No día de onte faleceu o profesor e historiador Xosé Ramón Barreiro (Ribeira, 1936; A Coruña, 2021), quen deixa tras de sí un gran legado como intelectual, como docente e como xestor cultural. De formación humanista adquirida no seminario de Compostela e na universidade gregoriana de Roma, acabou por cursar a carreira de Historia na universidade de Santiago, á que chegou en idade madura e cunha sólida formación, pois xa publicara notables estudos sobre historia eclesiástica e dirixía a revista Compostellanum, pensada como voceiro dos estudios xacobeos que reconducíu cara outros estudos históricos, desde a demografía histórica ata a historia agraria, daquela tan en boga.

Na sua biografía intelectual hai varios trazos importantes. O primero, ser un historiador vocacional, cunha obra publicada de enorme amplitude e calidade, que abranxeu moitos campos do saber histórico pero que deu os seus mellores frutos na historia de Galicia, nomeadamente na que se refire ao século XIX. Nada do que aconteceu naquel século, fose na vida social e institucional, fose na cultura e mesmo na biografía das suas figuras más relevantes, lle foi alleo. A sua erudición era prodixiosa, a biblioteca persoal que conseguir reunir volveuse mítica e os libros e artigos publicados sobre este tema foron de referencia desde o propio momento da sua saida a lume.

Entre esas primeiras obras salientarei tres, El carlismo gallego (1975), El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977) e Liberales y absolutistas en Galicia (1981), que foron tan pioneiras como precozmente clásicas porque, varias décadas despois, poden ser lidas con proveito e descobrir canto de novidoso tiveron naqueles anos, nos que a transición da antigo réxime á sociedade liberal en Galicia era ignorada ou coñecida fragmentariamente. Logo viñeron obras máis maduras ou de grande alento, como as dedicadas ao funcionamento da política liberal, do clientelismo político e de prosopografía dos principais líderes políticos. Un libro no que está condensada toda esta información é o seu Diccionario de parlamentarios de Galicia (2000), obra de referencia para a historia política e parlamentar da época contemporánea. Alén de historiador da política, o seu traballo centrouse tamén na historia cultural e institucional na que deu a lume textos ambiciosos sobre a historia da prensa e da imprenta e, sobre todo, duas obras de referencia: unha nova Historia da Universidade de Santiago (1995 ) escrita no marco do seu quinto centenario e, desde logo, o seu estudo biográfico máis ambicioso, dedicado á figura de Manuel Murguía (2012). Innecesario é decir que tivo tamén unha vertente de escritor na praza pública, en xornais e revistas, e de permanente divulgador da historia moderna e contemporánea de Galicia, do que se pode considerar como obras máis representativas o Proxecto Galicia. Historia (1991) con cinco volumes da sua autoría e, en tempos máis recentes, a dirección da Gran Historia de Galicia (2007), en 32 volumes, dois que cinco foron tamén escritos por Barreiro.

Alén de autor de libros de historia, a evocación da figura de Barreiro ficaría coxa sen mencionar a sua condición de docente universitario e, tamén, a sua presenza nas máis importantes institucións culturais de Galicia. Da sua vocación docente poido dar fe como compañeiro de departamento desde os anos setenta ata a sua xubilación. El transmitía nas aulas un enorme entusiasmo pola historia de Galicia e pola investigación. A construcción da historia contemporánea como campo de estudo na universidade galega non tería sido posible sen a sua dedicación a tempo completo á vida universitaria, laboría á que nunca renunciou nen para disfroitar dun ano “sabático” nen por desempeñar, en periodos breves, tareas de xestión como Decano e como Vicerreitor da institución. Doutra banda, Xosé Ramón Barreiro foi membro comprometido con diversas institucións da cultura galega, desde a sua precoz participación no Padroado Rosalía de Castro ou o Instituito Padre Sarmiento, ata a fundación do Consello da Cultura Galega ou como membro numerario e Presidente da Real Academia Galega.

En case todas estas institucións das que formou parte, tiven o privilexio de compartir con el ansias e traballos, nos que sempre apreciei unha enorme paixón intelectual e un compromiso conscente e activo con Galicia e coa sua cultura, tratando de forxar esa “patria enteira” que lle cantou o poeta Salvador García-Bodaño. Cualidades e actitudes que, na hora do seu pasamento, me comprace proclamar non só como recoñecemento persoal, senón como espello no que as xeracións presentes e futuras poderán seguirse mirando. Sic tibi terra levis, meu caro.