O espectáculo Jazzliza, que se celebrará o xoves 6 de maio, ás 20.00 horas, no teatro Colón, naceu como un exercicio para o alumnado do Conservatorio Superior de Música. Os estudantes tiñan que levar ao eido do jazz poemas galegos que forman unha antoloxía da literatura do país, desde Afonso X até Xela Arias, pasando por Fernán Vello e Ánxeles Penas. Agora, todo ese traballo será levado ao escenario do Colón cunha Big Band e con voces como a de Carmen Rey, que será unha das encargadas de que o que até o da agora son partituras, se convertan nun espectáculo en vivo. Sobre o escenario estarán máis dunha ducia de músicos, algúns deles, xa profesionais, outros, que veñen de rematar os seus estudos no conservatorio.

É un dos actos que a cidade programará para ir celebrando o Día das Letras Galegas, que este ano ten como protagonista a Xela Arias. O que foi a súa parella, o fotógrafo Xulio Gil, lembrou onte que converter en música os poemas de Intempériome foi “unha obsesión” para Arias polo que, tanto tempo despois, cumprirase un dos seus desexos e culminará un proxecto que tanto tempo lle levou en vida, como aprender a declamar os seus versos.

O teatro Colón ten á venda 164 entradas, o máximo que permiten as restricións actuais, e poden mercarse a través da web corunacultura.sacatuentrada.es, a partir de 7,50 euros.

O mestre de cerimonias será Xurxo Souto, que introducirá cada unha das doce pezas que soarán neste espectáculo que pretende ser un percorrido pola poesía galega.

A poeta Ánxeles Penas pediu onte, na presentación, que este espectáculo teña continuidade, para que poidan soar tamén a jazz os versos de Avilés de Taramancos.