Jimena Fernández de la Vega.

O pasado xoves 11 de febreiro conmemorouse o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Unha celebración que veu acompañada da elección, o día anterior, de Jimena Fernández de la Vega como “Científica do ano 2021” pola Real Academia Galega de Ciencias. A institución valorou o seu carácter loitador “en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”, ademais da contribución aos campos da Xenética e da Hidroloxía. Por outra banda, pouco antes (21 de xaneiro), o Xulgado Central Contencioso-administrativo número 2 de Madrid deulle a razón á científica María de la Fuente ditando unha sentenza na que recoñece que na convocatoria para os contratos Miguel Servet tipo II que outorga o Instituto de Salud Carlos III, existía unha “discriminación indirecta por razón de xénero”. Falamos, pois, de dúas mulleres que en tempos e circunstancias ben diferentes teñen en común o afán por desenvolver a súa profesión científica en igualdade de condicións.

As dificultades dunha pioneira

Jimena Fernández de la Vega Lombán (Vegadeo, Asturias, 1895–Santiago de Compostela, 1984) foi, xunto a súa irmá xemelga Elisa, as primeiras mulleres en acceder, en 1913, á Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Só pasaran tres anos da Real Orde do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes que eliminou a norma que as obrigaba a pedir permiso á Dirección General de Instrucción Pública para optar á matrícula oficial.

Jimena e Elisa sobresaíron como brillantes estudantes, pero o xénero dificultoulles a vida na universidade. Un compañeiro de clase as escoltaba ata as aulas porque moitos outros as increpaban ao seu paso. Ante os comentarios despectivos levantaban a cabeza e seguían adiante. Tampouco o profesorado tiña unha exemplar actitude, un docente fixo na clase un comentario ofensivo, provocando as risas de todos os seus compañeiros. Decidiron marcharse, non volver á facultade e examinarse por libre. Polo menos, o profesor enviou días despois dous alumnos a mediar para que regresaran e o día que volveron, o docente pediulles publicamente desculpas. Por outra banda, o profesor de Anatomía chegou a prohibirlles asistir as súas clases porque consideraba pouco axeitado que unha muller vira o corpo dun home espido. A pesar deste ambiente, destacaron como as mellores alumnas da súa promoción. En xuño de 1919 realizaron o exame de grao da licenciatura, que aproban con sobresaínte. Jimena acadou o Premio Extraordinario de licenciatura.

Nese desolador panorama salientou o apoio que recibiron do catedrático de Patoloxía Xeral, Roberto Nóvoa Santos. Curiosamente, o que era autor de escritos misóxinos, nos que puña en dúbida a capacidade intelectual das mulleres, foi quen na práctica as apoiou. Mentres os seus colegas da facultade se colocaban de perfil no tema, el acolleunas no laboratorio asociado á cátedra e facilitou a publicación dos seus primeiros traballos de investigación na revista que dirixía, Galicia Médica; un respaldo que continuaría no resto das súas carreiras profesionais.

Jimena obtivo en 1922 o doutoramento na Facultade de Medicina da Universidade de Madrid cunha tese realizada baixo a dirección do prestixioso Dr. Gustavo Pittaluga, titulada Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico, e pasou a realizar estadías no estranxeiro, acadando unha excelente formación. Foi a Alemaña e a Austria entre 1923 e 1927 para realizar estudos de Xenética, sobre a herdanza mendeliana con aplicación á clínica. En Berlín realizou prácticas clínicas cos médicos alemáns Friedrich Kraus e Theodor Brugsh (obrigado a abandonar o seu posto de 1934-37 durante a persecución nazi aos xudeus). Estes médicos investigaban sobre as relacións entre a constitución e a herdanza. Ao regreso en 1928, Jimena ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou algún traballos clínicos e publicou artigos para espallar os coñecementos adquiridos.

En 1933 púxose en marcha na Facultade de Medicina de Madrid, no seo da cátedra de Patoloxía de Nóvoa Santos, a “Sección de Genética y Constitución” e nomearon a Fernández de la Vega como directora. Recibiu unha nova bolsa para actualizarse en temas de herdanza en Italia e Alemaña. Con toda esa magnífica formación en Xenética humana e a posición universitaria acadada todo facía agardar que Jimena desenvolvera un pioneiro e valioso labor nesa materia. Sorprendentemente, iso non ocurriu, aos poucos anos deixou as investigacións xenéticas e dedicouse á Hidroloxía médica, exercendo de directora de diversos balnearios. Coido que as causas dese cambio radical son un asunto relevante para o tema que hoxe tratamos. A primeira tivo que ver co funcionamento da universidade, a necesidade de contar con mentor comprometido (“padriño”) para avanzar na carreira. Cando regresou en 1934 morrera Nóvoa e a “Sección de Genética” pasara a converterse nun “Seminario de Estudios de Genética” de tipo teórico. Iso obrigouna a deixar a carreira investigadora. Mais nesa decisión tamén xogou un papel relevante unha segunda causa, unha circunstancia asociada ao rol subalterno atribuído historicamente as mulleres. A morte da súa irmá Elisa en 1933 levou a que Jimena se fixera cargo dos seus fillos, mentres o pai dos mesmos, Gumersindo Sánchez Guisande, continuaba coa súa carreira profesional.

María de la Fuente, a loita pola igualdade efectiva

Hoxe moitas cousas teñen mudado con relación aos tempos que lle tocaron vivir a Jimena, mais non é doado para as mulleres desenvolver a súa carreira profesional en igualdade de condicións cos homes, conciliar un esixente labor científico con cargas familiares. Diso sabe bastante a outra protagonista deste episodio, María de la Fuente Freire, quen naceu en 1978 en As Pontes, unha activa vila na que estudou o bacharelato. Despois cursou Farmacia en Santiago e realizou unha estadía por erasmus en Angers (Francia) o que lle permitiu acceder ao traballo de laboratorio e de aí xurdiu un interese e curiosidade que xa non a abandonaron. Na conversa que tiven con ela comentoume: “Vin a investigación coma un reto, ao tempo motivador e difícil”.

Volveu a Santiago, onde realizou a tese de doutoramento coa relevante científica Ma. José Alonso e despois tivo unha estadía de tres anos e medio no University College de Londres. Rematada esta, tocaba decidir que facer coa vida, era un tempo, 2010, no que os científicos galegos no exterior aínda tiñan algunha opción de volver e contar cun traballo digno. María retornou, accedeu a un contrato posdoutoral Miguel Servet e incorporouse ao Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS). Alí hoxe é Directora de Nano-oncoloxía e terapéutica translacional. No seu grupo de traballo desenvolven nanopartículas con capacidade para actuar como transportadores de fármacos a fin de acadar a eficacia dos tratamentos fronte o cancro, diminuíndo os efectos adversos relacionados cunha distribución indiscriminada polo organismo.

Encamiñada a carreira profesional María de la Fuente, con trinta e catro anos, tomou unha decisión que non se pode atrasar indefinidamente nunha muller, a de ser nai. E aí comprobou a dificultade de apostar pola maternidade sen que a traxectoria científica non se vexa alterada. Tivo unha filla e un fillo e cando concorreu ao proceso de avaliación para optar á categoría de maior excelencia dos contratos Miguel Servet, o fixo en desigualdade de oportunidades, pois os trece meses de baixa debido á maternidade non se tiveron en conta.

María reaccionou. Dime, “parecíame tan inxusto que non era quen de asimilalo; respondín por ser coherente, pensei en que aos meus fillos tiña que darlle exemplo de conduta...son loitadora!”. Buscou o apoio de colegas e en agosto de 2018 promoveu unha campaña, “Ou científica ou nai”, na plataforma Change.org., solicitando que rematara a discriminación das científicas que desexaban seren nais. Explica que se o asunto afectaba a moitas compañeiras debía afrontarse de xeito colectivo, “foi unha forma de xuntar forzas”. A iniciativa resultou un éxito, máis de 300.000 persoas asinamos aquela petición. Simultaneamente, continuou a reclamación pola vía contenciosa-administrativa.

A carón dese proceso reivindicativo xurdiu a creación de InvestiGal–Rede Galega pola Investigación, na que María dirixe o GdT de xénero. Conscientes da importancia da Ciencia, preocupados polo escaso investimento da Xunta en I+D+i en Galicia e as condicións laborais de moitos investigadores, os protagonistas da Ciencia deron o paso de intervir publicamente, sen complexos nin servilismos e o 29 de febreiro de 2020 crearon un espazo unitario pola investigación.

A boa nova sobre a reclamación de María veu o 21 de xaneiro deste ano 2021 coa sentenza do Xulgado Central Contencioso-administrativo número 2 de Madrid. Concluíu que na convocatoria para os contratos Miguel Servet tipo II existía unha “discriminación indirecta por razón de xénero”. Mesmo recoñecía que xa existía a posibilidade de aplicar unha ollada igualitaria coa actual normativa, pois “non se trataba de alterar as bases desta convocatoria, nin alterar o principio de igualdade de trato do resto dos/as candidatos/as”, senón de interpretalas de conformidade cos principios de igualdade e non discriminación que deben rexer nestes procesos. Ao non cumprir con este requisito ábrese, por tanto, a situación de desigualdade, xa que se considera que “interrompeu a súa actividade por circunstancias ligadas á súa condición de muller”, como o embarazo, o parto e a lactancia. O veredicto recoñece que se produciu unha diferenza entre aquelas investigadoras que puideron dedicar os cinco anos do seu primeiro contrato a completar os méritos do seu currículo e outras, como a demandante, que no mesmo período interrompeu o contrato por razón da súa dobre maternidade.

María de la Fuente recibiu coa lóxica satisfacción a sentenza. Coida que establece un precedente cara a situacións semellantes e lembra a moitas investigadoras que mudaron de profesión por obrigación, ao non seren avaliadas en igualdade de oportunidades. Remata a conversa trasladando mensaxes de esperanza, entende que o paso dado reforzará ás investigadoras e coida que agora as institucións teñen unha ferramenta máis para traballar a prol da igualdade, “saben que poden facelo”.