Manuel Lourenzo (1943) leva máis de medio século dedicado á interpretación e ao teatro, aínda que asegura que é “moi noviño” e que aínda está a aprender. Este ano os premios Mestre Mateo outórganlle o galardón de honra Fernando Rey por toda unha vida de traballo enriba do escenario, pero tamén detrás. A Manuel Lourenzo, o Terito de Fariña, e o Melgacho de Mareas Vivas, non lle apetece moito facer entrevistas, pero fainas, porque, asegura que é o seu deber e a súa obriga aínda que, enriba da mesa, estea mirando xa “o pan cocido” e teña “unha fame doente”.

Entréganlle o premio de honra a toda unha vida de traballo, logo de tantos recoñecementos, este é un máis ou tenlle un sentido especial polo tempo que estamos a vivir?

Pois teño que avisar ao carpinteiro para que me faga un recuncho máis, pero a bo prezo, porque non me collen na libraría. É unha cuestión de carpintería. Se me vai cobrar moito, poreino enriba ou debaixo. A ver se tedes un por aí que mo faga.

Son máis de cincuenta anos xa dedicado ao teatro, supoño que as cousas cambiaron moito desde os seus inicios a agora, non?

Pois non sei, porque como son tan noviño non me decato da variación das cousas. Eu é que aínda me estou formando e aprendendo, así que non me dou conta do que pasa. Estou aprendendo.

Aínda lle queda moito por aprender desta profesión?

Moitísimo.

E aprende dos que levan máis anos ca vostede ou tamén da xente nova?

Máis aprendo dos novos. Por exemplo, aprendo a non caer, porque os maiores habitualmente caen. Dos vellos non teño moito que aprender. Se vou nunha carreta, por exemplo, aprendo máis dos novos, que teñen máis forza.

Contáxiase moito enriba do escenario dos compañeiros e compañeiras se son de diferentes idades e se teñen diferentes perfís?

É moi bonito traballar con diferentes idades, así observas como vai cambiando a vida e aprendes e, como aprendes, o teu traballo vai sendo mellor.

Agradéceo o público?

Supoño que si, porque se non o agradece sería un público de pum-pum, tira para atrás.

Como está vivindo esta época de pandemia, na que estamos todos un pouco descolocados coas restricións sanitarias, e que non podemos ir ao teatro non ao cine coma antes?

Está a xente cun pouco de medo. Eu creo que habería que facer un esforzo por ter alegría, por moverse con certa tranquilidade e por non facer trangalladas para non botar todo o aprendido polo chan.

Aínda que non haxa programación coma antes, está traballando? porque ten varias facetas, tamén como escritor e docente?

Estou traballando e moitas horas ao día. Caéronme algúns traballos que tiña que facer necesariamente e púxenme a facelos no canto de queixarme. Hai que tirar para adiante. Estou contento porque teño unha ocupación segura.

Din que o teatro está sempre en crise, chamárono moitos compañeiros durante a pandemia para preguntarlle como se fai para saír delas, vostede que xa viviu varias?

Eu traballo na miña casa e cando sona moito o teléfono, marcho. Busco un bar moi tranquilo na Coruña, no que a xente é moi educada e, alí, escribo. Cando teño que traballar con alguén xuntámonos alí, así que, non sentín en ningún momento falta de lugares para traballar.

En máis de medio século de vida dedicada ao teatro e á interpretavión terá vivido de todo...

O que pasa é que non son nada presumido. Dáme igual traballar nun sitio ca noutro, o que si que me gusta é traballar con persoas que non sexan choronas, que sexan concisas e que teñan interese polo traballo e que lles guste e que falen e pregunten cando teñen que facelo, que non sexan persoas caldas nin insatisfeitas.

O seu personaxe máis recoñecido dos últimos anos é o de Terito, de Fariña, pero agora está traballando noutros novos?

Pois despois de Fariña estiven traballando en dous espectáculos, pero un deles non se puido facer pola pandemia. Tomei uns días para saber que facer e, cun amigo, que ten moita forza, fixemos un traballo, que aínda non puidemos estrear porque é moi complicado e porque non hai medios suficientes para poder facelo. Actualmente, poderiamos estrealo, pero necesitamos salas e, como é un traballo moi complexo e moi profundo, querémolo facer moi ben, así que, aínda nos quedan uns ensaios máis. Agora a xente non vai ao teatro, así que, imos agardar a que se normalicen algo as cousas para poder estrear nunhas condicións óptimas.

Bota en falta ao público?

Moito, quizais o que máis de todo.

É a etapa máis longa que pasou vostede sen subir a un escenario?

Non, porque houbo momentos no que había circunstancias moi diversas que impedían subirse a un escenario ou facer un teatro para moitas persoas. Houbo tamén, nos anos que eu teño, momentos nos que facer teatro era difícil, ben por ideas políticas, porque estaba mal considerado o que facías, ben politicamente ou por outros motivos. Sempre houbo cara ao teatro algún medo e represión.

Que saúde ten agora mesmo o teatro galego?

Tense que repoñer, porque,de momento, ten moi mala saúde, o que pasa é que tamén ten persoas moi válidas e moi interesantes, así que, esperemos que pase un tempiño para poder ver grandes traballos.