A Repichoca, un fogar máis ca un bar
Logo de poder abrir só durante cinco semanas no último ano pola pandemia, era “imposible” seguir pagando o aluguer do local e as facturas sen axudas, por iso pecha

Noa Paradela, coa súa nai, Checha, e a súa parella, Andrés Silva, ‘Txuri’, nunha imaxe de arquivo. | // 13FOTOS / Gemma malvido
Di Noa Paradela que ela entrou na Repichoca a noite da inauguración para lle botar unha man á súa nai, Checha, e xa nunca máis a puideron botar do local e disto cumpríronse en xaneiro dezaoito anos. A Repichoca foi o soño da súa nai que, con cincuenta anos, decidiu facelo realidade con Xabi, o seu socio.
Sabía que quería un local de lecer nocturno, pero non un calquera, un que fose fogar máis que bar, e que tivese música en directo, un pub no que calquera puidese entrar pola porta co seu instrumento —ou sen el— só ou acompañado, e poñerse a tocar, e converter unha noite normal nunha extraordinaria. Un espazo de convivencia, de música en directo e de moito baile e moita festa.
Así naceu na cabeza de Checha e así foi durante case vinte anos e seguiría séndoo, seguramente, se non fose pola pandemia. Paradela apunta a que os locais de lecer estaban xa a experimentar un cambio nos últimos anos, con máis presenza das sesións vermú, da festa diúrna, e menos peso da noite, pero que foi o coronavirus quen precipitou a decisión de dicirlle adeus á Repichoca, aínda que ninguén quixera este final para o local.
Cando se cumpre un ano da declaración do estado de alarma e do obrigado peche das actividades non esenciais, Noa Paradela fai contas e non lle dan. “Nun ano só puidemos traballar cinco semanas, non temos axudas do Concello nin da Xunta e así non se pode seguir pagando un aluguer, o seguro, facturas... Era insostible. Era acumular débeda, porque o futuro do lecer nocturno é bastante incerto. Era manter a esperanza, en lugar de sermos realistas”, conclúe Noa Paradela que, pasado xa día e medio desde que compartiu a noticia en redes sociais do peche do local, xa está un pouco máis tranquila.
“Onte non podía falar, cada vez que sacaba o tema, botábame a chorar”, confesa. Motivos non lle faltan, porque tanto o seu teléfono como as redes socias do local ateigáronse de mensaxes de cariño e de lembranzas de tantos e tantos clientes que medraron ao mesmo ritmo que A Repichoca, así que, o seu pasado está irremediablemente ligado á música tradicional.
“Para min é imposible quedar cun só momento, cun só recordo, cando tes música en directo dúas e ata tres veces por semana, sempre coñecendo xente nova, facendo amigos... é moi difícil. Había noites esgotadoras, porque eran varios días de festa seguidos, pero era moi bonito”, lembra Noa Paradela que, cando a súa nai e o seu socio decidiron montar o local, estaba estudando Fotografía alí pretiño, na Escola Pablo Picasso.
“Espero que, polo menos, A Cova Céltica resista, porque se non, non sei onde vou ir eu bailar”, di cun sorriso, do outro lado do teléfono, un sorriso que agocha aqueles “pasarrúas” que facían dun bar ao outro os seus clientes, cando non daban atendido a todo.
“Son miles de foliadas en tantos anos”, resume, aínda que espera que non sexan as derradeiras que haxa, polo menos, á Repichoca débenllo unha máis, a do adeus, pero será cando a distancia social non sexa obrigatoria e a pandemia deixe de capitalizar a realidade. “haberá que facerlle unha despedida á altura”, comenta. Polo de agora, aínda non saben que será do mural que pintou Raque Castro para o pub, pero gustaríalles salvalo, que teña unha nova vida.
E o futuro? Quen sabe que pasará? pero Paradela ten claro que a hostalaría é o seu oficio. “Abrir algo no mesmo local é practicamente imposible, pero aínda que pareza que estou tola, espero poder abrir outro local cunha idea similar, é que o folclore engancha”, resume.
- La alcaldesa de A Coruña destituye al concejal de Urbanismo ante el Icomos y como presidente de la comisión del plan de la Ciudad Vieja
- El barrio de A Coruña para huir de la nubosidad en el eclipse total de 2026: 'Aquí estamos por encima de las nubes
- Nueva batalla judicial por la cárcel de A Coruña: el Estado lleva al Ayuntamiento ante el Tribunal Supremo
- Preocupación entre los padres del alumnado de seis escuelas infantiles de A Coruña ante el cambio de gestión
- El histórico bar de A Coruña con una empanada casera que probó el Papa: 'Llegamos a vender 900 en un día
- La guía definitiva para ver el eclipse solar en A Coruña: recomendaciones, uso de las gafas y zonas a las que no se puede ir
- Sindicatos denuncian que empresas hosteleras de A Coruña ofrecen subidas salariales por no hacer huelga el día del eclipse
- La compra de un edificio de Greenalia impulsa la expansión hotelera en San Andrés, en A Coruña