Di Felipe Senén que non hai museos para grandes e para pequenos, que só hai que saber explicar os seus contidos. É museólogo e tamén “creador e animador da Asociación dos Amigos de Galicia, unha das pioneiras”, destaca.

A asociación comezou no ano 1975, arredor do Museo Arqueolóxico de Santo Antón, explica Senén que aquela era unha época na que aínda estaba nacendo a museoloxía como ciencia, que tiña como obxectivo “os museos de actores, máis que o recalcitrante museo de espectadores”. A súa asociación inspirouse nos colectivos ingleses, de “defensa e promoción do patrimonio cultural”, que tanto naceron arredor dos museos como de monumentos.

“Os ingleses son modélicos nisto da sensibilización sobre o patrimonio”, relata Senén, entendendo patrimonio como “documentos do pasado, escenarios da historia...” e sensibilizar como “enxergar, que é poñer sentido sobre as cousas, neste caso, sobre a cultura”, puntualiza.

A asociación ten un espazo propio, Portas Ártabras, no número 22 da rúa Sinagoga, desde o que a entidade organiza actividades, como conferencias ou viaxes, porque defenden que o patrimonio non está só nos museos senón tamén nas rúas e na natureza. “Hai pazos, hai cruceiros, hai hórreos, que son patrimonio, aínda que non estean ben tratados”, confesa. Desde o ano 1975 cambiaron moitas cousas e a entidade tívose que adaptar a elas, non só á actual situación de pandemia, senón tamén á aparición de internet e das redes sociais.

“Hai un fenómeno moi da globalización qu é a mercantilización e o consumo do que chamamos produtos culturais. Hai unha cultura do consumo e o perigo é que só quede niso. A cultura é recoller as técnicas e saberes para resolvermos os problemas de cada momento. A cultura non é máis ca un recetario que vén do pasado para saber valorar e distinguir. Porén, quedamos nunha cultura de días. Día da muller, das letras, do libro, da patria... Mal asunto cando se lle dedica só un día, porque son cuestións que teñen que estar todos os días e forman parte da educación e do humanismo”, comenta, e alerta sobre os perigos da “mercantilización” e da monetarización” da cultura, que a converte nunha mercadoría.

“A cultura levámola posta e ten moitas canles, pode ser visitar un monumento e que cho expliquen, pero tamén te podes achegar a el polas novas tecnoloxías, que tecen redes e que son moi importantes porque ofrecen moitas posibilidades”, relata. É unha ferramenta, pero tamén un reto para a museoloxía e a xestión dos museos.

“As asociacións de amigos dos museos fan unha chamada ás administracións públicas para que Galicia teña unha presenza digna nestas novas canles”, explica Senén. Non se refire só a grandes proxectos nos que se fan recreacións ou visitas virtuais, senón tamén a “pequenos vídeos por whatsapp”. “Unha cousa é servir á cultura e enriquecela e outra, servirse da cultura”, reflexiona.

Senén defende os museos como “lugar seguro” nestes tempos de pandemia e tamén como punto de encontro e de convivencia. “Coidado coa visión de museos para nenos. Os museos teñen que ser para todos, para maiores, pequenos, homes e mulleres, para os de arriba e para os de abaixo, para facer unha sociedade humanista. Os programas teñen que ser accesibles para todos”, comenta e afonda en que é un dos retos da nova museoloxía, que unha mesma obra achegue información para quen non a viu nunca como para os expertos.

“A cultura costa e hai que se meter nela, non é só ver un cadro, senón entender como está feito e o seu contexto, o mesmo que unha alfombra ou unha xoia, hai que saber valorar o que nos rodea, desde unha paisaxe aos camiños dos artistas. Se tomas un bo viño e comprendes que tipo de uva ten e onde se produce estaste metendo na cultura da vide e do viño. É un universo, como o do pan. O pan é o hórreo, é o muíño, é o forno, é o sacramento... Pois toda esta cultura está nos museos”, relata e apunta que os museos “están sempre de garda, sobre todo os sábados e os domingos, que é cando poden visitalos os traballadores”.