Contaban as cantigas de Santa María que a virxe acostumaba a variar a pracer a súa forma cando se presentaba ante os infelices para realizar os seus milagres. Moitos anos despois dos códices de Alfonso X O Sabio, Santa María fará o propio sobre as táboas do Teatro Rosalía. Neste caso, adoitará as formas de Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez, que interpretarán á virxe en Estrela do día, a produción coa que a compañía PT Excéntricas propón a súa versión actualizada dos seus milagres.

Con textos de Quico Cadaval, Laura Iturralde na iluminación, Uxía Valeo no vestiario, Nacho Muñoz no deseño sonoro, Ezra Moreno, Carlos Santiago e Guitián completando o equipo, a peza salda unha débeda simbólica coa obra en galego de Alfonso X contraída hai máis de 30 anos. “No ano 88, a compañía xerminal de producións excéntricas fixo unha peza titulada o Códice Clandestino, producida por Xan Cejudo, na que estaba parte do elenco desta e que se baseaba nas cantigas de Escarnio e Maldizer. A Xan Cejudo quedáralle na cabeza a teima de facer as de Santa María”, conta o director de Estrela do día, Marcos PTT Carballido, que recibiu a encomenda de retomar, anos despois, ese proxecto que quedara no caixón. En Estrela do día, contan os seus impulsores, os milagres aínda son posibles, mais non se perde, na construción da peza, a mirada pagá da sátira escénica.

Cada un dos actores representa, na peza, distintas versións de Santa María nos milagres escollidos polo equipo para levar a escena nun tempo no que quedou acreditado que os milagres, ou, como mínimo, as cousas surrealistas, teñen cabida. “Hoxe en día, hai moito pensamento máxico. Xente pedindo milagres, outra que pensa que hai chips con 5G nas vacinas...pode ser todo moito máis actual do que pensamos” bromea o director, que recorre, para explicar a trama, a un vello paralelismo inaugurado polo experto en semiótica Umberto Eco. “A época moderna pode ser moi similar á idade media. A caída do imperio norteamericano pode asemellarse á caída do imperio romano, a época de escurantismo que veu despois... son cousas que estamos volvendo a ver agora”, propón Carballido.

O milagre está pensado, en Estrela do día, como un mecanismo: o milagre como ferramenta para facer publicidade de determinado tipo de pensamento ou como fórmula cómica. “Unha cousa que nos gustou é que Santa María non é nada moralista. É bastante pagá dentro da tradición cristiá: non premia só virtudes e bos comportamentos, é bastante caprichosa, pode premiar directamente a un delincuente que de súpeto comeza a crer nela”, explica o director. Milagres con “reverso tenebroso” que hai que andar con tino para formular, non vaia ser que a Santa entenda outra cousa. Malia que o equipo tratou de fuxir do tema da pandemia, preponderante na conversa,tamén na artística, dende hai un ano, o virus aparece secundariamente nunha das escenas interpretadas: a virxe castiga a un marido agresor cunha enfermidade que se transforma con posterioridade en epidemia.

“É o único momento no que nos metemos un pouco no drama e deixamos de lado a comedia, pero, en termos xerais, é unha comedia de escachar”, comenta PTT. Unha visión que comparte Evaristo Calvo, que interpreta, entre outros personaxes, a unha das Santas Marías que asiste aos infelices en estrela do día. “Homes ou mulleres, a todos tócanos facer de Santa María nalgunha ocasión. A obra é meramente cómica, como se os milagres de Santa María foran unha fonte de cultura pop”, comenta Calvo, que tomou como referencia para as súas personaxes, do mesmo xeito que o resto do elenco, as miniaturas das cantigas debuxadas nos códices que conteñen as historias. “Eses códices facíanse moi parecidos ao que hoxe sería un cómic. As historias raian un pouco no farsesco que teñen as propias narracións medievais dos milagres, que, como a obra reflicte, son un pouco aleatorios”, xulga Calvo.