A morte do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021) foi acollida cun amplo pesar na sociedade galega. Houbo declaracións e escritos nos que se salientou a importancia do seu labor como docente e investigador da Historia de Galicia, mais tamén como xestor institucional e persoa comprometida co país. Nesta lembranza de quen admirei como historiador e apreciei como persoa, aludirei brevemente a certos recordos que conservo del, aos que engadirei algunha reflexión persoal.

As primeiras novas de Barreiro tívenas polas súas publicacións iniciais, El carlismo gallego (1975) e El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977), cuxos exemplares adquiridos neses anos conservo no que forma o núcleo da miña biblioteca. A eses libros seguiron outros ben relevantes (El campesinado gallego en el siglo XIX e Liberales y absolutistas en Galicia) no comezo dos oitenta, período no que iniciei as miñas investigacións sobre a recepción do darwinismo e a Historia das Ciencias. E nese labor, pola ausencia doutras pescudas previas, foime moi útil un artigo seu —“El evolucionismo en Galicia en el siglo XIX”— publicado en 1971 na revista que chegou a dirixir, Compostellanum.

A responsabilidade de espallar coñecemento

A notable irrupción escrita do profesor de Historia contemporánea estivo acompañada dunha sobranceira actividade como conferenciante e divulgador da materia. Asumiu que a responsabilidade dun especialista non remata no labor investigador e docente, na lóxica presenza en escritos técnicos e en congresos especializados ou en intervencións seleccionadas. Comprendeu que era obrigado saír da burbulla académica, ir ao contacto co público xeral e difundir coñecemento entre a sociedade.

Coido que non houbo outro coma el na difusión afervoada da Historia de Galicia

Nese terreo de coidada divulgación ocupou Pepe Barreiro durante décadas unha posición moi principal no panorama galego. Puiden comprobalo en persoa en numerosos e diferentes escenarios e mesmo, na segunda parte dos anos setenta, cando o convidamos a falar no activo Ateneo Ferrolán, gocei da magnífica oportunidade para compartir con el un agrádabel momento. Canto a oradores salientables, de mozo escoitara en Santiago unha intervención de Ramón Otero Pedrayo, conferenciante singular porén cun estilo declamatorio que me dou a impresión de que era propio de tempos anteriores. Nese período chamoume a atención a facilidade comunicativa dun catedrático novo, Xosé Manuel Beiras. Porén, para min Barreiro foi o conferenciante máis destacado de Galicia na parte final do século XX e primeiros anos do XXI, un comunicador dotado dun talento especial. Desde o seu físico notable xurdía unha voz potente mais tamén harmónica que, coa linguaxe axeitada, debullaba o tema tratado nunha ordenada exposición. Todos os seus recursos retóricos estaban reforzados por un elemento emocional que os facía máis eficaces e que, sobre todo, dotaba de credibilidade á mensaxe, trasladando información e entusiasmo. Coido que non houbo outro coma el na difusión afervoada da Historia de Galicia.

Perfil persoal e algunha reflexión

Co paso dos anos fun coincidindo con Barreiro en diferentes eventos e situacións, nos que el salientaba coa súa singular personalidade e coñecemento. Á hora de expresar as súas opinións mesturaba unhas posicións moderadas cun estilo bastante directo. Ademais, as súas intervencións tiñan unha certa dose de imprevisión, de espontaneidade. Canto ás relacións persoais, era afable e accesible, non establecía notables diferencias coas persoas en función da súa posición institucional e/ou académica. Polo que a min respecta, sempre sentín aprecio e consideración pola súa parte, algo que me trasladou en privado e tamén en público. Foi un dos numerarios da Real Academia Galega que me propuxo para ser académico correspondente da mesma e en diferentes momentos acudín a el para realizar algunha consulta ou solicitar determinadas informacións, pois despois do seu comezo fulgurante no panorama da Historia de Galicia, seguiu realizando valiosas pescudas e publicando unha relevante obra sobre temas ben diversos. Coido que unha das últimas conversas xirou arredor de Manuel Murguía, ese relevante personaxe da Historia de Galicia sobre o que realizou unha magnífica biografía e do que tamén publicou, con Xosé Luis Axeitos, a súa interesante correspondencia.

O historiador Xosé Ramón Barreiro

Polos anos noventa fun elixido numerario do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. Para facer efectivo o ingreso era necesario ler un discurso nun acto público. O tema que me correspondía era obvio, o naturalista Víctor López Seoane, xa que o Instituto custodia o seu legado e eu tiña traballado bastante sobre el. Non me tomei présa na redacción, pasaron os anos e sobre o 2006 rematei o texto da miña intervención, que chegou ás mans de Barreiro, pois el era o numerario designado para responderme. Aí tivemos un interesante diálogo arredor dun tema delicado. No meu escrito daba conta dunha lamentable e triste realidade: quen fora o naturalista galego máis importante do século XIX, cun valioso labor de décadas ás súas costas, fixera fraude. En varias publicacións científicas modificara a data da súa publicación para gozar da prioridade intelectual nalgúns dos descubrimentos que comunicaba. Falamos do tema, compartiamos a preocupación polo espiñento asunto, expresoume a súas dúbidas sobre a cuestión e ao final chegamos a unha conclusión. Loxicamente, informar das irregularidades, mais tamén facer un especial esforzo pola súa contextualización, por situalas no mundo científico daquel tempo e na traxectoria persoal de Seoane.

O historiador sentiuse moi a gusto na cidade herculina, integrouse perfectamente e atopouse como un coruñés máis

Nesas conversas falamos do inxusto que resultaría botar luz sobre ese comportamento de Seoane cando outros contemporáneos seus, integrantes da elite, poderían ter actuado ou actuaron de xeitos similares, canto agachar episodios escuros das súas biografías. É un tema ao que lle teño dado voltas. Coido que a tarefa obrigada é seren críticos con todos sen perder de vista nunca o contexto no que se desenvolveron os feitos. Un labor complicado porque o puritanismo intelectual e a acomodación cómplice aos relatos convencionais teñen bastante peso nunha parte do mundo académico galego. Como podemos comprobar estes días coa celebración do centenario de Emilia Pardo Bazán, resulta moi difícil asumir grises e sombras nas biografías de determinadas figuras; imponse branquealas, unha lectura única e case haxiográfica. Non obstante, con matices, non somos unha excepción. O pasado día 17 deste mes de marzo publicaba en The Guardian a salientable profesora Priyamvada Gopal (Universidade de Cambridge) un interesante artigo (“Why can't Britain handle the truth about Winston Churchill?” / “Por qué Gran Bretaña non pode manexar a verdade sobre Winston Churchill?”) sobre o complicado que lles resulta aos británicos aceptar unha visión crítica de Churchill. No texto indicaba un elemento clave que a algúns/has custa moito aceptar: “Critical assessment is not ‘character assassination” (“A avaliación crítica non é ‘asasinato de personaxes”).

Un coruñés chamado Xosé Ramón Barreiro

Compostelán de familia e de vivencias, Barreiro fixou hai décadas, coa súa compañeira Beatriz López Morán, a súa residencia na Coruña. Crearon unha magnífica biblioteca e arquivo que ocupa un piso enteiro, dedicado en exclusiva a esa actividade, cos libros ordenados en diferentes habitacións. O historiador sentiuse moi a gusto na cidade herculina, integrouse perfectamente e atopouse como un coruñés máis. Gozaba da vida social e cultural da cidade, do estilo dunha urbe con tradición, das relacións cos amigos. Asemade, para A Coruña foi un privilexio contar coa súa presenza en múltiples iniciativas e dispoñer dos seus valiosos traballos sobre a historia da cidade (agardemos que algunha institución local promova unha merecida homenaxe). Nese tempo tamén tivo a oportunidade de tomar contacto e coñecer aos poderes locais, aos que se presentan ás eleccións e aos que non o fan. Nun período inicial recibiu bo trato deles mais tamén levou golpes cando se amosou minimamente crítico; comprobou en carne propia a natureza dalgúns. Non foi a única amargura que sufriu. Nos últimos tempos na súa cátedra compostelá non se sentiu ben tratado e tamén viviu incómodo as divisións que se xeraron na Real Academia Galega; levaba esas decepcións con discreción e elegancia pero o pesar estaba con el. Esas experiencias negativas incidiron nun home de natural alegre e con bo humor e favoreceron nel unha certa desconfianza; xustificada unhas veces e outras non.

O historiador Xosé Ramón Barreiro.

No Cornide e o final

En 2014 entrei a formar parte da Xunta de Goberno do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, na que figuraban Andrés Fernández-Albalat (director), José Antonio García Caridad, Barreiro e Felipe Senén López Gómez. A fins 2016 estes compañeiros animáronme a coller a dirección, que desenvolvín ata o remate de agosto do 2020. A experiencia permitiume compartir numerosas reunións e eventos con Barreiro, quen non se limitou a propoñerme para esa responsabilidade, apoioume no que puido, asumindo con humildade os labores encomendados. Na recuperada revista (se sae á luz o número dous que leva dous anos na “neveira”), ocupou con Ana Romero Masiá a dirección e, entre outras cousas, cando comezamos a organizar a celebración do segundo centenario do Trienio liberal, realizou un guión inicial. Antes do confinamento provocado pola COVID-19 comuniquei aos numerarios do Instituto o meu desexo de deixar a dirección. Lembro que ao remate dunha desas reunións Barreiro se achegou a min e me dixo: “Tino, non volvas traer ese tema”. Niso non lle fixen caso, coido que estar á fronte das institucións só ten sentido se se pode cumprir cos obxectivos que estas teñen establecidos.

Nestes anos era evidente que o deterioro da súa saúde avanzaba, uns días notábase máis, outros menos. Doía velo tan limitado porén el seguía traballando algo, nunca parou. O confinamento sentoulle mal porén gozou neste ano da alegría de que o fillo, Álvaro, aprobara as duras oposicións a letrado da Seguridade Social. Pepe Barreiro morreu, deixounos algo orfos. Non obstante, coido que seguirá movéndose polo piso-biblioteca, consultando un documento ou lendo un libro, matinando sempre na Historia do seu país, Galicia.