Para Xurxo Souto a reedición do libro O retorno dos homes mariños é “un soño”, di que non quixo cambiar nada do texto, só facer uns apuntamentos porque a novela segue a contar o que el quería vinte anos despois: “O mar” e iso non cambiou. A cidade si, porque berrar agora “e que viva Vioño!” xa non ten o mesmo sentido, pero hai persoas que seguen a arrecender “á colonia que botan os de Corme”, aínda que sexan menos, aínda que moitos non o saiban.

Máis de vinte anos pasaron xa desde a publicación da novela, por que a reeditan agora?

Para min é un soño e unha celebración de vinte anos de literatura. Teño esa sensación tan alucinante de que, no seu momento, contei o que quería contar. Quería contar o mar. Eu nacín nesta cidade barco e ninguén me falaba do mar. Eu son da rúa da Torre, en Monte Alto. Cada noite vía como entraban pola casa os catro golpes de luz da Torre de Hércules e escoitaba o mar. Na Coruña, cando para o ruído dos seres humanos e dos coches, escóitase o mar. Na Coruña di Orzán, Orzán, en Vigo, Berbés, Berbés. É un problema de educación e é un desacougo da miña xeración. Nacemos nesta cidade, aínda que os nosos pais viñeron da aldea. Somos radicalmente coruñeses e ninguén nos falaba do mar, estando aí.

E cando o descobre e decide facer esta novela e falar del?

Encontreime, xa grandiño, cun texto de Jerónimo del Hoyo, cóengo da catedral de Santiago, que no século XVII falaba cos mariñeiros da Pescadería que lle contaban que había uns seres míticos coruñeses, únicos, os homes mariños. Como podía ser que eu non soubese iso? Eu pensei que sería porque non sabiamos nada do mar e por iso escribín este libro, con toda a humildade, falando do reencontro da miña xeración, da xente dos barrios, co mar, desde o punto de vista mítico dos homes mariños, pero tamén desde o punto de vista dese mar do que ninguén nos fala e se mete nas nosas vidas en forma de petroleiros. A Coruña é unha cidade marabillosa, é tamén unha cidade punky. Eu teño un recordo sendo rapaz de ver a choiva negra, era o Urkiola, despois, vimos arder o mar, co Mar Egeo. Pensabamos que non podiamos ver nada máis extraordinario e vimos unha montaña de merda sobre o mar, o vertedoiro de Bens.

E anos despois de que se editase o libro, chegou o Prestige, non sabiamos o que nos esperaba...

Si, o mar está aí chamándonos, pero sempre vemos a parte negativa. A Coruña cambiou radicalmente nestes vinte anos. Unha persoa que leve vinte anos sen vir á Coruña non a recoñece. Xa non temos Caixa de Aforros, non temos Banco Pastor, non temos Fenosa... O orgullo das nosas nais era que os seus fillos traballasen aí. Fomos para atrás, pero o que non cambiou foi o mar. Seguiron chegando petroleiros e, cada dous días, hai algunha ameaza dun barco que ten problemas. O que si cambiou é que esa ignorancia absoluta que tiña eu xa non está. Noto, na xente nova, un desexo de saber cousas do mar. Xa saben o nome das pedras da Torre, aparecen libros marabillosos como Orixe orzánica das sereas todas, ou os poemas de Xosé Iglesias. Mesmo se creou un colectivo político chamado Marea Atlántica. E temos problemas de hoxe, como que se pretendan converter nun negocio inmobiliario os terreos portuarios, que teñen que ser a grande oportunidade de futuro da Coruña como cidade atlántica. Eses problemas veñen de aí, de que hai vinte anos non sabiamos nada do mar. Daquela aceptouse que se fixesen edificios para pagar o porto exterior, nuns terreos que teñen que ser de todos. A día de hoxe sería imposible, temos outra conciencia, avanzamos moito neste sentido porque a cidade vai coñecendo a súa identidade, sabe que naceu do mar e que ten que ter no mar o seu futuro.

Lendo o libro, tamén se botan a faltar outras empresas que, daquela, eran moi protagonistas, como os talleres de costura.

Nesta pedra chantada no Atlántico onde vivimos moitas persoas fascinadas polo océano, aínda que non o coñezamos, amamos os barrios. Está esa Mercedes, que traballaba nunha Agra do Orzán inzada de talleres de costura. Agora foron marchando, coa gran máquina de Zara, para outros países, como Marrocos ou Singapur, pero estaban aquí. Son memoria da cidade e temos dereito a lembralos porque é unha historia paralela da cidade. É un problema básico da propia información que temos da cidade. O discurso do que somos e do que queremos ser cambiaría se, en vez de dicir que somos a periferia, dixeramos que somos o centro do mar. Somos da Coruña, si, pero reivindicamos tamén á xente das aldeas. Antes dicíannos que A Coruña era unha cidade-Estado e, nos tempos de Francisco Vázquez, falábase castelán e iso asumíao todo o mundo e pensabamos que era así, e neste libro está a miña humilde descuberta da miña propia cidade, unha viaxe cara ao espazo interior, fronte a esa visión mal contada do que somos.

Os personaxes, como a señora Laura, a sabia do mar, ou o Agoiro, son retallos de persoas reais?

Son totalmente reais. Eu coñecín ao Gorripacho do Portiño, eses homes que ían pola noite pescar e que lle cantaban ao mar; ou ao típico rapaz inadaptado de barrio, que tiña inquedanzas intelectuais, pero que acaba sendo antenista, cando o futuro é a televisión por cable... Na rúa Tinallas está a Casa do Remo, agora moita xente a coñece, pero a min ninguén me contaba que existía. Alí, evidentemente, tiña que vivir a sabia do mar. Eses estímulos están aí, e as personaxes están tecidas coa suma de moitas persoas da cidade, de veciñas da rúa da Torre que eu coñecín. Como aquelas que vivían en Londres e, cando volvían, non ían directamente á casa, ían ao Club do Mar, sentar nunha muralla para sentir o son do mar de Santo Amaro e sentir que estaban na casa. Como di Manolo Rivas, somos unha cidade atlántica, pero cun xeito de vida mediterráneo, porque nos gusta vivir na rúa e namorámonos da cidade, pero non dunha maneira aristocrática senón popular, namorámonos das cousas lindas. Esta é unha cidade na que non hai título nobiliario maior que ter unha avoa cigarreira, porque iso é A Coruña, ou un avó percebeiro, que sabe o nome das pedras. Estamos rodeados de persoas e de historias marabillosas que están marxinadas por esa idea utópica e elitista do que é a cultura. E a cultura é todo aquilo que teña emoción. E nós estamos oíndo cunha emoción enorme a palabra que a todos nos une e que é máxica: Orzán. Orzán, por certo, que é a palabra perfecta. Que contento estou de ter escrito ese libriño hai vinte anos e de ver que sigo coas mesmas teimas, e aí sigo.

Haberá máis?

Teño un soño, que é facer unha presentación movéndonos cara á Torre; tamén facer outra en Vigo, porque eu proclamo que A Coruña e Vigo son a mesma cidade, daquela non tiña os datos, pero agora xa si. E intentarei facer outra en Lisboa, na capela de Santo Amaro dos Galegos, porque teñen a mesma lenda ca nós, do santo navegante.

Di que non quixo cambiar nada do texto orixinal, pero si que fai apuntamentos, sobre toponimia, seguindo os estudos de Iván Méndez, posteriores á publicación do libro...

Si, non quixen cambiar nada porque creo que ten un valor documental, de época, pero engado notiñas, porque eu tiña intuicións en toponimia y talasonimia, pero neste tempo avanzouse moitísimo, por exemplo, As Amorosas non teñen que ver nada co amor, como pensabamos nin coas amoras senón coas morozas [moreas de pedra e area que se acumulaban nesta zona]. É unha pinguiña nesa construción colectiva que estamos a facer do mar. Por exemplo, cando pensamos nun sitio bonito da Coruña pensamos nos Cantóns, pois eran instalacións portuarias e os nosos avós fixeron uns xardíns, agora, nós temos a mesma oportunidade de facer un urbanismo para todos cos peiraos interiores.