Alumnos do Rafael Dieste, durante a formación | // CARLOS PARDELLAS

Contra a intolerancia, información. O fundamental: aprender a comunicala. Nos institutos Zalaeta e Rafael Dieste atoparon, na radio, o mellor xeito de contar realidades que, dun xeito ou doutro, afectan á sociedade. Ambos centros desenvolven, estas semanas, distintas actividades relacionadas con temas sociais que traballan a través das ondas da radio, asistidos por distintos profesionais.

No instituto Rafael Dieste contan coa ONG de Comunicación para o Cambio Social Agareso, que organiza unha formación para que nenos e profesores do centro aprendan a articular por si mesmos unha sección de radio. “Trátase de ensinar aos profesores a utilizar a radio para a labor docente”, resume Lucía Rodríguez, encargada de impartir a formación, a través dun formato de radio comunitaria, lonxe do comercial e centrada en valores sociais como feminismo, inclusión, igualdade ou diversidade de xénero. Realidades que os alumnos traballaron en grupo esta semana a través de distintas seccións: novas, contos, musical e análise.

“Por exemplo, a través da música dun rapeiro que fala da violencia racial, falamos da loita do colectivo afrodescendente en Estados Unidos”, conta Rodríguez. Unha actividade que garda un propósito subxacente: o de fomentar o traballo en equipo. “A radio axuda a colaborar co grupo, porque ten un compoñente lúdico que lles fai interesarse máis”, comenta Rodríguez.

No instituto Zalaeta, o tema dos coidados serve de fío condutor da actividade: os alumnos reflexionarán sobre os coidados nas súas distintas vertentes en formato podcast, un vieiro novidoso para traballar coa expresión oral e escrita. “O alumnado esmerouse moito en facer guións, na parte creativa, en buscar música. Tiñan certos coñecementos de informática. Os profesores implicáronse, co cal temos bastante material”, asegura a coordinadora da actividade, Ana López Formoso.

A semana pasada presentaron a primeira das pezas de O Son das Aulas: un podcast de 20 minutos que trataba os coidados no relativo á crise sanitaria da covid-19, no que participaron os departamentos de Inglés, Alemán, Historia e Arte. Foi unha estrea simultánea, xa que, mentres que dez dos alumnos participantes presentaban o programa nun acto no que non faltou a alfombra vermella, o resto dos estudantes escoitaban o programa dende as clases á mesma hora. Un éxito inicial que anima á comunidade educativa a elaborar máis pezas, que irán vendo á luz en formato radiofónico cada 15 días. “Falaremos dos coidados nun sentido amplo: coidados físicos, emocionais, coidados ao planeta, coidar o relato histórico, o coidado a través da arte...”, relata Ana López.

En programas vindeiros, serán os departamentos de Ciencia os encargados de encher o espazo das ondas, con contidos que tratarán o tema do coidado á natureza.