A editora Bululú publica, co gallo do centenario do pasamento da condesa Emilia Pardo Bazán, unha biografía ilustrada da escritora dirixida a todos os públicos, pero orientada especialmente a achegar a súa vida e obra a nenos e nenas. “Sorprenderanos a nena curiosa e gran lectora, a muller namorada e independente e a autora de carácter, rebelde ao rol que se esperaba de toda dama nun ambiente social e familiar privilexiado”, adianta a editora.

A obra, escrita pola enxeñeira de Camiños e escritora María Canosa e ilustrada pola debuxante Bea Gregores, explora a capacidade de traballo “infinita” de Pardo Bazán, mérito que lle fixo ser recoñecida no seu tempo e sobrepoñerse, xulgan, “ao desdén de moitos compañeiros e académicos”, ao tempo que era aplaudida e valorada por público e crítica.

A ilustración, creada en base a técnicas tradicionais que combinan debuxo en cores acrílicos de grande forza, inspírase, alén dos textos de María Canosa, en fotografías e noticias da época de dona Emilia, así como en monumentos que aínda existen hoxe, co obxectivo de recrear os lugares que autora frecuentou en vida. Unha biografía ilustrada que a editora xulga perfecta “para todo aquel que busque descubrir as principais facetas dunha autora singular”.