“Hallábame una tarde del estío en la explanada que circunda la famosa Torre de Hércules. A mi vista se extendía (...) un horizonte sin límites (...). Quise contemplar una vez más la esplendorosa ocultación del disco solar en las aguas del Atlántico, sorprender un momento de la naturaleza en que parecen confundirse la luz y las tinieblas”.

Así lembraba Ramón Rúa-Figueroa Fraga (1825-1874) unha visita á emblemática torre coruñesa nun artigo (Páginas de un álbum) publicado en xullo de 1874 no semanario ourensán El Heraldo Gallego. Non foi a única incursión literaria do enxeñeiro de minas, quen atopou tempo no medio dos seus estudos e dunha intensa actividade profesional para producir diversas composicións, que serán o obxecto do episodio de hoxe.

El e varios irmáns formaron parte da xeración “provincialista” de 1846 (a de Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz, Antonio Neira de Mosquera, etc.), que apoiou o pronunciamento rematado co fusilamento dos “mártires de Carral”. Os membros desa xeración e das inmediatamente posteriores practicarían, polo menos nos seus anos mozos, a creación literaria (poesía, relatos, artigos de xornal, etc.). Nesa afección Ramón seguiu os pasos do irmán José, escritor e xornalista. Fíxoo en castelán xa que ata 1863, coa aparición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, non se iniciaría o proceso que levou a utilizar o idioma de uso común como lingua literaria.

Os inicios

As primeiras publicacións de Ramón das que temos constancia foron redactadas cando o mozo compostelán vivía na Coruña, estudando no Consulado (1840-45). Nesas datas escribiu en El Recreo Compostelano, publicación quincenal que saíu entre 1842 e 1843 dirixida por Antonio Neira de Mosquera e que contaba como principal redactor a Antolín Faraldo. Por outra banda, de 1843 son tres epigramas (poemas de humor) de escaso valor aparecidos nunha publicación satírico-literaria editada en Madrid, La Risa. Enciclopedia de Estravagancias.

Nese período salienta a colaboración de Rúa-Figueroa en El Porvenir (subtitulada Revista de la Juventud Gallega). Unha singular publicación editada en Compostela, que levaba un lema ben revelador do seu espírito identitario e rebelde: “Todo para Galicia. Abajo reglas, escuelas y maestros”. Era o seu director Antolín Faraldo e tiña como redactores a Antonio Romero Ortíz e José Rúa-Figueroa, irmán de Ramón. A iniciativa durou pouco, de febreiro a agosto de 1845, pois o 1 de setembro o gobernador suspendeuna; non gustaba ás autoridades. Nas súas páxinas aparece Ramón de la Sagra, unha conexión de interese entre o liberalismo progresista do período previo, que el representaba e ao que lle engadira novos elementos reivindicativos, e aqueles inquedos mozos que dirixían a súa ollada crítica cara aos problemas de Galicia. Da colaboración de Rúa-Figueroa citaremos un poema, A una estrella, aparecido no número do 29 de xuño desa publicación. Comeza así:

“A ti me dirijo mi perdido rumbo / disco elevado de brillante luz, / y de mi nave al peligroso tumbo / busco tu disco en esa alfombra azul”.

E remata deste xeito:

“Déjame estrella bogar / y en el mar de la esperanza / lentamente caminar, / ¡pues quiero mas la tardanza / que un desengaño tocar!”.

As afeccións literarias do destacado enxeñeiro de minas Ramón Rúa-Figueroa Fraga

As afeccións literarias do destacado enxeñeiro de minas Ramón Rúa-Figueroa Fraga

Colaboracións no ‘Seminario Pintoresco Español’

En 1845 Rúa-Figueroa ingresou en Madrid na escola de minas, rematando os seus estudos en 1850. Nese período deu á luz diversas colaboracións no prestixioso Semanario Pintoresco Español, unha revista publicada na capital entre 1836 e 1857 e próxima ao Partido Progresista. Nela tamén escribiron Antonio Neira de Mosquera, Romero Ortiz e José Rúa-Figueroa. Do Semanario foi director Ángel Fernández de los Ríos, a quen se lle atribuíu a elaboración dunha emblemática publicación clandestina, El Murciélago, que en 1854 xogou un importante papel na denuncia da corrupción do Goberno e da familia real.

Ramón redactou diversos textos para o Semanario: La monja de San Payo (1848), Grande Hospital de Santiago, La historia del genio, La Cascada del Toja, Paso del Ulla en San Juan de Cova, Madrid de tapias afuera (todos de 1850), Revista social. Esposición de actores (1851) e De Madrid a Sevilla (1856). La Cascada del Toja e Paso del Ulla en San Juan de Cova aparecen asinados polo seu irmán José pero Eugenio Maffei (1877), colega, colaborador e amigo de Ramón asegurou que foi este o redactor.

O primeiro deses escritos, La monja de San Payo, é un curioso relato no que Rúa-Figueroa narrou, indicando que se baseaba en feitos reais, un suceso terrible acontecido na súa cidade natal, Compostela, en 1833. María, de 18 anos, fora obxecto de acoso sexual por un frade beneditino de trinta, o P. Ubaldo. Rexeitado por ela e celoso do seu mozo Carlos, o frade convence aos pais de María para que a enclaustrasen como monxa no convento de San Paio (de Antealtares, con muros na praza da Quintana). Nese lugar o P. Ubaldo era coñecido e abusando da súa condición incidiu no acoso, mesmo ameazando á moza cun coitelo. Esta, desesperada, organizou con Carlos a fuxida porén no momento dela interveu o frade que propiciou a morte da desgraciada María, quen acabou, acoitelada, nas lousas da praza.

Ramón realizou unha descrición sentida e polo miúdo dos feitos, criticando o sistema de incorporación de mozas aos conventos e o fanatismo relixioso que permitía a personaxes como o P. Ubaldo actuar con plena liberdade, como explica ao inicio do relato: “La influencia que a la sazón ejercían los hábitos de cualquier orden monástica, y los sentimientos religiosos, llevados basta el fanatismo, que entonces y aún ahora predominan sobre todos los demás en la ciudad a que nos referimos, hicieron acoger al P. Ubaldo como un individuo más de la familia al cual todos demandaban su parecer sobre cualquier asunto que se tratase. Él, por su parte, sabía captarse el aprecio de todos los que le rodeaban con una hipocresía ascética cubierta con el sagrado manto de su orden”.

Falando deste tema, o profesor José Manuel González Herrán díxome que a Revista Galaica, de Benito Vicetto, reproduciu en 1874 unha versión do relato de Rúa-Figueroa co título Tradiciones monásticas de Galicia. La monja de San Payo. Tamén sinalou que Emilia Pardo Bazán publicaría anos despois (1902) un conto en Blanco y Negro, Cenizas, que trataba da tráxica historia da monxa de San Paio (relato que se incluirá nunha obra que Herrán vai publicar da man do Consorcio de Santiago: La danza del peregrino, y otras historias en Compostela). O texto da novelista sitúa a acción nunha cidade ficticia, Montañesa, pero ben identificable como Santiago, e diferenciase do de Rúa–Figueroa en que a responsabilidade da morte da monxa recae nun vividor, Juanito Morán. Non aparece a mínima referencia ao abuso da moza coa complicidade dos relixiosos nin critica ao sistema de captación de novizas. O cal non nos pode sorprender, pois a excelente novelista non cuestionou nos seus escritos, todo o contrario, o comportamento daquela Igrexa integrista, xusto o que denunciaba Ramón.

Arredor do Sexenio

En 1855 Ramón Rúa-Figueroa foi destinado para A Coruña onde publicou unha colección de artigos e poemas, Ayer y hoy, que non dimos localizado. Volvería á cidade herculina en 1865 e en 1867 publicou un artigo no Almanaque de Galicia para uso de la juventud elegante y de buen tono, dedicado a todas las bellas hijas del país, editado en Lugo por Soto Freire. O texto, Horas de viaje. Impresiones a escape, narraba o comezo da viaxe que emprendeu en maio de 1854 para acompañar aos colegas Fernando Bernáldez e Juan Pablo Lasala na visita de varios distritos mineiros de España e do estranxeiro. Xunto o artigo de Ramón a publicación recolle, entre diversas producións, tres poemas dunha Emilia Pardo Bazán moza, El consejo, Soneto filosófico e Fantasía (que a autora sinala “imitada del alemán”). Por outra banda, o texto de Rúa-Figueroa ten a honra de vir precedido, na mesma páxina, por un poema de Rosalía de Castro, ¿Que ten o mozo?, sinalado como Cantares gallegos (inédito) porque, efectivamente, non apareceu na edición orixinal (1863) e sería incorporado na de 1872.

Na Coruña, Ramón viviu o axitado período da revolución de setembro de 1868 que rematou, temporalmente, co reinado dos Borbóns. Republicano, activo militante do Partido Demócrata, colaborou en diversas publicacións promovidas por correlixionarios, como foi o caso de El Herculino (onde aparecería o artigo sobre a riqueza mineira de Galicia) e en La Correspondencia de Galicia, xornal que naceu en xuño de 1867, fundado por Eusebio Cascante e José María Montes, que exerceu de director.

En xaneiro de 1869 marchou para Madrid, destinado na Dirección de Propiedades y derechos del Estado, e continuou traballando con Eugenio Maffei nunha obra que iniciaran en 1857, os Apuntes para una biblioteca española de libros, folletos y artículos, impresos y manuscritos, relativos al conocimiento y explotación de las riquezas minerales y á las ciencias auxiliares.

Colaboracións en ‘El Heraldo’

As últimas colaboracións literarias de Rúa-Figueroa apareceron en 1874 nun semanario editado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal, El Heraldo Gallego. Alí figuran o artigo Krupp (maio), uns epigramas (xullo) e outros artigos: Páginas de un álbum (xullo), Rigi-Kuml(outubro) e La Bavaria, publicado o 31 de decembro, xa morto Ramón. En Páginas de un álbum, como indiquei, falou da Torre de Hércules e reproduciu textos de persoas mortas que deixaran unhas palabras escritas no Álbum da Torre. Dese interesante documento, que hoxe é propiedade do coleccionista ferrolán Guillermo Escrigas, incluíu anotacións, entre outros, de José Puente y Brañas (31 de xullo de 1849) e Antonio Neira de Mosquera (7 de setembro de 1849).

Morte e número especial de ‘El Heraldo Gallego’

Ramón Rúa-Figueroa morreu o 17 de decembro de 1874, con 49 anos. A nova causou grande impresión en toda Galicia e El Heraldo Gallego publicou un número monográfico dedicado ao seu salientable colaborador o 8 de abril de 1875, co título Corona fúnebre dedicada a la memoria del ilustre gallego Don Ramón Rúa Figueroa. Comezou, na portada, cun escrito en idioma galego do Dr. Domínguez Esquerdo (de Bande): A morte do poeta e filósofo gallego D. Ramón Rúa Figueroa. A ese texto seguiron outros (varios deles poemas), ben sentidos, de autores de toda Galicia: Emilia Calé, Victorino Novo García, Teodosio Vesteiro Torres, Alfredo Vicenti (que lle chamou “viejo camarada”), Luis Taboada, Manuel Comellas, Juan Neira, Nicolás Taboada Fernández, López de la Vega, Aureliano J. Pereira, Valentín Lamas Carvajal, P. Ruiz y Enriquez. Finalizou cunha breve biografía escrita por Camilo Placer Bouzo, quen a rematou así: “¡Figueroa ha muerto! Su memoria vivirá eternamente”. Para axudar á súa lembranza escribo episodios coma este.