Foisenos Xosé Ramón Barreiro. Pasadas unhas poucas datas do seu pasamento a moitos de nós sorprendeunos a ausencia de ecos dese grande baleiro que deixa. Resulta ben curioso, pero moi ilustrativo da realidade que nos rodea. Empezo estas liñas facendo unha primeira declaración da miña parcialidade sobre a súa figura. Foi o meu Mestre, con todas as letras. Tanto no plano académico como persoal. Del aprendín moito mais do que nunca creo que soubo. Nel recollín en grande parte a autoridade da figura paterna, cando se me foi o meu pai máis cedo do que debería. Non. Non son, nin creo que deba ser imparcial nestas sentidas liñas.

Barreiro era un home forte, sólido e rotundo na súa acción e na súa fala. Comprometido ata a medula, apaixonado para todo e dotado dunha sorte de intelixencia natural para recoñecer de xeito rápido o carácter dos seus contertulios. Traballador incansable pleno de erudición, que fixo o mellor que un pode facer na súa vida profesional: vivila do xeito mais intenso posible, traballando naquilo que nel transmutábase en paixón —e non foi a única como moitos de nós sabemos—.

Esa voz perfectamente modulada, ronca e agarimosa, descubríache un novo mundo que non coñecías e que formaba parte de ti

Lembro perfectamente o medo que sentín as primeiras veces que falei con el. Non por el, senón polo que significaba para min. A relación dun alumno co seu Mestre nunca se esquece. Máis neste caso. Un rapaz que daquela se atopaba no derradeiro curso da carreira de Xeografía e Historia que quería traballar con el, aínda que fora nos traballos de investigación extra que poñía a todo aquel que quixera. Barreiro era daquela a voz que nos presentaba o noso pasado. Quedoume marcada a súa intervención nun dos sempre ben ponderados programas de La Clave de José Luis Balbín, que tanto fixo polo proceso de transición cara a democracia. De aí ven a miña decisión rotunda tamén de adicarme ao que facía aquel catedrático da Universidade compostelán. Esa voz perfectamente modulada, ronca e agarimosa, que che descubría un novo mundo que non coñecías e que formaba parte de ti.

Barreiro nunca deixou de ser moito mais autoritas que potestas. Ese respecto inicial diante da súa persoa sempre o conservei, mesmo avanzando os anos e a nosa relación. Canto mais o coñecía seguía incrementándose a percepción sobre o seu peso intelectual e carisma persoal. Falando con el en todos os seus despachos: na Facultade, no Vicerreitorado, na rúa Tabernas, no José Cornide, na súa casa… Para min, só estar con el reconfortaba a miña alma. Toda unha vida.

O historiador Xosé Ramón Barreiro

Contrariamente do que ao mellor algúns puideran pensar, Barreiro prefería que traballara outro tema para a miña tese doutoral, algo máis vencellado á política das primeiras dúas décadas do século XX. Arriscando na miña teimudez xuvenil atrevinme a presentarlle a miña proposta, escrita daquela aínda cunha vella máquina de escribir que trouxeran os meus país de Venezuela, para investigar sobre as dereitas galegas da Segunda República. E díxome que adiante, que eu vería. Crin que iso significaría certo desleixo de min pero non foi así. Nunca me deixou de apoiar no meu traballo. Deixoume ao seu carón, nunca se meteu, sempre estivo presente. Sentinme sempre acompañado no meu traballo e nunca interferido.

O xeito de ser de Barreiro foi unha herdanza que recollemos, porque non só nos deu clases, senón que deixou unha forte pegada do noso xeito de ver a transcendencia social de ser historiador

Pasado o tempo atopei que na comunicación que establecía Barreiro atopábase de xeito ben estraño e senlleiro unha perfecta mestura entre razón e sentimento. Ningún predominaba sobre o outro, e os dous percibíanse ben presentes. Pero tamén sempre me deu a impresión de ser un grande solitario, aínda que sempre se atopaba rodeado dun enorme afecto e admiración. Os seus admiradores eran lexión e todo o mundo —non só nas aulas— o apreciaban. Se ben é verdade que dentro dos seus obxectivos non se atopaba o de crear escola, a maioría dos profesionais da historia que tivemos a honra de que nos dera clase, séntense a día de hoxe herdeiros do seu ensino. Á marxe das afinidades políticas, porque Barreiro era a antítese do sectario. O xeito de ser de Barreiro foi unha herdanza que recollemos, porque non só nos deu clases, senón que deixou unha forte pegada do noso xeito de ver a transcendencia social de ser historiador. As súas verbas. Sempre escollidas. Nunca unha máis que outra. A mensaxe xusta. O ton equilibrado para non esquecerte na vida desa forza que emanaba das súas verbas. E aínda así, a súa autoritas creo que era moito máis polo que facía que polo que dicía. E mira que Barreiro dicía moito, e ben. Pero a súa capacidade de atracción residía na súa persoa e nas súas accións. Foi un personaxe carismático, atraínte, entre outras cuestións porque camiñaba entre as xentes dos pazos e chegaba ata os homes e mulleres dos barrios dun mesmo xeito. A súa voz soaba en todos os recintos onde se atopaba como un exemplo de autoridade.

Nas súas actitudes había certas contradicións porque Barreiro era sobre todo un grande ser humano. E como humano se comportaba. Foi un home que foi quen de revelarse independente, autónomo, libre... Con conciencia e sensación plena de liberdade de pensamento. Ben meditadas as súas accións. Non lle gustaba estar con limitacións, nin entre barrotes aínda que estes foran dourados. Creo que, ao seu xeito, dentro del persistía unha inquedanza eterna de rebeldía, un posicionamento crítico ante o mundo que lle tocara vivir. A súa opinión sincera e directa motivaba que as súas verbas soaran para algúns a primeira vista incómodas, pero estaban cheas de sabedoría e de aprendizaxe da alma humana. A súa persistente curiosidade, case de neno, mesturábase cun compromiso madurado a fogo ben lento.

Fixo moito pola identidade da cidade da Coruña en momentos nos que moitos entendían que era necesario un reforzo da súa autoestima

A sociedade galega débelle moito ao historiador Barreiro,o xeito de ver o seu pasado. Pero tamén a cidade da Coruña, esa que o profesor acolleu de xeito ben voluntario como o terreo onde edificar a súa vida. Fixo moito pola identidade desta cidade en momentos nos que moitos entendían que era necesario un reforzo da súa autoestima. E Barreiro participou dilo dun xeito rotundo ata o final da súa vida, sen perder esa capacidade de fusionar razón académica e sentimento. A paixón polo seu oficio era a esencia da súa enorme comunicación. Coincido con case todos os que falo nestas datas en que unha homenaxe a súa figura é debida.

Barreiro foi un grande entre os grandes da nosa historiografía. Poderíamos facer un diverso e amplio relatorio de todos os temas que tocou, a maioría deles poucas veces traballados, pero motivados por unha infinita curiosidade por coñecer, e tamén recoñecerse, como facemos todos os que nos poñemos diante do papel a escribir.

Xunto a Ramón Villares, foron os dous que construíron e colocaron o saber histórico no cumio da influencia social no país

Foi a alma do pais. Tras a súa paleta de cores fíxonos ver que era Galicia. Que é Galicia. Xunto a Ramón Villares, foron os dous que construíron e colocaron o saber histórico no cumio da influencia social no país. Creo que nunca unha terra como Galicia tivo tanta influencia dos seus historiadores na súa sociedade. Observade que as aulas da nosa Facultade de Historia, contrariamente ao que acontece noutros páramos, seguen a ter xente de grande calidade, aínda de todo o que esta a caer na actualidade en contra das chamadas Humanidades. Pasados moitos anos xa daqueles finais dos setenta temos que dicir que foron eles, foi Barreiro, o que marcou o camiño para que moitos, entre eles eu, quixeramos adicarnos ao oficio máis bonito que existe neste mundo. Como el dicía, unha carreira dura, chea de obstáculos, pero ben fermosa para transitar pola vida. Explicar a humanidade coas súas luces e sombras. Convertirse en relatores do paso dos homes e mulleres pola terra. Isto é o que pretenden ser estas liñas sobre o meu Mestre. Un home de exquisita sensibilidade, agarimoso, e sobre todo, pleno de humanidade. Humano, moi humano. Unha persoa consecuente do seu paso polo mundo. Libre. Unha fala brava.