No libro Orixe orzánica das sereas todas, Rodrigo Osorio mestura realidade e ficción. “A idea é reconstruír ou imaxinar o que podería ter sido a vida e a obra de Urbano Lugrís González se, como tantas outras, non se tivera tronzado polo golpe de Estado de 1936”, explica o autor. Porque a xeración de Lugrís era unha xeración formada polas Irmandades da Fala, completamente implicada “na vida artística, cultural e política de Galicia”, pero tamén foi unha xeración truncada, á que se lle cortaron, coa sublevación militar, as oportunidades de seguir medrando polo mesmo camiño.

“Logo da guerra, e de todo o que iso supuxo para o cambio das ilusións e as esperanzas que tiñan, Lugrís refúxiase na pintura, pero antes, el fora escritor e monicrequeiro, e non sabemos como podería ter sido a súa vida doutro xeito”, relata. Para recreala, xoga a borrar da historia os asasinatos e a represión, a esquecer o exilio e a dor, e inventa unha vida con Johán Carballeira como alcalde de Bueu durante moitos anos.

“No seu discurso, Lugrís fala de libros de Carballeira que nós non tivemos a sorte de coñecer. Son libros que non existen, pero algúns si que estiveron na cabeza de Johán Carballeira, aparecen nos seus escritos, pero como foi asasinado, non chegaron a se publicar”, comenta Osorio, que elixiu as sereas e a vida asolagada do Orzán como fío condutor deste discurso lido na Academia Galega da Lingua, o día 19 de novembro de 1953, na súa recepción pública, e contestado por Leandro Carré Alvarellos. “É unha lenda na que, precisamente Uxío Carré fala nun artigo da Real Academia. O Lugrís do noso mundo, non do alternativo, nunha colaboración que fai na publicación Vida Gallega, conta parte desta historia da cidade asolagada na praia do Orzán. Fálase desa cidade con torres de ouro e unha praza porticada con varios días de andadura. De aí e doutras lendas de animais mariños, inventa Lugrís no seu discurso esa historia marabillosa, do mago Bren, que é un dos magos de Oriente que foi a Belén ao nacemento de Xesucristo e da súa axudante, que é a responsable de que as sereas teñan cola de peixe”, comenta. Porque, a pesar de non ser certo, o discurso está moi ben armado, con citas científicas e coa aplicación das teorías de Darwin, para fundamentar que as sereas, antano seres con ás, perdesen estes atributos por falta de funcionalidade. “Lugrís defende a súa arma fundamental, que é a imaxinación. Para el, é tan importante o coñecemento científico como o mítico, é tan inventado e tan real e tan mentira unha teoría científica coma un mito ou unha lenda, por iso os mestura e encaixan”, explica Osorio, que forma parte do colectivo lugrisán In Nave Civitas.

“No noso mundo, no real, Lugrís coñeceu a Lorca en Madrid, cando foi estudar a Madrid, compartiu faladoiros con el, probablemente e curiosamente, nun café que se chamaba La ballena feliz. Agora é unha cervexaría irlandesa, pero aínda existe o sitio. Algúns falan de que estivo en La Barraca [a compañía de teatro de Lorca] pero iso non está contrastado, o que si que é certo é que tiñan amigos comúns en Madrid e que tiñan moitas coincidencias no gusto polo popular e por levaren a cultura polas vilas e polas aldeas”, lembra Osorio. No mundo real, non no ficticio do seu discurso, Lugrís participou nas Misiones Pedagógicas, unha en Burgos e outra en Cáceres, nas que recitaba romances e, probablemente, explicando e amosando as reproducións dos cadros do museo do Prado que levaban polas vilas.

Á faceta de monicrequeiro é á que se aferra Osorio para construír ao Lugrís imaxinario, ao que non viviu a guerra civil nin os seus anos de fame, medo e represión. “Cando me decidín a imaxinalo, pensei que, seguramente, tería seguido por aí, porque cando estivo en Madrid traballou co mellor monicrequeiro de España,que xiraba por todo o Estado. Segundo contan, comezou facendo os decorados, pero tiña unha voz prodixiosa, que era quen de facer o grave máis grave e o agudo máis agudo, entón, era un éxito absoluto”, relata Osorio. Tanto, que o propio Lugrís contaba que, unha vez, nunha actuación en Vigo, marcharan todos os nenos do espectáculo cando el fixo o ruxido dun dragón.

“Estando en Galicia, podendo evolucionar, sen golpe de Estado, por que non había montar a súa propia compañía de monicrequese seguir adiante con esa aventura dun teatro popular galego, que encaixa moi ben nese pensamento inicial de Lugrís”, resume.