Levaino! é fusión, é investigación e é xogo entre as dúas paixóns de Xurxo Fernandes, a música tradicional galega e a sefardí. “É fusión entre Oriente e Occidente”, resume o artista. O seu primeiro sinxelo, que se chama tamén Levaino!, xa está dispoñible en Youtube, cunha coidada produción e cun parto como fío condutor. O traballo completo poderase ver ao vivo o 9 de abril, no teatro Rosalía de Castro.

“A idea do disco tíñaa xa en marcha antes do confinamento, pero o traballo xestouse durante esa época. O embarazo foi así”, di cun sorriso Fernandes. Na súa carreira, o mundo do tradicional galego e do sefardí percorreron camiños paralelos, tanto artisticamente como na investigación.

“No tradicional galego empecei moi novo a facer gravacións de campo e con compilación de material que despois desenvolvín en diferentes proxectos, como Radio Cos. Paralelamente, fixen ese labor de investigación nas comunidades sefardís de Oriente, en Turquía, Bulgaria, Grecia e Marrocos. Con esa investigación fixen o proxecto de Jako, el Muzikante. Eses dous mundos sempre viviron de costas pero, agora, decidín presentar eses dous Xurxos”, relata, porque, logo de tantos anos de estudo e traballo nestas dúas culturas, conclúe que “teñen moito en común”.

“Penso que a nosa tradición oral ten moito que ver, tanto nas voces como nas percusións, co Mediterráneo, e é un mundo moi pouco explorado”, explica.

O método de traballo foi o mesmo nos dous eidos, no galego e no sefardí, o de buscar quen cantase e quen lembrase melodías tradicionais, pero, neste disco, non quedan na reprodución fiel senón que se mesturan unhas coas outras. Así, o primeiro sinxelo, Levaino!, usa unha melodía da minoría suahili de Paquistán. “Utiliceina como exhortación para manter a nosa identidade dentro da globalización e para manter as nosas raíces independentemente de onde esteamos e do que fagamos”, argumenta Fernandes, que agarda que as restricións sanitarias e que o actual contexto de pandemia non frustren a oportunidade de que este disco teña unha longa vida en directo por diante.

“Cando se fai un proxecto desta índole, un sempre ten a idea de transmitir todo o traballo que leva feito. Neste caso é un traballo de cocción lenta, así que, que saia agora é unha liberación e tamén moita esperanza de que remexa sentimentos”, comenta. Para facelo realidade contou coa colaboración de músicos como Pedro Lamas e Pandeireteiras Sen Fronteiros, que achegan non só as voces senón tamén “a súa potentísima enerxía”.

Para Xurxo Fernandes, a maneira de definir Levaino! é precisamente, a mestura. “É coma un xogo de espellos no que, moitas veces, non sabemos se as melodías son dun lugar ou doutro”, porque ambos os dous mundos están relacionados e non viven xa de costas, camiñan e avanzan unidos.