ese non saber que vai pasar con eles e a súa intención de non renderse. “Eu, que levo facendo manifestacións de Alcoa máis de seis anos, lembro que o presidente do comité de empresa [Juan Carlos López Corbacho] me dicía: ‘afeitos a non durmir xa estamos e a comer mal tamén, que traballamos en quendas”, comenta García Rey, sentindo aínda a emoción desa loita que non rematou. Non se lle olvida esa sensación de estar con persoas que, polo seu traballo, están afeitas a loitar sempre e a deixaren o corpo en todo o que fan.

A pandemia chegou para paralizar as súas protestas. “Empezaron con moito pulo e dáme mágoa que agora, con todo isto do coronavirus esmorezan”, di García Rey, polo que considera que, calquera difusión que se lle poida dar a este conflito, tamén a escala internacional, é “benvida”, para que se coñeza non só a parte laboral, senón tamén “a dignidade, o sentido da responsabilidade e a solidariedade de todas as familias”, incluso, engade, a de toda unha cidade que saíu á rúa en masa na defensa dos postos de traballo na factoría. “É un drama humano”, resume García Rey, un drama que entrou en fogares de persoas que levaban traballando toda a vida en Alcoa e que pensaban que se xubilarían na empresa, que a verían medrar e cambiar, pero non morrer nin pasar dunhas mans a outras como se non importase nada.

Daqueles días, Casteleiro lembra moito “a tensión”, a desesperación das familias e a mensaxe duns traballadores, escrita con rotulador sobre un cartón: “Si nuestros hijos pasan hambre, los vuestros llorarán sangre”. Agora, a súa loita traspasa fronteiras e será coñecida noutros países afeitos tamén a reclamar o que é seu e a defender con corpo e alma os recursos que lles dan de comer.