Rosalía de Castro retornou onte á Coruña 150 anos despois de chegar por primeira vez á cidade para instalarse, coa súa familia, na Cidade Vella Neste caso, fíxoo en forma dunha figueira que a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, plantaron, onte, no parque de Santa Margarita.

O exemplar, cedido pola Fundación, provén da que fóra a casa natal da ilustre escritora, a Casa da Matanza, en Padrón, hoxe casa-museo; e medrará en Santa Margarita dende hoxe a carón dunha placa conmemorativa que lembra non só a pegada de Rosalía de Castro nas letras galegas, senón a súa presenza no firmamento a través da estrela que leva o seu nome dende 2019. “Non se pode entender a vida e a obra de Rosalía de Castro sen atender aos seus anos na Coruña”, sinalou a alcaldesa no acto, no que aproveitou para salientar a relevancia doutra das grandes escritoras galegas, Emilia Pardo Bazán.

A alcaldesa afirmou que, dende o Concello, hai unha aposta por reivindicar o legado e a figura destas dúas mulleres “pioneiras no seu tempo, na literatura, pero tamén no feminismo”.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, destacou os moitos elementos que relacionan a cidade coa escritora, e desexou que esta vinculación “medre” en palalelo á árbore que hoxe adorna Santa Margarita na súa honra. Angueira rematou o acto recitando uns versos da escritora que dan boa conta da pertinencia do lugar escollido para esta homenaxe: “Miña Santa Margarida, miña Margarida santa, tendes a casa no monte, onde o paxariño canta”.