O Fórum Metropolitano retomará do 20 ao 24 de abril o festival de narración oral Falando a boca chea que, da man de Artestudio Xestión Cultural, ofrecerá espectáculos protagonizados por un colectivo amador de teatro oral e narradoras e narradores orais de referencia e por novas voces que porán o foco na memoria dos maiores. A cita pretende achegar a narración oral a públicos de todas as idades, desde os nenos de dous anos até os maiores, para que poidan non só escoitar senón tamén participar e falar das grandes cuestións da súa existencia, da memoria, dos soños e da poesía.

Esta edición comezará o día 20, ás 20.30 horas, coa presentación do proxecto Memoria, que inclúe narración oral, docencia, formación teatral e intercambio de experiencias. Será unha posta en común da oratoria, de conversas e aprendizaxes, na que a palabra e a memoria serán as protagonistas. Como novidade, este ano o festival chegará a Oleiros, Arteixo, Sada e otros espazos con Memoria, que é unha expansión do festival Falando a boca chea, unha iniciativa na que narradores profesionais, como Soledad Felloza, Charo Pita, Caxoto e Ramiro Neira serán os encargados de recoller as historias das veciñas e veciños de 65 anos en diante durante sesións de reflexión e intercambio.

Co material que os veciños lles conten, os artistas crearán unha pequena peza de narración oral que compartirán co público de cada municipio e no primeiro día do festival. Estas xornadas serán gratuítas, aínda que será preciso reservar un convite a través da web www.corunacultura.sacatuentrada.es.

O vestíbulo do Fórum acollerá os espectáculos baseados en contos de lareira de Vero Rilo (21 de abril); Ana Carreira (22) e Lorena Pinheiro (23 de abril) e o colectivo amador de narración oral Cédoche a palabra (24) e nos que a entrada será gratuíta. Neste espazo tamén se incluirán, ás 17.30 horas, sesións de balde para as crianzas de dous a catro anos, con contos e arrolos a cargo de Ramiro Neira (22 de abril) e Olga Abad (23).

Xa no auditorio, desenvolveranse as montaxes para público adulto, a cargo de Cándido Pazó, Avelino González, Ángeles Goás e Xurxo Souto, que actuarán os días 21, 22, 23 e 24 de abril, respectivamente. O prezo das entradas será de cinco euros anticipada e de sete euros na billeteira. Haberá descontos para titulares do carné xove, desempregadas e maiores de 65 anos. As funcións serán ás 20.30 horas. As entradas están dispoñibles en sacatuentrada.es.

A cita estará presente tamén na escola, xa que os días 22 e 23 de abril haberá dous pases diarios de narración exclusivas para o alumnado de Educación Primaria, chamadas Contos de tesouros, de Ana Carreira, e Contos no mar, de Olga Abad.