O doutor en Estudos Lingüísticos Alexandre Pérez Vigo é o autor da tese O estereotipo antigalego na literatura española moderna, unha análise das orixes da galaicofobia reflectida na literatura do Século de Ouro.

A que momento histórico está adscrita a literatura que analiza?

Está centrada sobre todo na Idade Moderna. É dende os comezos do XVI ata o XVIII, o que lle chaman o Século de Ouro da literatura española, onde hai máis material. Hai historiadores que deron conta diso. O que fixen foi remontarme un pouco para ver que orixe podía ter aquilo, a onde se podía chegar. Cando aparece a galaicofobia ou a imaxe negativa foi nesa época, porque hai moita produción literaria, pero non quere dicir que non a houbera antes. Os estereotipos o que teñen é unha pervivencia moi longa. Cando Quevedo, Cervantes ou Góngora se fan eco disto, é porque hai algo detrás de moito calado dende hai moito tempo.

Cal é o xerme desta galaicofobia?

Houbo bastantes autores que fixeron propostas no seu momento. Na Idade Media está moi vinculado ao poder político que ten o Reino de Galicia dentro da monarquía castelá. En principio, ata o século XII ou XIII non hai unha imaxe de Galicia negativa en ningún tipo de literatura. Unha vez que o Reino de Galicia perde os seus propios monarcas, e pasa a estar sometido politicamente ao Reino de Castela, que o que fai é promover a cultura castelá, automaticamente ocorre que o que non entra na cultura castelá entra na incultura periférica. Aí empeza un certo supremacismo cultural.

Á hora de reflectir estes estereotipos antigalegos na literatura do Século de Ouro, os autores fano con este propósito, ou trátase dun prexuízo herdado?

Este estereotipo non ten un propósito inicialmente político, non hai unha consciencia ou unha planificación de que se vai facer. O que pasa universalmente cos estereotipos é que xogan un papel de xustificación. Neste caso, dicir que Castela era o reino máis importante e que Galicia era unha terra montañosa e salvaxe entra dentro dunha xustificación de que os que non son tan bos non triunfan. Logo hai unha serie de guerras nas que Galicia ten un papel moi importante. Os que gañan esas guerras non foron os que apoiaron ás elites galegas, co que Galicia pasa a ser un inimigo político, e despois unha especie de rebelde. No século XVI, Felipe II pon a corte estable de Castela en Madrid, e iso supón que moita xente de Galicia ten que emigrar alí. Ese estereotipo de pobo complicado pasa a ser o estereotipo do migrante, da diáspora, do pobre.

O estereotipo do galego migrante remóntase ata o século XVI.

Si. A imaxe cambia, segue sendo negativa, pero é para xustificar a pobreza, o desnivel de estatus.

Confirma a realidade do estereotipo que semella que non fai dano, pero axuda a consolidar e fixar realidades máis alá do discurso.

Si, é tremendo. Hai documentos do século XVI nos que se fala de responder “a la gallega”.Pensamos que é unha cousa relativamente moderna, pero xa leva 500 anos. Hai un autor, o Licenciado Molina, que é o primeiro que fai unha descrición do Reino de Galicia. No prólogo xa se di que en España búrlanse de calquera tipo de persoa que fale ben de Galicia. Falamos do ano 1550.

Cales son os estereotipos máis comúns que se poden atopar sobre os galegos en literatura?

Cando pasa a Idade Media, a imaxe do galego é a do salvaxe que non é aínda conquistado, despois é de rebelde, e despois é a do pobre que está en Madrid. Non é unha cidade populosa, pero é onde se concentra a corte. Alí van moitos galegos a traballar de oficios humildes: augadeiros, criados, amas de cría. Esa xente reflicte esa realidade marxinalizada, pero coa intención de facer dano.Á nobreza galega, que fóra desterrada de Galicia para asentarse en Castela, tamén se lle intenta facer dano políticamente, como se ve nas cartas do Conde de Gondomar. No século XVIII popularízase máis a imaxe do segador, dos galegos que comezan ir a Castela a traballar á sega. Tempo despois, vai haber moitos ilustrados, como o padre Sarmiento, que vai ir en contra de todo ese tipo de odio. Hai viaxeiros franceses que se dan conta de que hai un odio especial en contra de Galicia e dos galegos en Castela.

Este odio influía dalgún xeito na autoimaxe que tiñan os galegos de si mesmos?

Si, moito. No século XVII empeza a aparecer na literatura a figura do galego que é moi humilde, pero que para dicir que é galego, pide perdón primeiro, porque a palabra galego é como un insulto. Moitas veces aparecen eles ridiculizándose a si mesmos, ou dicindo que son portugueses, porque estaban mellor considerados. Iso crea un autoodio brutal. Os galegos repudian a súa orixe, negan calquera tipo de vinculación cultural. Iso pasou nunha parte da sociedade, pero noutra creou unha reacción totalmente distinta.

Fixeron diso unha reivindicación.

Si. Aí está, por exemplo, o cura de Fruíme, que vai facendo unha serie de poemas nos que vai rebatendo, un por un, todos os estereotipos sobre Galicia, e fai unha contrapublicidade: fala ben de Galicia e vai en contra doutros territorios como Castela, nos que se falaba mal dela. O Rexurdimento vai moito diso tamén.

En moitos dos poemas máis coñecidos do Rexurdimento, como os de Rosalía de Castro, hai unha frontalidade forte contra Castela.

Si, porque Rosalía vivira esa repulsa. Chega a haber, a finais do XIX, algún tipo de altercado e asasinato xenófobo contra galegos. Aparece mesmo reflectido que os que estaban alí dicíanlle aos galegos que volveran para o seu país. O ambiente era infumable por completo, había moita adversidade.