Ramón Pérez Costales (1832-1911) foi un médico e político moi popular na Coruña na segunda metade do século XIX. Constituíu unha referencia básica do republicanismo e destacou como impulsor de múltiples iniciativas culturais e filantrópicas. Mecenas de Pablo Picasso, cos seus propios recursos creou unha escola para pobres, colaborou na fundación da Cociña Económica, participou na creación do Colexio Médico coruñés e en 1882 fundou o Instituto de Vacunación, Escuela de Párvulos de D. R. Pérez Costales. A súa principal contribución á literatura médica foi a tradución, en 1859, do Tratado teórico y práctico de auscultación obstétrica, de Jean Anne Henri DePaul (1847).

Amigo de Emilia Pardo Bazán, esta inspirouse nel para o personaxe de Dr. Moragás en diversas obras. Tamén foi vicepresidente de Folk-lore gallego, entidade presidida pola escritora. Semellaría que ese posto obedecía a esa relación de amizade, porén, como imos explicar neste episodio, ademais de persoa de confianza de Emilia, Ramón mantiña unha estreita relación coa creación literaria.

Creación de Folk-lore gallego

A reunión para constituír a sociedade Folk-lore gallego (FG) tivo lugar o 29 de decembro de 1883 na residencia da promotora, Emilia Pardo Bazán. O 1 de febreiro de 1884, no mesmo lugar, elixiuse a xunta directiva, presidida pola escritora, e da que era vicepresidente Costales. Pardo Bazán pronunciou un discurso explicando o obxectivo da nova sociedade: “Recoger esas tradiciones que se pierden, esas costumbres que se olvidan y esos vestigios de remotas edades que corren peligro de desaparecer para siempre”. Subliñou que esa recollida de obxectos, cancións, etc. tiña un carácter de conservación museística, “no con el fin de poner otra vez en uso lo que cayó en desuso (...) sino con el de archivarlos, evitar su total desaparición, conservar su memoria y formar con ellos, por decirlo así, un museo universal”.

A novelista comentou o acto a Antonio Machado Álvarez, quen fundara en Sevilla a Sociedad del Folklore Español. O 11 de febreiro de 1884 escribiulle: “La sesión inaugural estuvo muy lucida y brillante; asistieron lindas señoritas, elegantes señoras, títulos, comerciantes, sacerdotes, profesores, artistas, poetas, periodistas, boticarios, maestros de instrucción primaria, demagogos y carcundas: de todo, pero de todo bueno y escogido”. Pardo Bazán xogou un papel decisivo para a posta en marcha da entidade, porén a súa incesante actividade literaria, viaxes e vida social nos anos seguintes lle impediron prestarlle a atención necesaria. De feito, por delegación súa, Costales sería o presidente efectivo.

Machado e a longa sombra de Murguía

Machado levaba anos traballando para xuntar as diversas entidades folclóricas de España. No caso galego, o seu primeiro intento fora con Manuel Martínez Murguía, a persoa de maior competencia no tema en Galicia. Este andaba elaborando

unhas Rimas populares galegas que non deu publicado e desde 1873 mantiña contacto cun grande especialista en poesía popular, Manuel Milá i Fontanals. Na revista que Murguía dirixiu, La Ilustración Gallega y Asturiana, el mesmo publicou dous artigos ben interesantes, El Folk-lore español (8 de outubro de 1881) e, sobre todo, Folk-lore gallego (28 de

outubro de 1881). Neste salientable texto explicou que para el o folclore tiña un relevante papel na construción da historia de Galicia, “los olvidados cantos” serían unha valiosa ferramenta para interpretar o pasado. Asemade, como elemento identitario, poderían “prestar grandísimos servicios a nuestra Galicia”.

Antonio Machado púxose en contacto con Murguía en xullo de 1879, buscando a súa participación no proxecto comentado, mais en

outono de 1881 cesou a relación, pois mantiñan diferentes concepcións. Machado buscou outro interlocutor, Emilia Pardo Bazán. Xa na primeira das cartas enviadas á escritora (17 de novembro de 1883) ofreceulle presidir a entidade galega dedicada ao folclore. Ela negouse (“No tengo tiempo”), porén cara a fins do ano 1883 aceptou a proposta.

Murguía non deixou de estar presente na correspondencia entre Pardo Bazán e Machado. Así, o 27 de xaneiro de 1884 Emilia dille a Antonio: “El Sr. Murguía pasó por aquí y dijo ‘que no sabemos lo que traemos entre manos’. Lo cual, por mi parte, no deja de ser exacto”. Por outra banda, FG comezou a funcionar; pretendían publicar algún libro e unha revista e os socios crearon unha biblioteca e un museo. Das publicacións saíu adíante o Cancionero, de José Pérez Ballesteros, para o que pensaron en facer un prólogo, o que de novo levou a Murguía. Pardo Bazán recoñeceu a Machado que “para el Cancionero vendría bien una introducción o prefacio de Murguía; pero quien cuenta con ese hombre. Querría seguramente que le fuesen á sacar bajo palio” (8 de maio de 1884). Por

outra banda, en varias cartas a escritora expresou ao seu interlocutor diversas dúbidas: “No sé nada de poesía popular y como no sé y tengo conciencia, líbreme Dios de meterme en tal hondura y dar que reír á Murguía” (19 de outubro de 1884).

Costales e literatura, o Álbum

Costales, o vicepresidente de FG, gustaba da creación literaria e chegou a publicar diversas obras, con máis afán que mérito. Poemas en

El Señor Juan (1883) e Perucho (1887) e unha obra teatral, La Cocina Económica (1890). A esa produción imos engadir hoxe dúas contribucións menos coñecidas, que o relacionan co mundo literario galego.

Entre outubro de 1846 e xuño de 1854 residiu, como estudante, en Santiago de Compostela. Só estivo ausente uns meses do curso 1853-54, nos que se matriculou na universidade de Madrid. Precisamente alí, no Museo Nacional del Romanticismo, gardan hoxe o exemplar do seu Álbum de poemas. Pódese consultar online e del xa din conta na biografía que en 2013 redactei sobre este médico para o Álbum da Ciencia. Nese

interesante documento aparece algunha composición poética de Costales e de amigos daqueles tempos. Autores diversos, como Aurelio Aguirre, Domingo Camino, Saturnino Álvarez Bugallal. Nestes colegas dáse a coincidencia de que formaron parte do activo Liceo de la Juventud compostelán, fundado en 1847, ao que tamén pertenceron Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Luis Rodríguez Seoane e Rosalía de Castro (posteriormente). Unha xeración de mozos de ideas progresistas e preocupados polo país.

Vemos, pois, que Costales coñecía desde a mocidade a algúns dos que en anos sucesivos xogarían un notable papel na vida cultural galega. Entre todos eles, coido que a conexión máis importante foi con Aurelio Aguirre. Este escribiu no Álbum de Costales El poeta, unha composición que, segundo lle diría o propio autor a Murguía, era unha das súas preferidas. Aguirre salientaba pola súa creatividade e compromiso político, de feito pasou á historia pola súa destacada participación no banquete de Conxo (1856). Costales e Aguirre coincidían na militancia no Partido Demócrata, unha escisión pola esquerda do Partido Progresista. A prematura morte deste poeta nunha praia da Coruña o 29 de xullo de 1858 causou conmoción e un padronés, Eduardo Ruiz Pons, líder do Partido Demócrata do que volveremos a falar, presidiu os actos fúnebres en Compostela.

Poemas en ‘El Herculino’

A segunda contribución de Costales que imos comentar apareceu nunha publicación pouco coñecida. Falamos de El Herculino. Almanaque político y literario para el año de 1869, editado na Coruña a fins de 1868, nun momento de especial significado político, xa que en setembro dese ano tivera lugar a revolución que rematou co reinado de Isabel II. Ese contexto apreciase nos contidos do Álbum, protagonizado por persoas achegadas, en xeral, ao Partido Demócrata, que a fins do mesmo 1868 pasaría a denominarse Partido Republicano Federal. Nas páxinas están presentes, entre outros, varios poemas de Francisco Añón e un de Domingo Camino en galego. Tamén

outro sobre a abolición da escravitude en Cuba obra de Carolina Coronado, quen formara parte, coa nosa Concepción Arenal, da dirección da Sociedad Abolicionista.

Costales aparece con tres poemas, que reflicten a súa situación política previa a setembro de 1868. Estaba exiliado en Porto debido á participación na rede civil que apoiara a fracasada sublevación dos sarxentos do cuartel de San Gil o 22 xuño 1866. O primeiro poema leva por título Recuerdos de la emigración. Visita de la ex-Reina de España a Portugal; comeza con “Reinaba una pantera en un dominio...” e está asinado en Porto o 25 de decembro de 1863 (a data está errada porque a visita de Isabel II a Portugal tivo lugar en decembro de 1866). A segunda participación títulase En el sepulcro de Eduardo Ruiz Pons (Porto, decembro de 1866). Aquí debemos falar de novo deste singular personaxe, considerado mártir do republicanismo, exiliado desde 1862 e morto en 1865 nesa cidade portuguesa. Costales remata con estes versos: “¿Quién sabe si, cual él, moriré ausente / de la patria querida”. O terceiro poema era A España, asinado por Costales en Braga o 20 de xuño de 1868, que finaliza con “derriba en tierra el degradado trono / que te avergüenza y te deprime tanto”.

A posterior vida de ‘Folk-lore gallego’

O 1 de febreiro de 1885 tivo lugar a xunta anual de FG, presidida por Costales pola ausencia de Pardo Bazán; non houbo quorum e, polo tanto, non se celebrou. O 15 xuño dese ano si que se levou a cabo; a escritora chegara o 11 dese mes a Coruña. Após, en 1886 publicarían o Cancionero popular de Ballesteros porén a sociedade deixou de operar en 1888.

A novidade veu en 1894. Murguía pasou a residir na Coruña ao acadar praza no arquivo de Facenda local e o 25 de febreiro tivo lugar unha asemblea de FG na que se acordou cambiar o nome da entidade, chamarse Academia Gallega. Algúns socios, entre eles Emilia Pardo Bazán, non quixeron sumarse a ese proxecto, que era diferente ao fundacional. O 13 de novembro reuniuse a comisión xestora para preparar a constitución da Academia, coa asistencia de Murguía e Costales. Mais ese proceso cara a Academia se frustrou; a iniciativa que acadaría éxito procedeu, dez anos despois, de emigrantes galegos en Cuba. Os organizadores da Academia reuníronse por vez primeira no salón de actos da Casa Consulado da Coruña o 4 de setembro de 1905; alí nomearon presidenta de honra a Emilia Pardo Bazán e académico de honra a Ramón Pérez Costales.